Non é que sexa unha innovación xa que bastaría con botar a vista atrás un par de séculos, por caso, á Gran Bretaña do século XIX para darnos conta de que o modelo laboral (salarios, xornada, dereitos, afiliación.....) que trata de impoñer o que uns dan en chamar “O capitalismo da vixilancia” (Soshana Zuboff) e outros “O tecnofeudalismo” (Yanis Varoufakis) está moi próximo ao do capitalismo desa época cando non ao do feudalismo.
Modelo laboral: traballo arreo e deslocalizado
Un modelo laboral que, como moi ben sinala Yanis Varoufakis (“Tecnofeudalismo”. Editorial DEUSTO) aparece marabillosamente retratado en dúas películas históricas de dous enormes cineastas (“Metrópoles” de Fritz Lang e “Tempos modernos” de Charles Chaplin). Un modelo laboral que individualiza ao traballador para logo asignarlle unhas tarefas que o levan ao límite. Un traballador a quen as condicións laborais (salario, xornada, descanso....) non lle aparecen en ningún convenio senón que son fixadas por un algoritmo que, carente de escrúpulos e de sentimentos humanos, so se preocupa por espremer ao máximo ao/a traballador/a. Un obxectivo que leva, con moita frecuencia, a substituír o que é un traballo cunha xornada laboral por un traballo arreo co que se espera reducir custos e conseguir a máxima produtividade de cada traballador individualizado. En caso contrario, de non conseguir ese obxectivo, o traballador será considerado como “ineficiente” e botado a rúa sen que aquel chegue a entendelas razóns nin saber con quen ten que falar para que lles expliquen as razóns do despido.
Si alguén pensa que estamos esaxerando que se informe das condicións laborais, por caso, en Amazon en particular pero, en xeral, tamén no resto das GAFAM (Google, Facebook, Apple, Microsoft) “que intensifican a explotación laboral. E non nos referimos unicamente ao traballo dos obreiros que as fabrican e dos mineiros que extraen os metais necesarios para fabricalas, senón tamén ao traballo de obreiros, empregados e executivos de todo o mundo, traballo que está sometido a unha presión sen precedentes a causa dos robots (incluídos os que se encargan de desprazar masas xigantescas de capital nun abrir e pechar de ollos a través dos mercados financeiros globalizados) os diferentes software e, mais en xeral, a reorganización en redes das empresas e as administracións” (GRUPO MARCUSE: “La libertad en coma”).
A deslocalización empresarial e a fragmentación do traballo xa existían moito antes das redes dixitais pero estas facilitaron e radicalizaron aínda mais estes fenómenos. “O día de hoxe é extremadamente sinxelo desprazar (por aire, mar e terra todo coordinado por ordenador) os medios de produción, as materias primas, e os produtos finais. A pesar diso os traballadores non poden seguilo ritmo: as maquinas parten rumba a China ou a Romanía, pero por desgracia os obreiros da Lorena non poden nin axustar o seu salario aos estándares chinos nin migrar a Romanía” (GRUPO MARCUSE......)
Cambios na organización do traballo
Estas empresas parten en moitos casos por substituír aos cadros medios (capataces, xefes de sección, subalternos, cadros técnicos..) por algoritmos que pasan a seren os novos xefes co enorme aforro de custos que isto supón. En realidade nada novo: a procura da máxima ganancia mediante a redución de custos empezando polos laborais. Algo para o que agora se serven dos “avances” que lle permite a tecnoloxía dixital e coa cal poden obter ganancias extraordinarias que chegan a superar o 90% dos ingresos.
Estas novas tecnoloxías, con esta substitución da cadros medios, conducen a unha polarización dos empregos no mercado laboral con postos de traballo moi cualificados xunto dos outros de moi baixa cualificación. Unha división que non é, de ningures inevitable, senón que obedece a unha división xa na formación que responde a unha ideoloxía, unha cultura e uns modelos institucionais que son propios do neoliberalismo. Unha división que, a pesar diso, non evita a burocratización tan criticada pola clase empresarial senón todo o contrario xa que a crecente informatización das actividades conduce a unha nova fase ou estado da mesma pois “agora mais que nunca tódolos movementos que se dan no traballo deben rexistrarse e disecarse; agora mais que nunca se fragmenta e se controla o traballo....se simplifica e se concentra. Esto supón que se necesitan menos especialistas e técnicos pero mais traballadores menos cualificados: o traballo intelectual decrece”(GRUPO MARCUSE......).
Paralelamente a súa extensión está provocando, de forma indiscutible, grandes retrocesos non so a nivel de relacións senón tamén de dereitos que tanto lle custaron conseguir as clases traballadoras como por caso a xornada (o traballador destas empresas está a disposición dos directivos, empresarios e clientes as 24 horas do día), a saúde (está demostrado que a continua exposición aos aparatos informáticos -que emiten ondas- afecta a saúde dos traballadores que, por outra parte, están sometidos por mor da automatización a unha presión sen precedentes), a negociación (fomentan o traballo individual en casa, evita a concentración de empregados no centro de traballo o que resta poder negociador aos traballadores ao tempo que estes asumen parte dos seus custos) e a seguridade no emprego (estanse suprimindo un número crecente de postos de traballo tanto no sector público como privado o que frea a combatividade e “disciplina” ao traballador).
Os usuarios como empregados, os traballadores sen sindicatos e as empresas sen leis
Outra das peculiaridades deste tipo de capital é o papel que desempeñan os usuarios, por caso, das plataformas. Un papel que a maioría ignora pero que resulta fundamental para as súas ganancias. Por que os usuarios somos tamén os seus traballadores.... e o facemos gratis. Somos operarios autónomos que lle regalamos a materia prima (os nosos datos conductuais: necesidades, ideas, sentimentos, intereses, intencións, ...) coa que fabrican os seus produtos (algoritmos) que son os que lle permiten obter enormes beneficios. Realmente somos medios para unha nova lóxica de acumulación.
Para chegar a esta situación antes o capital dixital empeza por emprender unha “loita a morte” contra os sindicatos aos que considera os seus inimigos. Para que este sistema funcione o mais perfectamente posible os traballadores non poden organizarse nin, moito menos, cuestionalo modelo. Unha estratexia na que foi pioneira a multinacional Walmart que chegou a prohibir aos seus traballadores, baixo ameaza de despido, que se sindicalizaran. Unha estratexia que levada aos límites actuais reclama, por parte das tribos que controlan actualmente a tecnoloxía dixital, non estar suxeito a ningunha das leis actuais, actuar libres da lei, xa que “a alta tecnoloxía funciona o triplo de rápido que as empresas normais. As administracións públicas funcionan o triplo de lento que as empresas normais. Así que o noso ritmo e nove veces maior que o do Estado... por iso o que nos interesa e asegurarnos de que os gobernos non estorben nin ralentizan as cousas” (E.Schmidt, J. Cohen fundadores de Google).
Un modelo laboral que crea adeptos e baleira o sector público
O “éxito” destes xigantes, as súas fabulosas ganancias, leva a que todo tipo de empresas e en tódolos sectores da economía aínda que moi especialmente no sector servizos (comercio polo miúdo, finanzas, seguros, transportes, hostalería, saúde, ensino....) se queiran sumar ao novo modelo de negocio que busca obter a maioría dos seus ingresos pola vía dixital.
Unha transformación que non so afecta as empresas senón que chega aos propios profesionais que traballan nas administracións públicos. As GAFAM (Google, Amazon, Facebook, Apple e Microsoft) dispoñen de tantos recursos que son quen de baleirar de talento ao resto de “competidores”: universidades, administracións públicas, empresas privadas dos mesmos ou de diferentes países. O problema é tanto que baleira, por caso, de científicos as institucións públicos (se cita o caso das universidades de Gran Bretaña que están quedando baleiras de científicos de datos) como de que “os científicos e enxeñeiros das corporacións non son contratados por estas para que solucionen a fame no mundo ou para que eliminen os combustibles baseados no carbono, senón para que asalten co seu enxeño as portas de acceso a experiencia humana, transformen esta en datos e a trasladen así a ese novo coloso mercantil que crea valor predicindo e controlando a conduta humana e influíndo nela “(SOSHANA ZUBOFF: “La era del capitalismo de vigilancia”)