Por fin cheguei no meu tempo a unha lectura ribadense que me estaba a esperar. Aproveitando uns poucos raios de Sol pola fiestra remato o libro e non podo menos que deixar constancia: “Carlos Álvarez Fernández-Cid, músico” é polifónico e temperado. Monotemático e variado: corenta colaboradores en harmonía dan unha visión variada e conxunta ó tempo, coa coordinación de Carlos Álvarez Lebredo e tras o solista limiar de Francisco Díaz-Fierros.
Non nos enganemos porque sexa un libro de homenaxe: cabe dicir que non hai moitas novidades no libro, e, ó tempo, que as diversas facetas que esculpen os contribuíntes enriquecen a visión dunha persoa á que se lle aplican diversos -moitos- cualificativos neste libro doado de ler que facilita recompoñer as múltiples perspectivas que ofrece unha persoa viva. Asi, apaixoado, arrollador, traballador, serio, perfeccionista, compiten con aberto, honrado, comunicativo. Polifacético, de altas capacidades, mago, orixinal, excepcional, dinamizador, confróntanse con filántropo, imprevisible, xeneroso, didáctico, pintoresco, formador de público. Características de carácter, mistúranse con outras aparentemente superficiais, como ‘o home da capa compostelá’. Non faltan adxectivos ditos con cariño e matizados, como superior ou ilustre diletante. Ou outros, postos en contradición e complementación entre si para amosar toda a riqueza dun ser humano, como son democrático e aristocrático, en sorte de continuidade polifacética e entrañable. Axustados e solapándose. Do mesmo xeito que cando se di que foi profesor, boticario, inspector sanitario... pero sobre todo, músico. Músico, sobre todo, pois daí sacaba o seu sentido vital, e conste que vitalidade tiña e transmitía. E tamén a base social da que se rodeou, dende o máis humilde espectador da música na que participaba ata as figuras máis relevantes que frecuentaba -e o frecuentaban-.
A súa sona en Ribadeo e as súas características contribuíron a que o libro ‘Cincuenta anos de música en Ribadeo’ se esgotara -un feito case impar en Ribadeo- da man do agradecemento social dun pobo que durante anos veu a facer como semellantes calquera citación de ‘música’ e a alusión a ‘Carlitos’. A base desa semellanza? a persoa activa e activista, trazador de plans e consecutor dos obxectivos marcados.
A súa teimosía no gusto musical, idea aristocrática da música en canto a calidade, democrática en canto a atraer a músicos e espectadores, recolle pero sobre todo transmite a través da súa herdanza musical, características incrustadas na historia da música en Ribadeo. E máis que se podería sacar, se un día se agarra o arquivo musical como Diego Rodríguez apunta.
Boticario ‘accidental’, como é cualificado no libro máis dunha vez, as súas facetas arrolladoras poñíanlle difícil o manter o equilibrio entre as múltiples adicacións e a vida persoal, marcada por un contrapunto familiar que non tería sido posible sen a súa dona. Alguén que se deixa ver na sombra en varias das contribucións.
As diversas descricións, heteroxéneas en máis dun sentido, amosan asemade que a pintura plasmada non se pode separar dun mundo, o Ribadeo de hai moitos anos, que xa se foi. Un exemplo? Podería agora falarse dun ‘recorrido das chachas’? O esprito din que non morre. O de Carlitos Cid vive nun Ribadeo que se desdibuxa do actual.
Para unha persoa que pretendía “manter a chama sagrada da música en Ribadeo”, a labor non rematou. Esa era unha idea que Pancho Campos resalta na súa contribución citando a Carlos Cid: “As etapas da vida logo pasan, e hai que traballar día a día, pois o futuro está por vir”. Sempre. Tamén agora.