Cara a liberdade

Os tempos e as formas cambiaron por completo as maneiras, os partidos tradicionais e os sindicatos están perdendo por completo o seu rol como axentes de transformación social, deixando paso á propia cidadanía organizada, que todo hai que dicilo, está a ser moito máis eficiente na forma de acadar as suas metas.

A primeira pedra para derrubar o réxime de opresión que se estableceu non noso país, sobretodo no rural, pero tamén no urbano aínda que pase máis desapercibido. Refírome por suposto á figura do cacique, esa figura intrínseca á configuración social de Galiza que tan ben retratou o noso Alfonso Daniel nos seus libros, os caciques malos que impiden o progreso do país, pero tamén os caciques bos, como se referia a esas figuras escuras ás que os veciños acuden na procura de algún favor a cambio do seu voto, parecen xa unha sombra do pasado por todo o país, algo anacrónico e superado. As novas xeracións comezamos a decatarnos que os caciques xa non son algo necesario.

O discurso enarbolado polos perdedores deste domingo é variopinto, pero co nexo común que se mantén dende a noite dos tempos, o medo... Medo a que veñan os comunistas, medo a que os parásitos do pobo deixen de selo ou medo a que españa se rompa.

España vense rompendo dende o día en que a un pobo se lle somete a un modelo territorial que non se adecúa ás súas necesidades nin á súa estructura social, económica e política. 

Crer que a estas alturas o problema é que este sábado se asubiase o himno español, ademais de ter moi pouco sentido democrático e amor pola liberdade, reflicte que non se remate de comprender o problema territorial do Estado, equivale a preocuparse pola dor de cabeza derivada dun coma etílico, o problema non é a migraña, o problema é o abuso do alcohol. Do mesmo xeito, o problema non son os asubíos, haberá que preguntarse seriamente porque hai un amplo espectro da sociedade que ve na simboloxía española algo discriminatorio, excluínte e negativo.

Un dato que pode pasar desapercibido para moitos, pero que non carece de importancia, nunca na historia os tres alcaldes das tres cidades coruñesas foron galegofalantes, non pode ser un casual, pois entón é a cidadanía a que reclama políticos que teñan como fin último o país, e non hai mellor forma de demostralo que usando a lingua materna. É un síntoma de que as novas xeracións si apostamos polo futuro do idioma, que nos comprometemos porque vimos reclamando un maior apoio institucional para o galego, e así é como deberían lelo os políticos da Xunta, se alí existise vida intelixente.

O nacionalismo está máis forte ca nunca, oura cousa é que os partidos nacionalistas non soubesen traducir ese sentir

Que ninguén se trabuque á hora de ler os resultados electorais do domingo, o nacionalismo está máis forte que nunca, outra cousa é que os partidos que entenden Galiza como suxeito político propio non soubesen traducir ese sentir dun amplísimo espectro da sociedade deste país nunha forza motriz que sexa capaz de producir un cambio na política e na sociedade, se cadra están demasiado ocupados mirando para si mesmos.

O fracaso dos dous grandes partidos do país era evidente, pero non estaría de máis que no terceiro se fixese algún tipo de autocrítica, pois é evidente que o BNG non está a chegar co seu discurso a ningures.

Por iso, cando a política non chega, a cidadanía suple ese baleiro. Neste caso tamén cunha alternativa de esquerdas e galega como son as mareas. Que ademáis entenden a problemática dos concellos e do país e son conscientes de que se necesitan políticas específicas aínda dende un marco mínimo común.

Existe por primeira vez, para os que nacemos depois da transición, esa sensación de que as cousas se están facendo ben, que o cambio comeza por derrubar os piares nos que se apoia o réxime, que a ruptura do sistema non se produce dende arriba, senon dende abaixo cara arriba.

Tumbar os caciques locais, cun balbordo tal como aconteu o do domingo pasado, cando moitos deles levaban décadas parasitando este país e chuchándolle o sangue ao pobo, significa ilusión, significa esperanza, fronte ao conservadurismo, a que nada mude, a que as inxustizas sigan a ser igual de inxustas, a que a miseria siga a ser igual de miserable, a que en fin a roda de muiño do réxime continue inmutabel.

Para a inmensa maioria dos que non vivimos tempos de repúblicas e nos criamos na farsa da chamada segunda restauración borbónica, non podemos máis que vivir este momento cunha gran expectativa, cun gran sorriso nos ollos e unha ledicia inmensa na alma, porque a liberdade non agarda, e si neste momento crucial, de debilidade e esgotamento do réxime non a acadamos, perderemos a oportunidade de acadar a felicidade, porque só nunha sociedade xusta, equitativa e ceibe, se logra o derradeiro fin da política, que non é outro que o ben común, a felicidade humana.

O pobo deu o primeiro paso fóra da súa prisión, se cadra o máis custoso pola complexidade de artellar tantas e tan variadas alternativas ao poder establecido, quedan outros dous pasos por diante que debemos dar ca mesma ilusión e a mesma fe en nós mesmos, estamos no bo camiño de facer un país no que mereza a pena vivir.

Igualdade, fraternidade e liberdade!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.