Captarmos o investimento exterior

Galicia supón moi pouco para o conxunto do Estado, tanto en termos de PIB como en poboación. Quere dicir isto que a nosa forza é a diferenza, a identidade, unha Marca propia. Mellor sermos país de noso ca provincia.

Xa que logo, precisamos un proxecto económico proprio. Oportunidades económicas tan  nidias  como a potenciación dos nosos portos no eixo Panamá-Antuerpe-Rotterdam  ou o noso sector enerxético, que foi número un  no eólico e que no futuro, se houber ideas claras no Goberno galego, podería facer moito independizado mentalmente da famosa teoría do cerebro madrileño que todo o sabe e todo o pensa.

Para alén, temos unha demografía catastrófica e semella que calquera Goberno que mereza o nome de autónomo ou galego vai tentar revertela. Mais iso non abonda no curto prazo. Cómpre, xa, xerar emprego de calidade. E isto esixe unha aposta moi potente pola empresa galega. Galicia habería ser o país da Europa no que máis doado fose crear unha empresa, dixemos aquí hai pouco. Maticemos. Sempre no marco da legalidade laboral, fiscal e ambiental. E aí a función dos concellos será fundamental, pondo medios e recursos para o emprendemento local.

Mais nesa batalla do curto prazo, semella imprescindíbel a  captación do investimento exterior. Galicia arestora é anecdótica nesta captación, agás operacións puntuais. Mais temos diante nosa grandes ferramentas ao noso favor, como nos relata o economista galego Vicente Martín Egaña. “Escolas de enxeñería industrial, civil, naval e de teleco punteiras, xente nova ben formada, con coñecemento de idiomas e que hai que traer canto antes da emigración, unhas infraestruturas viarias razoábeis”. A estas avantaxes cumpriría engadirlles a oferta razoábel de solo industrial e as canles variadas (lusofonía, ibeoramericana, europea) de potenciar a Marca-Galicia.

Pero para todo isto compre que o noso Goberno e a nosa sociedade acreditemos- en nós propios. E que non nos deixemos ir polo que outros fagan ou -máis ben- deixen de facer.

 

Morreu Juan Ramón Díaz

Vén de morrer Juan Ramón Díaz, Vicepresidente da editora dos xornais El Ideal Gallego, Diarios de Arousa, Bergantiños e Ferrol e do deportivo DXT. Juan Ramón é xa parte da historia do xornalismo galego. Fica na lembranza a súa capacidade de construír proxectos e de facer equipas. Tamén a súa grande habilidade para radiografar problemas e diagnosticar solucións. Morreu, sen dúbida, un dos grandes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.