Carta a un amigo español (e 3)

Querido amigo,

Sinto que o que che quería contar cho enviei a anacos pero, como te prometín, sigo contando outro aspecto da miña experiencia particular de ser español, a de opinar sobre a cousa pública. A miña experiencia non é mellor nin máis importante que a túa pero é tan lexítima e verdadeira como a de calquera outra persoa, e esa experiencia repíteme unha e outra vez que esta España coa que ti te identificas dun modo natural nos exclúe a moitos outros. Pero resulta que España a pagamos todos.

A miña experiencia non é mellor nin máis importante que a túa pero é tan lexítima e verdadeira como a de calquera outra persoa, e esa experiencia repíteme unha e outra vez que esta España coa que ti te identificas dun modo natural nos exclúe a moitos outros

Sabes que nalgunha ocasión, poucas, porque alguén cita un libro ou por algún outro motivo, fago algún comentario sobre literatura. Paréceme que cando é así falo nun ton distinto ao que uso cando falo de política ou asuntos sociais. Para min son campos distintos e, doume conta agora que te escribo isto, creo que iso se reflicte nun ton distinto. Cando falo de política ou da cousa social angústiome, fatígome e cando falo de literatura ou arte, respiro. Creo que vivín sempre entre estes dous tons, pero sempre entendín que escribir literatura era unha cousa e tratar dos problemas sociais, outra. Outros pensan distinto e a min mesmo encantaríame vivir pensando só na literatura e as artes pero xa ves. Porque penso que así me esforzo en separar as opinións dos escritores das súas obras, de feito creo que quen non é capaz de facelo non goza realmente da literatura e traslada a ela outros asuntos que non corresponden. Pero non me engano, as miñas actuacións e opinións afectaron á imaxe do escritor e, inmediatamente, aos libros. Pagamos un prezo por todo e non é que non o soubese.

Duroume, non me podo queixar, ata que me botaron do xornal e desapareceu o meu nome e os meus libros da práctica totalidade dos medios en Galicia por orde do entón Presidente da Xunta, Manuel Fraga Iribarne

Aínda que agora escribo nun computador poida que a culpa a tivese a vella máquina de escribir Underwood que un día comprou o meu pai, o soño familiar de que os fillos accedesen aos instrumentos para progresar na vida. Non recordo a quen lla comprou, así que vai ti saber o que escribiría esa máquina antes de que o meu pai a comprase de segunda man. O problema foi que quedei eu con ela e nela empecei escribindo alternativamente tanto contos coma o texto de panfletos, consignas e comunicados. Eu pretendín separar a literatura da acción pero, quen sabe, se cadra a máquina distribuía unha mesma sustancia nunhas cousas e outras e todo se contaminou. O caso é que houbo un momento, xa publicara libros de ficción, no que me ofreceron publicar artigos en prensa e aceptei encantado. Cría ter tanto que dicir e estaba disposto a aproveitar a ocasión, a ver canto me duraba. Duroume, non me podo queixar, ata que me botaron do xornal e desapareceu o meu nome e os meus libros da práctica totalidade dos medios en Galicia por orde do entón Presidente da Xunta, Manuel Fraga Iribarne. Foi entón, no ano 99, cando botei man de Internet por primeira vez para publicar no baleiro o que me daba a gana. Pero esa é outra historia de quebrantos e mellor volvo ao que estaba.

En Galicia criticóuseme tanta atención a España e desde medios madrileños criticóuseme a miña visión dela

A pesar dos custes colléralle o gusto a opinar en prensa e escribín sobre todo e calquera cousa, pero como vía de que modo se estaba configurando a vida pública española fun escribindo Por un Madrid federal e aberto, Que non nos rouben Madrid, A España de Paco Ibáñez, Construír pontes, unir pedazos, Cataluña abre España... En Galicia criticóuseme tanta atención a España e desde medios madrileños criticóuseme a miña visión dela. Que queres que che diga?, o meu lugar sempre é incerto, son un intruso en todas partes e cando é así acaba un en terra de ninguén.

Cando naufragou o Prestige, desencadeouse aquela grande onda de solidariedade de xente de todas partes e a mobilización de Nunca máis, ti lembraralo, e a continuación veu o Non á guerra, continuou a marea. Metinme en todo aquilo de cabeza, escribín onde puiden sobre o proceso político que viviamos e recollín boa parte deses textos nun libro, Españois todos, débelo de ter por casa, contra o que definía como o nacionalismo reaccionario de Aznar. Ante a proximidade das eleccións, até redactei o borrador do manifesto polo cambio político, máis implicado non podía estar. Visto agora, se cadra paseime, a vehemencia non é unha virtude precisamente. Pero tampouco me arrepinto, fixen o que podía e cría que debía facer.

Inmediatamente, tras o atentado nos trens de Madrid durante uns días creouse unha situación que hoxe parece esquecida pero que a min me preocupou: o Presidente Aznar adxudicou o atentado a ETA, “os autores intelectuais non están en montañas afastadas”, e nese contexto tan tráxico e sinistro dúas firmas de referencia sinalaban en El País a quen criticaran o nacionalismo centralista de Aznar. Decátate de que idea tiñan esas persoas de quen criticabamos o centralismo, considerábannos cómplices do terrorismo e persoas sen entrañas que odian os madrileños. Até ese punto conduce o encono. Coma se non puidésemos pensar así sendo veciños da cidade, ou non tivésemos familiares e amigos nela. Aquilo deume unha idea da dureza dun nacionalismo que había ir forxándose esas décadas na dialéctica con dous asuntos, o nacionalismo catalán e o terrorismo vasco.

Recordo o chasco que levamos con Outra idea de España, os editores crían que era un libro interesante e confiaban con optimismo no reclamo da figura do escritor pero ao saboroso xantar nun bo restaurante para presentar o libro nesa ocasión non acudiron os medios

E recordo o chasco que levamos con Outra idea de España, os editores crían que era un libro interesante e confiaban con optimismo no reclamo da figura do escritor pero ao saboroso xantar nun bo restaurante para presentar o libro nesa ocasión non acudiron os medios. Un único xornal sacou unha columna aos quince días. Os editores -eran cataláns- non entendían nada. A continuación fun a Barcelona e o contraste foi absoluto, entón vin ata que punto receaban nunha cidade dese cuestionar a idea de España establecida e ata que punto o necesitaban na outra.

Precisamente o que acaba de ocorrer cun artigo, publiqueino en eldiario.es, confírmame nese contraste. Escribín Admiremos a Cataluña pensando nun público de cidadáns españois que non fosen cataláns, sabía que titular iso en España é unha provocación intelectual e contaba coas descualificacións e insultos de esperar pero resulta que foi un éxito incrible na rede. Ao principio non entendía aquel entusiasmo en lectores españois por un artigo así, pensei que menosprezara a simpatía cara a Catalunya entre os españois, ata que caín na conta de que a inmensa maioría dos seus lectores eran cataláns. A cidadanía catalá nos últimos anos séntese particularmente menosprezada, insultada e ofendida, e teñen toda a razón. A súa reacción con ese artigo demostra que si que lles importa o que pensan e senten os concidadáns de fóra de Catalunya. Non é certo que non lles importen o españois pero están fartos de ser tratados dese modo e queren respecto, atención e diálogo.

A cidadanía catalá nos últimos anos séntese particularmente menosprezada, insultada e ofendida, e teñen toda a razón. A súa reacción con ese artigo demostra que si que lles importa o que pensan e senten os concidadáns de fóra de Catalunya

Pero non te equivoques, nin os ves nin os oes, os medios de comunicación que nos chegan non nolo contan, anuncian o mal que lles vai ir, que non son tantos independentistas, que son mesquiños, manipulados, que é imposible..., pero non te permitirán oírlles dicir a eles o que teñen que dicirnos. Non te enfades con eles, pretenderon cambiar esta España e fracasaron, fixéronlles boicots, difámanos día a día, pasáronlle o cepillo, deixáronos 'limpos como unha patena'... Tentárono, pero España non se deixa.

Son escéptico sobre o futuro de Galicia, aínda que non poida deixar de preocuparme, e son totalmente pesimista sobre esta España obsesionada por esa “unidade nacional”

Son escéptico sobre o futuro de Galicia, aínda que non poida deixar de preocuparme, e son totalmente pesimista sobre esta España obsesionada por esa “unidade nacional” baseada na imposición e que non cre na democracia. Á xente parécelle mal que se diga pero, aínda que melloramos moito, a cultura democrática da sociedade española é de moi mala calidade. Segue habendo verdadeira inquina á diferenza e á discrepancia, tes que aliñarte nun bando ou noutro, e latexa a violencia sempre. En tempo de paz a violencia subxacente sempre se expresa na linguaxe, afortunadamente, e así en lugar do diálogo prima a imposición e en lugar da argumentación, o insulto. O insulto, a flor da rede española, é cando alguén en lugar de expor o seu punto de vista alternativo decide liquidarte. O insulto, tan omnipresente na vida pública, é un golpe ou unha navallada para abater a un adversario.

España non deixan cambiala os que a teñen suxeita. Cando vexo a loita dos traballadores da sanidade madrileña, a dos ensinantes mallorquinos, a Plataforma de Afectados pola Hipoteca..., calquera resistencia cívica síntoa como miña pero España sei que non o é

España non deixan cambiala os que a teñen suxeita. Cando vexo a loita dos traballadores da sanidade madrileña, a dos ensinantes mallorquinos, a Plataforma de Afectados pola Hipoteca..., calquera resistencia cívica síntoa como miña pero España sei que non o é.

Ti antes estabas tranquilo no teu España, eu non; agora tamén ti estás a contragusto, benvido ao club.

E agora é cando me despido con aquilo de “teu que o é”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.