Capitalismo de amiguetes

Os recursos naturais son un maná caído do ceo, mais poden ser unha maldición. Sobran exemplos de países ricos en recursos naturais incapaces de emprender a rota da prosperidade. Prototípica é Venezuela. A súa exuberancia petrolífera –lonxe de mellorar o benestar da poboación- enriqueceu uns poucos, corrompeu o proceso político e paralizou o crecemento económico. Terry Lynn Karl describe no seu libro The Paradox of Plenty: Oil Booms and Petro-States as manobras dos grupos de interese venezolanos para facerse coas rendas petrolíferas en conivencia co aparato estatal, que duplicou a súa magnitude entre 1970 e 1978 mentres a débeda externa se multiplicaba por nove. Certamente, algúns países xestionaron eficientemente a súa inesperada fortuna. Noruega ou Botswana son excelentes exemplos. Porén, outros teñen boas razóns para maldicir a súa sorte.

Prototípica é Venezuela. A súa exuberancia petrolífera –lonxe de mellorar o benestar da poboación- enriqueceu uns poucos, corrompeu o proceso político e paralizou o crecemento económico

Existen varias posíbeis explicacións da maldición dos recursos naturais, mais agora interésame unha. A abundancia de recursos naturais pode intoxicar o proceso político e desincentivar as actividades produtivas debido ás tentativas de apropiación polos grupos de interese das rendas xeradas por estes.

Variadas son as consecuencias desta competición. Acostuma conducir a unha excesiva expansión do gasto e intervencionismo estatal, xa que as rendas dos recursos naturais son unha confortábel fonte de ingresos para o estado e xa que, frecuentemente, un estado de grandes dimensións é o medio a través do cal se distribúen, legalmente ou non, as renda xeradas polos recursos naturais entre os grupos de interese. Os conflitos entre os grupos de interese por controlar o poder político e facerse coas rendas dos recursos xeran corrupción e inestabilidade. As políticas públicas non perseguen favorecer o crecemento económico, mais tan só satisfacer as angueiras dos grupos de interese. E como a actividade económica depende da actuación discrecional de políticos e burócratas, temos servida a inseguranza xurídica, tan inimiga ela dos negocios. En definitiva, a persecución de rendas desvía recursos dos seus usos produtivos e supón un gravame implícito ás actividades produtivas.

As políticas públicas non perseguen favorecer o crecemento económico, mais tan só satisfacer as angueiras dos grupos de interese. E como a actividade económica depende da actuación discrecional de políticos e burócratas, temos servida a inseguranza xurídica, tan inimiga ela dos negocios

As economías nas que a procura de rendas prolifera a miúdo derivan ben nun capitalismo de amiguetes, ben nun capitalismo de estado. Ou en calquera cousa intermedia. O capitalismo de amiguetes é unha forma de organización económica na que o Estado outorga privilexios específicos a empresarios ou grupos económicos usando mecanismos non concorrenciais e opacos, a miúdo caracterizados por  multifacéticas prácticas de corrupción.

No capitalismo de Estado é este o que asume un papel central na produción e distribución de bens e servizos, sobre todo como titular ou principal accionista de grandes empresas (moitas veces monopolios). Sexa repartindo prebendas, sexa asumindo o control directo da produción, a consecuencia é sempre a mesma: repartir arbitrariamente as riquezas do país entre uns poucos privilexiados cuestionando os dereitos de propiedade de moitos e, por tanto, hipotecando o desenvolvemento económico do país. Isto é común en América Latina, véxase se non o libro de Stephen Harber, Crony Capitalism and Economic Growth in Latin America: Theory and Evidence.

A recente expropiación de YPF polo goberno arxentino insírese neste capitalismo de amiguetes, no que os Kirchner –antes o defunto Néstor Kirchner, agora a súa viúva- son avezados especialistas

A recente expropiación de YPF polo goberno arxentino insírese neste capitalismo de amiguetes, no que os Kirchner –antes o defunto Néstor Kirchner, agora a súa viúva- son avezados especialistas. Néstor Kirchner xa forzou a entrada en YPF -a crédito e en condicións extremadamente vantaxosas- do grupo Petersen, propiedade agora do fillo do seu gran amigo, o construtor  Enrique Eskenazi, tamén xa falecido. Produto deste capitalismo de amiguetes, Arxentina contabiliza mais de corenta casos no organismo de arbitraxe do Banco Mundial, o que excede un terzo do total.

Esta expropiación sucede a outras -como a dos fondos de pensións- e explícase polas necesidades que ten a presidenta arxentina de financiar o gasto público excesivo nun contexto de inflación galopante, masiva fuxida de capitais e ausencia de investimento produtivo alén do inmobiliario

Esta expropiación sucede a outras -como a dos fondos de pensións- e explícase polas necesidades que ten a presidenta arxentina de financiar o gasto público excesivo nun contexto de inflación galopante, masiva fuxida de capitais e ausencia de investimento produtivo alén do inmobiliario, acochar as verdadeiras razóns do déficit enerxético arxentino que non son outras que as distorsións creadas polo control dos prezos e as incertezas regulatorias, soster os subsidios e manter as distorsións dos prezos relativos para prolongar a política de substitución de importacións e non afectar o poder de compra dos asalariados e, por último, facerse coas suculentas rendas do xacemento de Vaca Muerta.

A corto prazo pode conseguir os seus obxectivos. A longo prazo miseria. Unha mágoa. Unha vez mais, a prezada nación arxentina polo camiño incorrecto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.