Carne Cruda: O xornalismo de calidade "non cabe" na radio do PP

Unha das escasas cousas moi positivas do legado de Zapatero (o que os criminais da rúa Génova chaman “herdanza recibida”) foi unha radiotelevisión pública de calidade e altamente independente que recibiu numerosos premios, elevou as cotas de audiencia a máximos históricos e inaugurou unha época de liberdade dos profesionais tras toda unha historia de control político inaugurada por Franco e selada, ironicamente, por Rajoy.

Alí por outubro de 2009, nos inicios da crise, hai exactamente 3 anos e 33 días, Carne Cruda chegaba á grella de Radio 3

Alí por outubro de 2009, nos inicios da crise, hai exactamente 3 anos e 33 días, Carne Cruda chegaba á grella de Radio 3, a emisora de espírito máis novo, minoritaria e contracultural das seis que conforman o ente público, un oasis de liberdade que resistiu con maior ou menor éxito os embates do tempo e os gobernos. Era un programa que chegaba coa intención de quedar, instalarse en Radio 3 e os oídos e conciencias dos seus oíntes esixentes, “porque este é o meu lugar radiofónico no mundo”, confesaba o seu presentador daquela.

Era un programa con ambición e vocación transgresora e radical, combativa, toda unha declaración de (malas) boas intencións dende a súa sintonía, politicamente incorrecta: “Welcome to Carne Cruda, the album. Join us to Danger, Excitement, Innovations!!!” (“Benvidos a Carne Cruda, o álbum. Unídevos ao Perigo, Emoción, Innovacións!!!”) sobre o fondo ralentizado da Internacional que era abruptamente interrompida no dial para dar paso aos compases machacóns, vibrantes, emocionantes, dunha sinfonía de trompetas e trombóns sobre un colchón de salvaxe percusión, en clave de jazz e thriller cinematográfico (banda sonora á súa vez de “The Taking of Pelham 123”, de David Shire), no medio do cal irrompía, como un torrente, a voz sempre enerxética e optimista (o optimismo da vontade, o pesimismo da razón) dun locutor e xornalista de raza, vitalista, un mozo madrileño de 37 anos chamado Javier Gallego, melómano e músico profesional, apaixonado da música, o cine, a literatura, a radio e o bo xornalismo.

Carne Cruda é un programa de autor pola pluma e lingua persoais e afiadas de Javier Galego, moi na liña daquela primeira Radio 3 dos oitenta, máis combativa, desenfadada e “underground”

Esa mesma devoción polas ondas acompañaba toda unha hora de excelente e suculenta música, entrevistas, guións e montaxes sonoras, cheos de humor e imaxinación, que rescataban o tan perdido xénero e arte da radioficción, desde os tempos de Federico Volpini e os oitenta; ata o mesmo final, cun “Que la radio te acompañe!”, co refacho da Marcha Imperial de Star Wars, outra declaración de amor ao medio que lle deu a chave do éxito.

Carne Cruda é un programa de autor pola pluma e lingua persoais e afiadas de Javier Galego, moi na liña daquela primeira Radio 3 dos oitenta, máis combativa, desenfadada e “underground”. É un programa de culto, sostido na fidelidade dos seus oíntes, auténticos devotos que cada día á hora para comer sintonizaban relixiosamente, en vez do televisor, a radio, unha radio minoritaria á que deron unha audiencia masiva (polo menos, 100.000 oíntes, identificables a través da súa conta de Facebook, ou mellor dito, “féisbol”, como o chamaba Nico, un dos seus extravagantes colaboradores), para escoitar, nunha especie de ritual sublime, a outra cara da realidade informativa e cultural.

Carne Cruda conxugaba a crúa realidade coa transrrealidade, é dicir, a ficción e a creación, cun espírito transgresor e desenfadado, sen pelos na lingua, pero sen vulgaridade; transmitindo sensacións, pero sen sensacionalismos; impregnándoo todo de humor e refinada ironía, mais sen caer na frivolidade; denunciando, combatendo e exercendo sempre a crítica, pero sen instalarse nun estilo panfletario, sen unha finalidade predeterminada, máis aló da de divulgar, dar voz, reflectir en carne viva a crúa realidade, os distintos pensamentos, realidades e creacións desta sociedade, pensar, en definitiva, criticamente, dar que pensar e mover a pensar en por si ao oínte crudívoro, non conformarse nunca, e romper os límites dos benpensantes. Combinaba explosivamente información e contrainformación, actualidade e historia, novidade e tradición, música, cultura e contracultura, intelixencia e sensibilidade, humor, amor (sobre todo á música e a literatura, ademais do bo xornalismo), razón e emoción, sentido común e sobre todo moita humanidade.

A carnicería sonora de Radio 3, como se facía chamar co seu estilo inconfundible, regalounos momentos, personaxes e historias inesquecibles

Durante 3 anos tróuxonos aos mass media, nin máis nin menos que a unha emisora pública, “as músicas, artistas, creadores, escritores e activistas sociais máis rupturistas” cun estilo ameno e intelixente , para facelos comestibles ao gran público, “accesibles, intelixibles, amenos e ata, divertidos”, como reza na súa propia páxina web, “porque a contracultura non ten por que ser un ladrillo. Pode ser tenra como unha chuleta”.

A carnicería sonora de Radio 3, como se facía chamar co seu estilo inconfundible, regalounos momentos, personaxes e historias inesquecibles, entrevistas con Diego Manrique, Marcos Ana, Paul Naschy, José Luis Sampedro, Robe Iniesta, Alberto Manzano, Enric Durán, Sánchez Gordillo, José Couso, Juliette Lewis, Johnny Ramone, Santiago Alba, Lolo Rico, Carlos Taibo, Eduardo Galeano, Ana María Moix, Dayna Kurtz, Warren Haynes, Sonic Youth, Rosa María Calaf, Oriol Llopis, Fred Wesley, Steve Van Zandt, Ramón Chao, Lida Falcón, Julio Anguita, Vicenç Navarro, Albert Pla, Willen Dafoe, Josefina Molina, a recentemente falecida lenda Chavela Vargas e unha lista interminable de invitados con moita “chicha”.

Entrou no cárcere de mulleres Madrid 2, achegándose ao día a día e a realidade máis núa así como á cara máis entrañable (por “entrañas”) das presas; recitou poemas ultrafeministas, suxos, pornográficos e descarnados, da man de Itziar Ziga ou Ricardo Moreno; outros máis sensibles e existenciais, como os de Marcos Ana; perseguiu telefonicamente á ministra de sanidade socialista para que se comprometese a dar unha solución á Sensibilidade Química Múltiple, enfermidade esquecida que lle deu a coñecer a oínte Eva Caballé, coa que se solidarizou e implicou ata os fígados dende o primeiro momento; perseguiu telefonicamente tamén a Mariano Rajoy no seu primeiro día logo das eleccións, prometendo vixialo; entrevistou a discapacitados físicos, mentais, enfermos de SIDA e seropositivos, pacientes de cancro, dependentes, suicidas, e persoas ao bordo da morte e da propia vida; axudou a coñecer a historia de Mikel e Mentxu, e o seu fillo Jon, cunha enfermidade dexenerativa, para recadar fondos para a súa curación a través do proxecto musical Walkonproject.org; moveu as conciencias de toda unha xeración antes da explosión do movemento 15M, e cando este eclosionó, acompañouno, seguiu con atención, informou e apoiou activamente; abriu os micrófonos no último programa para que falase todo o mundo sobre como lle afectaban os recortes; e, para sintetizar, exerceu sempre unha vixilancia hipercrítica dos poderes e os seus abusos, e todo cun estilo persoal, ameno, creativo, combativo.

Falo en pasado porque desde o xoves estamos todas e todos moito máis orfos. Dun xornalismo independente, crítico e de calidade, orixinal, brillante e rompedor, na radio pública

E falo en pasado porque desde o xoves estamos todas e todos moito máis orfos. Dun xornalismo independente, crítico e de calidade, orixinal, brillante e rompedor, na radio pública. Do programa que personificaba a esperanza de moitos, un oasis de liberdade sen máis censuras que as do bo criterio tanto musical como xornalístico, a do traballo ben feito, o rigor e a esixencia, ademais do compromiso cos oíntes, que, como di Toni Garrido, outro dos defenestrados na caza de bruxas do PP, “son os nosos xefes, porque vostedes págannos”.

No último momento, descubriu “un buraco negro” nas contas, algo imprevisto e inapelable, que forzaba a tomar as medidas contrarias ás anunciadas, ao máis puro estilo Rajoy

O novo director de Radio 3, Tomás Fernando Flores, presentador do infumable Siglo XXI, un pretencioso baluarte da modernidade e os sons de vangarda, fulminaba o programa da grella sen atender as cifras de audiencia e a opinión dos oíntes, e nin sequera negociaba co seu presentador. Con premeditación, nocturnidade e aleivosía, a tres días de que comezase a nova tempada e coas programacións xa pechadas, anuncia de súpeto que vai quitar o programa, por “caro” e “sensacionalista”, cando prometera ao seu director e presentador que seguiría en antena: todo para que fose tranquilo de vacacións, deixase os programas gravados e así encher o que quedaba de tempada. No último momento, descubriu “un buraco negro” nas contas, algo imprevisto e inapelable, que forzaba a tomar as medidas contrarias ás anunciadas, ao máis puro estilo Rajoy. Todo unha perfecta estratexia de engano para cancelar o programa de maior audiencia da emisora sen dar nin sequera a posibilidade ao seu creador e os seus oíntes de despedirse. Algo que non me estrañaba e levábame cheirando desde o cambio de goberno, pero que non se materializou ata agora. 

A avalancha de reaccións, expresións de apoio, peticións de firmas e páxinas na Rede para salvar o programa, denuncias, críticas e insultos contra o censor, e ata unha plataforma de “crowdfunding” e outra de Facebook para volver emitir o programa, en só tres días, ademais dunha concentración esta mesma tarde, na mesma franxa horaria na que se emitía Carne Cruda, demostraron que era o espazo máis querido con diferenza. 

Javier Gallego, “Crudo” para os amigos, nunca foi sensacionalista. Sempre deu voz a todos. E o único que fixo foi ter unha visión persoal, independente, allea a toda inxerencia, sen medo, que envorcaba en forma de editoriais

Javier Gallego, “Crudo” para os amigos, nunca foi sensacionalista. Precisamente eu seguíao porque non o era. Sempre deu voz a todos. E o único que fixo foi ter unha visión persoal, independente, allea a toda inxerencia, sen medo, que envorcaba en forma de editoriais (OPINIÓN, si, pero non camuflada e si a peito aberto, valente) cargados de humor, crítica, sensibilidade, intelixencia e dominio da lingua, a lingua castelá, a inglesa, e a lingua afiada con que apuntaba a todo o mundo, ata el mesmo. Precisamente o que lle falta a Tomás Fernando Flores.

Tomás Fernando Flores confunde “sensacionalismo” con “xornalismo combativo”, “comprometido” e “cidadán”, xusto o contrario do que fai el

Confunde “sensacionalismo” con “xornalismo combativo”, “comprometido” e “cidadán”, xusto o contrario do que fai el, que si necesita de colaboradores para realizar as poucas reportaxes sociais que emite no seu insufrible programa das doce. Demanda Flores tamén “emoción”, el, que adoece dunha sosería irremediable. Emoción é o que repartía Crudo todos os días: se che erizaba o vello cando chegaban as dúas da tarde e escoitabas os acordes iniciais desa sintonía inmellorable, e a súa voz vibrante, “Crudérrimas tardes!”, antes de dar estopa ao asunto de actualidade da xornada, e anunciar un suculento menú de contidos, alternativos e diferentes aos enlatados por mil mass media.

E aínda por riba, T.F.F. aludía a un suposto “toque sensacionalista nos últimos meses”, cando os que o oímos desde o primeiro día sabemos que Javier Gallego sempre foi igual de combativo, con todo o mundo, xa co goberno de Zapatero, e ata con Esquerda Unida afiaba os coitelos cando o merecía. O novo director de Radio 3 esténdese nunha entrevista exclusiva co Mundo (para nada un medio sensacionalista, ehem) con moitas máis perlas, baixezas e mentiras sobor do número de guionistas, colaboradores e cifras sobre o custo real do programa. Un programa que nunca tivo máis de tres guionistas, incluído Javier Gallego, como moito algún bolseiro máis producindo, e nos últimos tempos eran dous, incluído el, quen se tiñan que facer cargo dun programa con moi escasos medios pero que se movía a un ritmo frenético para ofrecer os mellores e máis diversos contidos. Os colaboradores non creo que cobrasen nunca máis da cantidade simbólica que apuntaba Crudo: cando cobraban, porque, escoitándoos, notábase que o farían moi gustosamente gratis, xa que participaban de algo grande, o mellor programa da radiodifusión estatal.

En algo si leva razón TFF: en que o programa era “kamikaze”

En algo si leva razón TFF: en que o programa era “kamikaze”. Porque facía o que tiña que facer, XORNALISMO do bo, falar sen máis trabas que o rigor, o compromiso, a honestidade intelectual e a ética persoal, dos que carece o novo e flamante director de Radio 3, que perderá a metade da súa audiencia grazas a esta celebérrima decisión. Pero precisamente esa actitude, a que os cidadáns esiximos, é a valente e a arriscada, a suicida tendo en conta o “goberno” que padecemos. Porque ser honesto hoxe en día sae caro, iso si que sae caro.

Carne Cruda non segue porque molesta ao poder, porque o novo director de Radio 3 come directamente del, e foi ascendido de súpeto por obra e graza tamén del

Carne Cruda non segue porque molesta ao poder, porque o novo director de Radio 3 come directamente del, e foi ascendido de súpeto por obra e graza tamén del. Un que sempre foi de “moderno”, pero non fixo nada por estender a modernidade a toda a poboación, ou por denunciar o atraso da nosa sociedade. Sempre foi de “neutro”, coa súa sosería proverbial, deixando falar nada máis que ós seus escasos colaboradores. Ao director de Carne Cruda, en cambio, debo moito do meu estilo, e do meu compromiso. Javier Gallego creou, en pouco tempo, escola, e unha comunidade de oíntes famentos que o seguirán (seguirémolo), alá onde vaia, como a outras voces críticas e disidentes eliminadas pola actual dirección da radiotelevisión pública estatal: un recordo para Toni Garrido e o seu brillante Asuntos Propios, que creou tamén outra forma de facer radio.

Hoxe será un día máis triste para a liberdade de expresión e o xornalismo libre porque será o primeiro día sen Carne Cruda

Hoxe será un día máis triste para a liberdade de expresión e o xornalismo libre porque será o primeiro día sen Carne Cruda. Porén, de momento quedannos os “podcasts”. E alí onde os sintonicemos, e onde sigamos aos bos profesionais, a forza da radio, e do pensamento crítico, acompañaranos.

Asinado: un oínte devoto de Radio 3
Escrito o luns 3 de setembro de 2012, a poucas horas de comezar a nova (e mermada) programación de Radio 3.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.