Cans sen dono

Para ir ao Festival de Cans tes que coller cara as montañas na rotonda que hai antes de entrar en Porriño. A estrada en liña recta que te leva a aldea dos chimpíns máis floridos do mundo está adubada con varios puticlubes que dan boa fe da vitalidade que se respira nas fouces rochosas do interior da Galiza.

Unha vez alí non sabes moi ben se estás naquel programa da televisión galega A Tutti Churrasco ou na película O Guateque de Peter Sellers

Unha vez alí non sabes moi ben se estás naquel programa da televisión galega A Tutti Churrasco ou na película O Guateque de Peter Sellers. En calquera das situacións teñen lugar momentos hilarantes froito dunha imaxinación desbordada, un exceso de Estrellas Galicia e o humor excelente do que gozan os organizadores e a propia xente de Cans así como os forasteiros que por un intre aloumiñan un anaco hedonista do seu tempo vital. O mesmo cae unha treboada xenerosa antes de comezar un concerto a media noite no torreiro da igrexa, como un rapaz con rastas deixa caer unha faísca acesa na camiseta da rapaciña que ten diante e que, á súa vez, fala con Gonzo (El Intermedio) para fotografarse con el.

E mentres todas estas escenas se suceden, no garaxe de Moncho, no cortello de Chelo ou no galpón de Mari, a creatividade e o talento abrollan sen complexos nas montañas do Porriño en forma de curtas ou de concertos, alleos ao lado sinistro da nosa sociedade, formado por aqueles que viven noutro mundo distinto, un lugar paralelo, por enriba do noso, habitado por tecnócratas, banqueiros, usureiros, xuristas corruptos, ricachos especuladores, políticos amorais… un lugar construído á nosa conta, si, por nós, os inxenuos currantes encargados de tapar os furados morais.

Aquí a xente non necesita ir a hoteis de luxo en Marbella para pasalo ben cos cartos do contribuínte a pesar de ter un soldazo por representar ao Poder Xudicial

A procesión de chimpíns parte do bar onde Morris se toma, sosegadamente e cun sorriso permanente nos beizos, un café con leite á espera de recibir o Premio Pedigree de Honra. Todo o mundo está contento: a empanada está boísima, os chatos tamén e a choiva de birras é interminable. É outro xeito de ver o mundo, máis inocente pero tamén máis tanxible, podes sentir o arrecendo da terra. Aquí ninguén se atrevería, como fan outros, a comprometer o futuro de varias xeracións de cidadáns por montar un banconegocio para enriquecerse e, de paso, enriquecer aos amiguetes a costa de arruinar a un país. Aquí a xente non necesita ir a hoteis de luxo en Marbella para pasalo ben cos cartos do contribuínte a pesar de ter un soldazo por representar ao Poder Xudicial.

Tampouco no Festival de Cans precisan realizar viaxes diplomáticas a Washington para tratar de xustificar o inxustificable perante o Departamento do Tesouro dos EE.UU e o FMI. Dá gusto ver a Isabel Coixet, premiada con varios Goya, mesturarse cos paisanos de Cans que, igual non lle viron todas as películas, pero de supervivencia, economía de subsistencia e de honradez saben dabondo.

O agroglamur ten moito mérito nos tempos que corren. Atopar a beleza entre tanta podredume moral alimenta a esperanza na capacidade das xentes e ven demostrar que moitas cousas son aínda posibles neste mundo cada vez máis fragmentado e complexo

O agroglamur ten moito mérito nos tempos que corren. Atopar a beleza entre tanta podredume moral alimenta a esperanza na capacidade das xentes e ven demostrar que moitas cousas son aínda posibles neste mundo cada vez máis fragmentado e complexo. Un paisano cheo de sabedoría colgaba o seguinte cartel no seu pequeno tractor horas antes de que Xoel López nos deleitara con fermosas cancións que falan da distancia: “Cans é un pobo pequeno onde suceden grandes cousas”. Pois si, este é o pequeno gran milagre que se vive en Cans, o que vivimos cada día nos nosos fogares, no noso país. Mentres nos permitan respirar seguiremos tapando os furados e corrixindo as eivas que os desgobernos nos impoñan. Somos cans sen dono.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.