Cando ser crítico é ser negacionista

0. Perdeu a esquerda a súa alma? Se nos puxeramos exquisitos, poderíamos remitir a certos estudosos como Alain Accardo, Alain Deneault, Byung-Chul Han, Günther Anders ou Mark Hunyadi para, baixo o paraugas da cita cum auctoritas dicir que si, que a perdeu, que se desnaturalizou para montar o cabalo do capital, controlar un pouco o seu galope, sen por iso deter o seu paso acelerado cara ao cavorco.

Tanto ten se o goberno é progresista ou conservador, xa que, en esencia, nada altera a folla de ruta do capitalismo, nin nas macrodinámicas de gobernos, nin nas pequenas, onde o modo de vida capitalista colonizou os hábitos, a linguaxe e o imaxinario

1. Comprobamos este feito en todo o Estado español, onde tanto ten se o goberno é progresista ou conservador, xa que, en esencia, nada altera a folla de ruta do capitalismo, nin nas macrodinámicas de gobernos, nin nas pequenas, onde o modo de vida capitalista colonizou os hábitos, a linguaxe e o imaxinario. E, desde que campa como quere o virus pandémico, moito máis. 

2. Accardo ten razón cando di que o combate contra o capitalismo é sempre un combate contra si mesmo, contra o pequeno burgués que dorme en nós (p. 20), isto vese no baleirado ético que produce traballar con plataformas rentistas ou en pensar que non hai nada perxudicial no click que opera un pedido a Amazon.

3. Como describe James Bridle, hai que ser conscientes de que cada click que executa un pedido en Amazon desencadea un proceso en que un traballador precario e escravo é sometido á ditadura da rendibilidade máxima, ao mesmo tempo que perxudica o comercio de proximidade e, polo tanto, a vida no barrio. 

4. A esquerda pasou de querer facer a revolución a xestionar (con suposta faciana humana) a maquinaria capitalista, coma un departamento de recursos humanos. Até a palabra ‘utopía’ foi sometida ao xugo do ‘pragmatismo’ electoral. E así lle foi á esquerda nas eleccións galegas do 2020: residualidade e marxinalidade que poden conducir a unha nova longa travesía do deserto que desfixera AGE no 2012.

A esquerda pasou de querer facer a revolución a xestionar (con suposta faciana humana) a maquinaria capitalista, coma un departamento de recursos humanos.  E así lle foi á esquerda nas eleccións galegas do 2020: residualidade e marxinalidade que poden conducir a unha nova longa travesía do deserto que desfixera AGE no 2012

5. Aínda lembramos as protestas que espertara a coñecida como Lei Mordaza, polas súas infames repercusións á hora de facer valer os dereitos e liberdades que consagra a propia Constitución de 1978 (LO 4/2015 de protección de la seguridad ciudadana). Unha lei feita a medida da represión por parte do Estado -daquela en mans da dereita representada por Rajoy- e para felicidade dos membros que conforman non poucas estruturas administrativas, institucionais e sociais do Estado. Membros caracterizados por un curriculum conservador e, en non poucas ocasións, de extrema dereita. Nada abraiante se consideramos como se produciu a ‘ruptura’ coa ditadura franquista. Circunstancia que se relaciona moi ben coa conversión do Estado e dos resortes democráticos nun títere para beneficio das oligarquías.

6. Unha lei que foi e é usada polo suposto goberno progresista para impoñer a súa estratexia securitaria fronte ao virus pandémico. Unha lei que debe ser derrogada para poñer en primeira instancia a defensa da Democracia con maiúsculas, hoxe sometida a todo tipo de degradacións e vulneracións, a través dunha lei actualizada de dereitos cívicos, políticos e sociais e garantir a súa defensa. De non se exercer a forza executiva e lexislativa agora, corremos o risco de que, nun futuro non moi lonxano, todo vaia en contra dos intereses democráticos das persoas. Entón...seguro, escoitaremos a eses que calan agora, manifestarse moi alto.

7. No campo de acción da esquerda -non consideramos neste espectro aos liquidacionistas posmodernistas- sempre houbo unha serie de máximas preocupacións: a defensa da clase traballadora e dun traballo digno, a defensa e o afortalamento dos servizos públicos e a garantía de acceso aos mesmos, desfacer os mecanismos de segregación e desigualdade, derrogar a actual lei de estranxeiría e suprimir as devolucións en quente, asumir o papel de potencia administradora na cuestión do Sahara Occidental e facer cumprir as resolucións da ONU sen hipocrisías nin cesións deshonrosas e indignas a Marrocos. En ningún destes apartados se mellorou -a pandemia serve ou ben de escudo protector da inoperancia e da mediocridade ou ben de acelerante da degradación de dereitos e liberdades-, e nalgún deles -Sahara e Migrantes- tense un comportamento impropio dunha esquerda digna dese nome.

A polarización bate as mans e vive feliz, o pensamento crítico é relegado ás marxes e estigmatizado hoxe como ‘negacionista’

8. A polarización bate as mans e vive feliz, o pensamento crítico é relegado ás marxes e estigmatizado hoxe como ‘negacionista’, a nova palabra con rabo, como antes o era ‘comunista’. Refútase a declaración de existencia de aristas, de matices nas decisións que adoptan os poderes públicos. Quen ouse criticar abertamente esas decisións será conducido ao paredón do estigma negacionista. Pero a crítica e a dúbida son consubstanciais ao pensamento argumentado.

9. Nos medios de comunicación de masas vemos -hoxe domingo 17 de xaneiro como se enxalzan os trazos positivos do virus no ensino, xa que, supostamente, favorece entornos máis saúdables e limpos. Unha aberración que esquece a realidade negativa do resto da sociedade e da propia educación, onde educar é tamén educar en cooperación, en actividades extraescolares (moitas anuladas), en poder verse as caras, en poder achegarse a apoiar as dificultades que ten un alumno ou alumna á hora de entender algo ou realizar unha actividade. E esquece as horas con máscara ou o feito de realizarse a docencia con temperaturas frías.

10. Hai decisións pouco eficaces polas dificultades á hora de materializar a súa realización. Hai decisións (a celebración do Nadal) que son causantes da propia desfeita da que se culpa agora ás persoas. Hai imposicións que seguen sen ter ningún sentido lóxico (como levar máscara cando paseas só por un entorno natural ou ter que levala cando vas en scooter con casco non integral...).

Hai decisións (a celebración do Nadal) que son causantes da propia desfeita da que se culpa agora ás persoas

11. Normalízase unha linguaxe militarizada e securitaria para describir o traballo dos e das profesionais e os telexornais convértense nunha estatística ‘competitiva’ de números acompasada de ‘entrevistas’ politicamente correctas.

12. Prodúcense decisións asentadas en discursos que ‘culpabilizan’ sen probas, como aconteceu cos ‘botellóns’ dos universitarios [despois do cribado calaron os ridículos resultados de positividade que ‘delataron’ os tests]. As decisións que se adoptan revístense de ‘dureza’ nos discursos públicos, pero diríxense sempre aos mesmos colectivos: ao mundo da cultura, ao sector da hostelería e restauración e, en xeral, ao pequeno comercio.

13. Anos e anos traballando para que se mancomunen servizos, para a xestión cooperativa entre municipios veciños, e agora sanciónase ás xentes que pasan dun municipio ao outro para a realización de actos que lle foron incorporados polas propias administracións que agora os sancionan. E...curioso, ninguén se cuestiona que acontece en realidade nas residencias de maiores.

Normalízase unha linguaxe militarizada e securitaria para describir o traballo dos e das profesionais e os telexornais convértense nunha estatística ‘competitiva’ de números acompasada de ‘entrevistas’ politicamente correctas

14. E, se nos poñemos éticos de verdade: alguén pensa nos millóns de persoas para quen vivir nunha vivenda digna é un soño? Cando se falaba (e se fala) alegremente de confinamento e se ditaban (e se ditan) normas e normas, alguén se decataba (se decata) do sesgo socioeconómico co que se fai?

15. O virus alíase co capital para acelerar un proceso que comezou coa disolución posta en marcha polo posmodernismo en perfecta sintonía coa abdución neoliberal. Non hai discurso politicamente correcto propio do pensamento dominante que non enxalce, sen probas de ningún tipo, o teletraballo nas súas diversas modalidades. 

16. O hipercapitalismo dixital aséntase nunha distorsión esencial: aprópiase das rendas e do traballo social a través dunha privatización que opera baixo máscaras que algúns, aínda hoxe, poden considerar de esquerdas. Por exemplo, nese eido están Uber, Airbnb, Deliveroo, que demoucan os dereitos laborais de forma impune e que, en realidade, non son empresas colaborativas, senón empresas rentistas como as define Albino Prada.

O virus alíase co capital para acelerar un proceso que comezou coa disolución posta en marcha polo posmodernismo en perfecta sintonía coa abdución neoliberal

17. Non obstante, o repouso e o traballo son formas distintas da existencia. O repouso in-corpora a festa e o lecer: celébrase. O traballo remunerado non é ningunha festa. Cada forma require do seu espazo e do seu tempo. Hoxe, practicando a disolución queren que naviguemos dunha existencia digna a unha mera subsistencia. Curioso que sexa a suposta esquerda a que acelere os procesos de disolución dos espazo-tempo do repouso e do traballo.

18. Os rituais desaparecen e con eles a estabilidade, a pausa demorada e os símbolos que permiten o encontro dos que se recoñecen neles. O dixital liquida o ritual do corpo e da presenza, mata o encontro e desintegra os elos relacionais verdadeiros nunha falacia que só fai millonarios aos donos do capitalismo dixital. Nada peor que pensar que a educación pode vir desde unha pantalla. Nada mellor para o capital que atomizar aínda máis a protesta social confinándoa nos fogares. 

Nada peor que pensar que a educación pode vir desde unha pantalla. Nada mellor para o capital que atomizar aínda máis a protesta social confinándoa nos fogares

19. A eliminación do conflito, da discrepancia argumentada nesta sociedade neoliberal do politicamente correcto vai da man da existencia da sobreprotección, dun paternalismo/maternalismo mal entendido e dunha perigosa infantilización da sociedade. A supresión das engurras só pode ser unha mala nova para unha democracia sana. Pero o capitalismo non quere unha Democracia digna dese nome: son incompatibles. 

 

Bibliografía 

  • Accardo, A. (2020), Le petit-bourgeois gentilhomme. Sur les prétentions hégémoniques des classes moyennes, Agone: Marseille [1ª edición en Labor, 2003] 
  • Anders, G. (2019), La obsolescencia del odio, Pre-textos: Valencia [edición orixinal en alemán, 1985] 
  • Bridle, J. (2020), La nueva edad oscura. La tecnología y el fin del futuro, Debate: Barcelona [edición inglesa 2018] 
  • Deneault, A. (2019), Mediocracia. Cuando los mediocres toman el poder, Turner: Madrid [edición orixinal 2015-2016] 
  • Han, B.-Ch. (2020), La desaparición de los rituales. Una topología del presente, Herder: Barcelona. 
  • Hunyadi, M. (2015), La tiranía de los modos de vida. Sobre la paradoja moral de nuestro tiempo, Cátedra: Madrid. 
  • Prada, A. (2019), Crítica del hipercapitalismo digital, Catarata/Fundación 1º de maio: Madrid.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.