Aí atrás un xuíz con perruca no Strand londinense, a uns palmos da City, fixo de árbitro, chifrou tres veces e bateu co mazo para dar carpetazo á partida que enfrontaba o Estado Español e o Tribunal Supremo coa aseguradora do Prestige, a conto dos danos derivados da nosa maior desfeita ambiental
Aí atrás un xuíz con perruca no Strand londinense, a uns palmos da City, fixo de árbitro, chifrou tres veces e bateu co mazo para dar carpetazo á partida que enfrontaba o Estado Español e o Tribunal Supremo coa aseguradora do Prestige, a conto dos danos derivados da nosa maior desfeita ambiental. Podería parecer a sentenza puntual dun caso concreto. Se o é, é tamén un exemplo de como funciona o capitalismo global, do cal a City (non a cidade senón o distrito financeiro) é un dos máximos expoñentes.
O capitalismo non é apenas un sistema económico, senón a toma por parte das elites plutocráticas das institucións do estado para obrigalas a cubrir legalmente o proceso de acumulación monopolística, con lexislación laboral, fiscal, social, penal, comercial, administrativa, electoral ou monetaria. Se acaso, o capitalismo é máis un sistema político, con pasos de lexitimación e represión pautados, que económico, onde se mostra menos sistemático e máis adaptativo.
A póliza
O capitalismo non é apenas un sistema económico, senón a toma por parte das elites plutocráticas das institucións do estado para obrigalas a cubrir legalmente o proceso de acumulación monopolística
A propiedade do Prestige contratara unha póliza cunha aseguradora británica na que figuraban dúas cláusulas ben aqueladas. Unha establecía que a protección civil se faría efectiva sempre e cando o asunto (por exemplo a desfeita dun derrame de hidrocarburos) se dirimise nos tribunais do Reino Unido, previo laudo de arbitraxe. Outra cláusula determinaba que a aseguradora se faría cargo das indemnizacións aos prexudicados unicamente se a propietaria do buque as tivese abonado previamente da súa caixa. Esta segunda condición ten intríngulis, como ía pagar a propietaria se botamos anos sen saber se o barco era grego, liberiano ou das Bahamas, ademais de que a carga era dunha petroleira rusa con base en Suíza?
A maraña societaria axudou a que non tivésemos claro nin a quen poñerlle o preito. Tentouse co organismo de clasificación americano, ABS, que permitiu que o barco navegase. Colléronnos o teléfono para asegurar que nos trabucaramos de número e de aí a pouco recibimos unha factura de 30 millóns en costas. Pouca broma. Probamos daquela coa aseguradora de Londres, nos tribunais británicos (obedecendo a cláusula famosa) e dixéronnos que nanai porque o proceso xudicial se debería ter desenvolto integramente alí, sen a “intrusión” da Audiencia da Coruña e o Tribunal Supremo. Iso si, desta volta eximíronnos de pagar a ronda e indemnizar á aseguradora polas molestias, aínda bo foi. Coma quen di: “Hala, ide de aí antes que me arrepinta. Como me veñades con outra, igual perdo a paciencia e nos vos sae tan barata a cousa”. Unha mafia? En absoluto: o conglomerado capitalista-institucional exercendo a súa autodefensa.
Festa rachada
A sentenza foi celebrada pola Voz de Galicia o 14 de decembro como un gordo da lotería adiantado, adoptando o punto de vista da aseguradora e falando de vitoria. Motivos non lle faltaban. Vendíase como unha derrota do goberno Frankenstein, supoñía unha exhibición de forza do capitalismo e quizais a derradeira oportunidade de amosarlles o dedo do medio aos anarcomunistas de Nunca Máis
A sentenza foi celebrada pola Voz de Galicia o 14 de decembro como un gordo da lotería adiantado, rebozándose na bandeira Union Jack, adoptando o punto de vista da aseguradora e falando de vitoria. Motivos non lle faltaban. Vendíase como unha derrota do goberno Frankenstein, supoñía unha exhibición de forza do capitalismo e quizais a derradeira oportunidade de amosarlles o dedo do medio aos anarcomunistas de Nunca Máis e dicirlles: séntate aquí e baila. Había que ser un chisco miserentos e traizoar o país pero compensaba, nesta vida nada é gratis.
Estas arbitraxes internacionais son un comodín para o capitalismo: O ICSID do Banco Mundial en Washington, o Tribunal de Arbitraxe da Haia. Pleitean contra estados ou gobernos rexionais e podería pensarse que en Galiza voamos baixo de máis para sermos captados polos seus radares pero as fortunas dos billonarios fanse céntimo a céntimo, e servimos como aviso a navegantes. Non sei de ningún caso que nos favorecesen pero si temos situacións que hai que tratar como a unha tarántula entre as sabas para que non desemboquen nun preito no que tanto podemos perder como non gañar. De feito, a inmensa maioría das condenas mil millonarias sancionan aos países pobres. Vexamos como funcionan.
Caso práctico
Cando é o Estado o que pon a demanda, as arbitraxes encárganse de axudar a desaparecer a empresa, caso Prestige. Cando é a empresa a que solicita indemnización ao Estado, as arbitraxes fan valer a súa expertise e adoptan a estratexia do esgotamento xudicial.
Supoñamos que unha multinacional de industrias poluentes, pode ser unha mina ou unha pasteira de celulosa, presenta un plan de asentamento nun país estranxeiro. Asina un convenio coas autoridades locais, é declarado proxecto estratéxico e consegue mesmo que se maticen as normas medioambientais ou se implementen normas novas á súa medida. Conseguen unha concesión supeditada ao procedemento administrativo, facilítase o acceso a subvencións, bendícese en declaracións institucionais e concédense permisos para catas ou expropiacións, recóllense por rexistro plans de viabilidade, fanse roldas de prensa conxuntas, campañas publicitarias, etc. Se a iniciativa non vai adiante por ilegal ou por ser rexeitada na zona, igualmente se se trata da reversión na privatización dun servizo, por exemplo unha autoestrada, a demanda substanciarase nunha indemnización multimillonaria por danos, prexuízos e lucro cesante, a pasta é a pasta e a pasteira sábeo. Se a empresa vai adiante e ocorre un accidente, o preito centrarase en protexer a fuxida sen aboar un can.
Nalgún deses convenios e intercambio de papeis a empresa consegue calzar unha cláusula que abre a porta a que, en caso de conflito, as partes acepten someterse ao tribunal de arbitraxe dunha xurisdición terceira. En ocasións nin se remiten ao contrato, simplemente invocan un acordo internacional asinado polo Estado no que interpretan que se deixa unha fenda para que se coe a arbitraxe, ou sen máis arróganse a capacidade de facer valer a lexislación internacional máis favorábel na defensa dos investimentos internacionais. Porque lle sae das entrañas, e punto.
Curiosa arbitraxe. Cando un pesqueiro de Marín sexa retido por meter a quilla en augas xurisdicionais da súa maxestade suxiro que os xuíces con perruca da Corte de Apelación o traten coa mesma deferencia que lle dispensan aos holdings de transporte de hidrocarburos que eliminan a vida na costa de todo un país turístico e pesqueiro
Cando é o Estado o que pon a demanda, as arbitraxes encárganse de axudar a desaparecer a empresa, caso Prestige. Cando é a empresa a que solicita indemnización ao Estado, as arbitraxes fan valer a súa expertise e adoptan a estratexia do esgotamento xudicial. O Estado non pode permitirse facer mutis ou desaparecer, ten que contratar defensas, asignar recursos, persoal e tempo. Ás veces “compensa” chegar a un acordo que nos quite o morto de enriba, pagar e ceibarse da presión e as ameazas do Banco Mundial ou dos factores financeiros internacionais.
Curiosa arbitraxe. Cando un pesqueiro de Marín sexa retido por meter a quilla en augas xurisdicionais da súa maxestade suxiro que os xuíces con perruca da Corte de Apelación o traten coa mesma deferencia que lle dispensan aos holdings de transporte de hidrocarburos que eliminan a vida na costa de todo un país turístico e pesqueiro. Ou mellor aínda, que a armadora do barco impoña o traslado da causa aos xulgados de Marín. A ver se hai sorte.