Cando se ‘fodeu’ En Marea?

Estamos ás portas dunhas eleccións autonómicas que se un milagre non o remedia confirmarán, unha vez máis, a hexemonía electoral do Partido Popular, en paralelo a súa hexemonía social e cultural; e certificarán o peche do ciclo político aberto hai oito anos, nas eleccións do 21 de outubro de 2012, onde irrompeu AGE como primeira emenda á estrutura de partidos existente desde os anos 80 en Galicia (e como despois se comprobou tamén en España).

Eleccións que veñen acompañadas da desaparición (máis aló do nominal) do espazo de cambio democrático e cidadá que representou nas pasadas eleccións En Marea.

Moito se ten escrito de cando se torceu todo, ¿cando se ‘fodeu’ En Marea?. A maioría das interpretacións en clave personalista (curiosamente mesmo dalgúns que se reclaman marxistas e se lles esixiría un coñecemento máis preciso da dialéctica) buscan en ‘traidores’ ou ‘arribistas’, dun ou doutro bando, as motivacións últimas que en realidade teñen máis que ver con elementos estruturais na formación histórica da esquerda galega contemporánea, coas ausencias dunha formación intelectual non doutrinaria ou coa debilidade dunha cultura democrática (creo que son eses elementos, e non a convivencia plural entre nacionalistas e estatalistas, da que tanto se ten falado, os que merecerían a nosa atención). 

En todo caso, non é obxecto deste artigo afondar neses elementos estruturais apuntados (e que deben e deberán ser obxecto de estudos de análise máis profundos), senón situar cales creo foron os dous momentos chave onde o proxecto de En Marea entrou en ‘fases/crises’ de non retorno. E digo fases en plural porque son dous momentos temporais distantes con consecuencias diferentes pero sumatorios.

Moito se ten especulado sobre si a ruptura de En Marea foi cando Luís Villares asumiu nunha política de alianzas arriscada a portavocía da formación, ou cando o ‘caso Paula Quinteiro’ e a súa posterior xestión, ou sobre si o convulso proceso de elección do Consello das Mareas, ou – en última instancia- a diferencia de voto nos Orzamentos do Estado 2019 entre a dirección de En Marea e o Grupo Parlamentario no Congreso.

Sen dúbida, estes momentos foron centrais no desenvolvemento dos acontecementos, pero non terían lugar, ou houberan cursado de xeito diferente, se non existiran dous momentos centrais: un de carácter fundacional (Asemblea de Vigo e proceso de primarias de setembro de 2016) e outro de carácter institucional (III Encontro de En Marea en marzo de 2018) que pasaron máis desapercibidos pero que foron chave.

En Marea presentouse ás eleccións xerais de novembro de 2015 como unha sorte de herdeira de AGE e co beneplácito e aval da maioría das Mareas Municipalistas que obtiveran un resultado exitoso uns meses antes.

Pero En Marea non era, nin moito menos, o proxecto cidadá, democrático e nacional que as Mareas demandaban. Seis meses de traballo, e as súas conclusións, do proceso de Mareas en Común así o testemuñan. En xuño de 2016 Mareas en Común remataba os seus traballos coa certeza de que a formula que se elixiría para as autonómicas era central para vertebrar un proxecto transversal de cambio e un programa de renovación democrática fiable e, tamén, coa incertidume de si as cúpulas dos partidos políticos ían aceptar ou non as demandas das Mareas.

Aquí é onde se produce a primeira crise-chave de En Marea (a fundacional). A forza das Mareas naquel momento eran o suficientemente importante, non so polo número das mesmas espalladas polo país senón por ter acadado resultados impensables para forzas que se situaban no limite do ‘réxime’.

Os partidos, que estaban cómodos na fórmula de coalición de partes e que no seu momento puxeran moitos paos nas rodas na vertebración das Mareas, non lles quedaba outra que aceptar o modelo presentado por Mareas en Común, pero aproveitaron a súa mellor posición na negociación (co apoio dalgúns mareantes-partidarios) para deturpar os resultados da asemblea fundacional de Vigo, escollendo unha coordinadora provisoria a súa medida, e, posteriormente, negociando con Podemos unhas primarias adulteradas que ían condicionar o resultado do grupo parlamentario e á larga á permanencia de En Marea como unha coalición de facto.

A segunda crise-chave (a institucional) produciuse en marzo de 2018. A esas alturas xa todo o mundo era consciente de que En Marea como proxecto unitario de carácter nacional fracasara e que nel convivían un proxecto de ámbito galego (por definir) e un proxecto estatal (Unidos Podemos). Era preciso naquel momento unha viraxe que recoñecera os dous proxectos, levara a cabo un divorcio orgánico amigable e asentara unha entente estrutural entre En Marea e Unidos Podemos que permitira a continuidade do proxecto nacional de cambio. Pero había xente interesada en que isto non ocorrera.

A presentación por parte de Xosé Manuel Beiras, dunha resolución co obxectivo de disciplinar ao grupo parlamentario de En Marea nas Cortes Xerais, foi aplaudido pola maioría de En Marea na interpretación dun achegamento do histórico líder ás posicións da maioría, sen darse conta que en realidade tiñan como obxectivo resituar a Anova no novo tempo do ‘rupturismo’.

A aprobación do documento “En Marea e o seu grupo parlamentar nas cortes do estado” (no III plenario de marzo de 2018) e sobre todo o seu ton bronco e bochornoso tiveron como resultado cortacircuitar para sempre as relacións de En Marea con Unidos Podemos e permitir a Anova seguir sendo o referente en Galicia da forza estatal. Un referente debil para situar con forza cuestións políticas pero suficiente para utilizar a súa característica ‘nacionalista’ para sacar algún rédito de representación.

Estes dous momentos chave, o fundacional e o institucional, foron os centrais (e sen posibilidade de retorno), e non outros.

A día de hoxe, e cando a estrutura de partidos en Galicia vai encamiñada a retornar ao modelo que permitiu á dereita manter a hexemonía durante case 40 anos de autonomismo e cando a xanela de oportunidade se pecha, creo que serian oportunas algunhas preguntas:

¿Alguén pode pensar, sen doutrinarismos que lle nubren a razón, que un programa exclusivamente nacionalista ou de esquerdas ten máis forza que un programa democrático e rexeneracionista para derrotar a Feijóo?

¿Alguén pode asegurar, sen ruborizarse de vergoña, que o tecido popular vai ter máis peso nunha ‘nova’ alternativa onde se abandonaron definitivamente os principios de Mareas en Común de organización vertebrada sobre as persoas (decidindo en primarias únicas) fronte as cotas de partidos?

¿Alguén pode afirmar, sen insultar á intelixencia, que en realidade van ter algún papel as Mareas Municipalistas máis que de meros comparsas nunha nova alianza fraguada desde os partidos que xa se presentan como motores principais, en lugar de como motores auxiliares?

Todo parecería indicar que si as cúpulas partidarias tiveron toda a marxe de manobra e fixeron xa naufragar dous proxectos: AGE e En Marea, farán o mesmo nesta terceira oportunidade co cidadanismo máis debilitado que hai catro anos.

E namentres cun PSdG e un BNG coas mesmas receitas de hai dúas décadas. 

A vitoria da dereita esta servida.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.