Carta á directora do CEIP San Marcos de Cartelle

Respectada directora; 

Nunca pensei que a situación no colexio de Cartelle chegaría a ser como na actualidade; de ruptura e crispación entre os distintos axentes da comunidade educativa: dirección, familias, Asociación de Nais e Pais de Alumnos, claustro e persoal non docente.

Hai xa 14 cursos que matriculamos o noso fillo maior no centro, con moita ilusión porque o colexio rural de Cartelle era unha parte importante do noso proxecto de vida na contorna na que nos asentabamos. Ségueo sendo. Penso que fomos moitas familias as que achegamos todo o que puidemos ao longo dos anos para colaborar estreitamente cos catro directores e directoras anteriores a vostede. Sempre na liña de continuidade e apertura.

A situación cambiou cando no curso pasado chegou vostede como nova directora. Nunca entendín e sigo sin entender o porque das novas normas que vostede impuxo, de maneira unilateral e de marcado carácter de cambio na xestión do centro, rompendo coas anteriores xestións e normas de continuidade das direccións anteriores, establecidas e consolidadas durante varias décadas.

Pode que sexa máis comprensible e probablemente habitual, cando se asume en excedencia, con destino noutra provincia galega e residente en Ourense, por primeira vez un posto de dirección e o fai nun centro no que nunca estivo e por tanto descoñece. Pode que teña sido algo moi diferente ca o outro candidato á dirección, que coñecía o centro porque exercera nel como mestre. Esta imposición de directores proposta nos centros por parte de Inspección Educativa tampouco a entenderei nunca.

Debo dicirlle que me doeu e sentín fóra de contexto cando tralas reiteradas visitas da Garda Civil no centro no curso pasado, como nai dunha alumna, como vogal da ANPA e como representante da ANPA no Consello Escolar, personeim en distintos postos da Garda Civil preguntando que pasaba e indicáronme que non constaba denuncia ou procedemento xudicial ningún e non estaba sendo investigada, pero se estaban realizando informes nos que constaban os nomes da nai e do pai da miña filla. Enviar unha patrulla ao meu domicilio particular co recado de non ir falar coa directora sen cita previa, tendo respectado sempre os horarios de secretaría, é un proceder incorrecto. Nunca obtivemos copia de devanditos informes porque son de “carácter reservado” e supoño que nunca coñecerei o seu contido. Consultados os motivos polos que requiriu en reiteradas ocasións a presenza das forzas de seguridade no centro, aínda non os expuxo, nin vostede nin os responsables da Garda Civil.

Doeume especialmente cando en outubro do curso pasado, a presidenta da ANPA comunicou que unha nai, co apoio de 8 familias, pedía a dimisión e substitución de toda a xunta directiva da ANPA, con esta nai como nova presidenta, e da que nos enteramos con posterioridade que
pagara cotas da asociación de varias familias a cambio de votos. Consultada pola motivación de apoio daquela candidatura, a día de hoxe vostede aínda non respondeu.

O intento non prosperou, e no presente curso, de novo e de forma enérxica, 3 daquelas 8 familias piden que ningún dos membros da actual xunta directiva da ANPA se presente como candidato. Sendo como vogal o único cargo que se pode manter segundo os estatutos (2 membros deben renovar, 2 xa cambiaron de centro), estas tres familias non cesan no seu intento de botarme, motivando a súa insistencia con “follón” e “pollo”, intentando trasmitirme culpabilidade e motivación de índole persoal. Que fixemos mal?

Defender os intereses da ANPA e do alumnado no Consello Escolar e comunicar as irregularidades constatadas na Consellería de Educación e na Valedora do Pobo? Por outra banda, a máis importante, non sei se os nenos e nenas de Cartelle seguen sorrindo como o facían antes. Sei que coa cociñeira, coa que tanto desfrutaban, a relación xa non é a que era. Non sei como están porque o día que fun ao colexio como representante no Consello Escolar xunto co representante das familias, para acceder ao comedor no que xa non colaboraba ningunha familia como noutros anos e para coñecer aspectos no relativo á convivencia, vostede nos negou o acceso ao centro, algo que a día de hoxe segue sen aclarar.

Pode que cada un vexamos a situación como mellor nos conveña, pero os feitos seguen aí e a historia non se reescribe. Cartelle non se merece que o colexio se desfaga. Tal e como a ANPA prognosticou para o presente curso na queixa entregada na Valedora do Pobo, podendo seguir no colexio, debido ás irregularidades observadas e ao malestar vivido, varias familias cambiaron os seus fillos de centro e perdemos matrícula. Por primeira vez nos máis de 40 anos de existencia do centro, acadamos un “descenso de matrícula a aproximadamente 30 alumnos”. Son os que quedan.

Pídolle que posibilite que Cartelle volva ser o colexio que era, que se respecten os dereitos e deberes de toda a comunidade educativa, con carácter de apertura e inclusión, onde todos tivemos sempre cabida, fomentando a colaboración e a transparencia, sen imposición de normas que dificultan as relacións interpersoais. E que, como directora do centro, expoña públicamente a súa versión dos feitos, para que todos entendamos o que pasou e segue pasando no CEIP San Marcos de Cartelle.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.