Cara ao nacionalismo disxunto

Quería escribir algo que levo moendo dende hai tempo mais non me decidía. E velaivén o Día da Patria e desexo celebralo, de calquera un xeito, reivindicativo, procesional ou festivo, pero celebralo con outros cos que comungue, senón total, si parcialmente. Nestes días chegoume un convite a unha xuntanza dun dos moitos grupos nacidos ao abeiro da treboada política orixinada pola Asemblea do BNG en Amio-Compostela. E resposteille, por correio-e, co seguinte texto, agora lixeiramente correxido:

Ben prezado:

Ao mellor eu vou de puro, casto, vou de aceite que non se mistura coa auga... Ao mellor estou farto de persoalismos, de "tíra de aí que me poño eu" ou de xusto o contrario disto, pero o proceso que está a vivir o nacionalismo arrepíame de xeito total.

Xentes que se adicaron a putear a outros militantes por medo a perder poder, chiringuito, cargo ou influenza (non a gripe, senón a outra), claman contra a UPG porque os putea/puteou. Xentes que non serven nen para levar a pancarta que lle poñen na man pensan que son o cerne do nacionalismo e que sen eles o mundo vai perdido,

Grazas pola convite, pero non vou. A min si me putearon, no plano laboral, persoal, político, social ... e sabe deus cántos máis. Mantiven o voto e a extra-militancia porque non quedaba máis outra que facer ou que votar. Sigo pensando que Xosé Manuel Beiras ou Teresa Táboas son excelentes candidatos e ainda político;. que o Beiras é tan persoalista coma outros moitos, pero moito máis intelixente ou preparado que a meirande parte dos que van enriba do cabalo: Beiras, antes do BNG, antes de Riazor, non era ninguén, alén da súa extraordinaria valía persoal, da súa imensa capacidade política. Daquela ninguén o coñecía na Galiza, mais hoxe é absolutamente necesaria a súa presenza en primeira liña de fogo. A poboación non leu "O atraso..." nen segue o que se merenda nos cenáculos, nas tertulias, nas camarillas; hai moita merendiña na que se deciden cousas mentres os de fóra damos tabaco...

Se callar, podes dicir, nesa xuntanza, que hai un de Moaña que vota para unha unidade eleitoral de todo o nacionalismo máis EU

Se callar, podes dicir, nesa xuntanza, que hai un de Moaña que vota para unha unidade eleitoral de todo o nacionalismo máis EU ou mesmo ler isto se o ves comenente. Onte un ex-deputado do PSdG co que partillo algún viño en Moaña, cando ven dende A Coruña botar o verán en Rodeira, dicíame que os partidos da Restauración Borbónica (sic) están de acordo en todo. Os que queremos outro país, "outra cousa", imos cada un pola súa banda. Fan de nós un pandeiro, dannos azos nos media, e, iso si, cada un terá un anaco da nada e botaremos foguetes porque só perdemos non sei cantos votos...

Encarreguei unhas empanadas (das de comer) para o Día da Patria. Ainda non sei a qué manifestación e a qué remate festeiro vou ir para partillalas cos que son amigos dende hai moitos anos. Igual me xunto cos de Carnota ou cos de Corcubión, que son moi boa xente, e penso que van ir á manifestación do BNG. Váleme para celebrar a festa da Patria, da miña Pátria. Patria de todos, ainda que non queiran os de "vai de aí que me poño eu..."

Afinal temo que trunfe iso de “unha persoa, un voto”: tantos votos como candidatos! Logo laiarémonos: por qué o pobo galego non fai como o basco ou o catalán, se a nosa candidatura era tan riquiña, tan feituca, tan reivindicativa .. ? (así, tres ou catro portavoces, ainda non se sabe...). Todos os grupos xuntos, sen misturar, poden acadar que o nacionalismo e a “esquerda” sexan quen de marcar a axenda contra os partidos da Segunda Restauración Borbónica. Polo camiño que levan, choraremos. Os 400 votos brancos nas Locais en Moaña deberían darnos que pensar... El non é tempo, coa que está caindo, dunha verdadeira Frente Popular? Por qué non?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.