Cara a unha 'primavera turca'?

As protestas dun feixe de marxinais, segundo o cualificativo empregado polo primeiro ministro turco, para salvagardar unha parcela de xardín público en pleno centro de Estambul derivaron nunha mobilización cidadá contra a política de Recep Tayyip Erdogan. A chama da rebelión foi avivada por un uso excesivo da forza contra os contestatarios e a prepotencia do propio Erdogan, quen amais de menosprezar os manifestantes non tivo a ben modificar un ápice a súa axenda, nin tan sequera de pospoñer a xira polo Magreb diante da explosiva situación do país. Alevis (póla heterodoxa liberal do islam chiita), kemalistas (pequena burguesía que rende culto ao fundador da Turquía moderna, Mustafa Kemal Atatürk), grupos da extrema esquerda herdeiros do antigo Partido Comunista Turco, intelectuais, artistas e mozos universitarios son unánimes en proclamar a súa oposición á vía autoritarista de Erdogan, reclamando a dimisión deste e a celebración de eleccións anticipadas. "Basta, o pobo xa non quere seguir deixándose oprimir polo islamismo no poder encarnado polo primeiro ministro Erdogan", estima una rapaza presente na praza Taksim diante das cámaras da canle gala de información France24.

Alevis (póla heterodoxa liberal do islam chiita), kemalistas, grupos da extrema esquerda herdeiros do antigo Partido Comunista Turco, intelectuais, artistas e mozos universitarios son unánimes en proclamar a súa oposición á vía autoritarista de Erdogan

O proceso de personalización do poder operado en Turquía durante os últimos anos ten o seu reflexo nas rúas. Os manifestantes non se dirixen nin contra o presidente da república, Abdullah Gul, nin contra o vice primeiro ministro, Arinç, nin contra o xefe de policía, nin contra o gobernador... O foco único da ira dos contestatarios é o primeiro ministro: Erdogan. Cando se recualifica un espazo verde para construír, entre outros, unha mesquita no medio e medio da capital non é o alcalde de Estambul, Kadir Topbas, quen salta a palestra senón que é Erdogan. Cando arrecían os efectos dos conflito na veciña siria non é o ministro de Asuntos Exteriores quen dá a cara, senón que é Erdogan... "O primeiro ministro é quen toma as decisións, de forma personalista e en todos os dominios, sen excepción. É normal polo tanto que a cólera se dirixa contra unha única persoa", subliña o rotativo turco Hürriyet (liberdade, literalmente, de centro-esquerda). Erdogan, que até hai pouco pensaba que o seu poder e popularidade eran ilimitados, despois de ter operado cambios constituionais de calado á medida das súas necesidades, só tiña en mente unha fácil vitoria nas presidenciais do vindeiro ano. Hoxe analistas e observadores coinciden en que o líder do AKP se enfronta a unha situación ben máis complexa.

A cuestión siria tamén deixou ao descuberto os efectos da política confesional do goberno, que non fixo senón agravar a tensión entre sunnitas e a minoría alevi

A xuventude que compón o groso das protestas rexeita a islamización do país. Quere liberdade. Non comprende que centos de xornalistas, escritores e intelectuais, e mesmo militares, todos eles seculares, purguen penas de prisión por acusacións absurdas, que non se sosteñen. Antes do xurdimento da mal chamada primavera árabe, Turquía era o faro do oriente musulmán. Nas beiras do Bósforo o islam semellaba conciliarse coa democracia e o conservatismo social co desenvolvemento económico. As revoltas da praza Taksim amosan os límites desta ilusión. Once anos de poder islamita do AKP teñen sido máis que suficientes para apreciar o erro de percepción. Asemade as manifestacións vivifican o rancor dunha franxa de turcos cara á política siria do seu país. Turquía, maioritariamente sunnita, pronto se posicionou no bando dos inimigos de Bachar Al Assad. Tras tomar partido Ankara perdeu o seu estatuto de mediador no Próximo Oriente. A cuestión siria tamén deixou ao descuberto os efectos da política confesional do goberno, que non fixo senón agravar a tensión entre sunnitas e a minoría alevi, que se sente discriminada e que esixe máis dereitos, relixiosos e políticos. 

Á luz das declaracións de intencións dos contestatarios, as mobilizacións non cesarán até facer caer o goberno. Ante tal estado de cousas sería fatal para Erdogan subestimar a ira popular

Erdogan sobreestimou a súa popularidade. Pensou que era intocable e fixo caso omiso das críticas verquidas ao seu encontro. É moi cedo para falar de primavera turca pero o movemento en marcha amosa que amplas capas desta sociedade diversa, desenvolvida e aberta sobre o mundo, non están dispostas a ser cativas do islamismo. Non deixarán que Erdogan e os seus destrúan máis espazos de liberdade. Se non entoa o mea culpa ou realiza algún tipo de xesto diante da actual situación a onda de protestas pode levar Erdogan por diante. De momento, un tribunal administrativo xa suspendeu de xeito provisional o proxecto urbanístico no parque Gezi que detonou as protestas. Á luz das declaracións de intencións dos contestatarios, as mobilizacións non cesarán até facer caer o goberno. Ante tal estado de cousas sería fatal para Erdogan subestimar a ira popular. E a onda ten visos de amplificarse. Quizais faría ben en dimitir e organizar eleccións anticipadas. O primeiro ministro non se pode permitir un novo ataque de soberbia nin un erro de apreciación que podería sumir o país na violencia e no caos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.