Carta a un amigo español (I)

Querido amigo,

Eu sabía perfectamente que ese é un asunto que non se pode tratar entre persoas con opinións contrarias ou distintas porque leva a un enfrontamento, non é un tema calquera pois afecta todo o máis íntimo de cada un, á propia identidade

escríboche esta carta porque o pequeno incidente, o teu arrebato de furia, do día pasado deixounos mal sabor de boca a todos e porque sei que ti estarás agora desgustado e confuso. Eramos catro e tres, cada un cos seus matices máis ou menos importantes, estabamos a favor de que os cataláns puidesen decidir o seu futuro libremente, ti dixeches non comprendelo e acabaches insultando e ofendendo á persoa que tiñas enfronte. Agora estaredes ambos particularmente doídos pero tamén eu sinto que teño a miña parte de culpa, non debería ter participado do que parecía unha conversa pero que acabaría inevitablemente nunha discusión. Eu sabía perfectamente que ese é un asunto que non se pode tratar entre persoas con opinións contrarias ou distintas porque leva a un enfrontamento, non é un tema calquera pois afecta todo o máis íntimo de cada un, á propia identidade. Aínda que eu non me decatei antes, é evidente que a ti che afecta profundamente e iso, sumado ás tensións da vida corrente, fíxoche estalar.

Non o entendo! É que non o podo entender! A ver, como é... Pero é que entón as nacións non existen? Poden agora marchar? Exclamaches exasperado e con desesperación, verdadeiramente imaxinar aquilo facíache sufrir. Eu pretendín, estupidamente, racionalizar a situación e ofrecer unha visión das cousas, coma se fose algo que se puidese argumentar friamente e non estivese ligado a emocións moi fortes. Falei sobre que en realidade na nosa infancia Guinea Ecuatorial era unha provincia española até 1968 e que en 1975 España abandonou o Sahara coa súa poboación, que tamén tiña dereito a ser considerada como nacional española. Continuei con que, contra a opinión dominante da historiografía española, cando en 1833 o goberno da rexente María Cristina, seguindo o modelo francés, divide un estado composto e diverso en provincias homoxéneas se creou un problema que non tería solución. E que a Generalitat, co seu presidente no exilio, xa existía antes da Constitución de 1978 e que ese goberno dos cataláns encaixou posteriormente no estado a través da Constitución. Pero non tiña sentido, seguía sendo parte dunha discusión acerca dun asunto sobre o que non se debe discutir. Ademais, tiña unha posición de privilexio sobre ti, pois sempre me interesei algo por eses temas e, en cambio, ti non. Ti fuches moi considerado, tendo en conta o alterado que estabas ben podías mandarme á merda e eu merecelo.

Dun modo ou doutro xa me oíches algunha vez que creo que o problema que ten España para enfrontar o seu problema nacional é a ideoloxía dominante, na que foi educada e séguese educando á poboación

Dun modo ou doutro xa me oíches algunha vez que creo que o problema que ten España para enfrontar o seu problema nacional é a ideoloxía dominante, na que foi educada e séguese educando á poboación. A idea de España existente baséase nun descoñecemento absoluto de realidades históricas e culturais que existen e que teñen raíces históricas profundas. Habería que redactar unha Historia que puidese explicar a realidade complexa que é aínda hoxe España, non se trata de facer unha historia con remendos para contentar a cada autonomía senón de explicar de onde vén que haxa cidadáns que sendo oficialmente españois queren deixar de selo ou cren formar parte doutra nación.

Habería que redactar unha Historia que puidese explicar a realidade complexa que é aínda hoxe España, non se trata de facer unha historia con remendos para contentar a cada autonomía

Ti es unha persoa máis de acción que de pensamento e quedaches coa idea de España que nos ensinaron, pero o meu caso é distinto e ben podería dicir que non mo puiden permitir. Ti viñeches da túa provincia a vivir a Galicia hai xa moitos anos, en realidade levas aquí dous terzos da túa vida, pero sei ben que para case todas as persoas existe un fío de aceiro que baixa até o mundo da infancia e a adolescencia. Aínda que vivamos coma se ese lazo non existise nin importase, estamos suxeitos a esa patria primeira de tal modo que sentimos que se a perdésemos pereceriamos. A nosa verdade última é que somos o neno ou a nena que fomos alí, nalgún lugar. Pero viviches aquí todos eses anos e, aínda que para ti sigas sendo da túa terra de orixe, xa es visto por todos como alguén que forma parte como calquera outro de este 'aquí' o noso. Con todo, como te mantiveches na visión de España que che deron na escola da túa infancia nunca te preocupaches moito por comprender, que é abarcar e abrazar, esta terra ou este país, como lle queiras chamar, que era un tanto distinto do que procedías. O meu caso é o contrario, eu tiven que me facer moitas preguntas e as respostas que me fun dando marcaron completamente a miña vida.

Aquela nación na que me educaron, España, e da que me debía sentir parte con orgullo, non casaba co mundo no que eu vivía

Para empezar eu vivín toda a miña vida aquí onde nacín. Cando iso é así, un adoita crer que a vida que hai no seu lugar é “o normal” e que o resto do mundo é alleo e máis ou menos estraño. Pero aquela nación na que me educaron, España, e da que me debía sentir parte con orgullo, non casaba co mundo no que eu vivía. Naquela idea de nación non cabían a maior parte das persoas que coñecía ou que vivían na miña contorna, só cabían como unha anomalía que había que corrixir, uns españois imperfectos e deformes que había que facer encaixar no molde. E de feito percibía toda unha política brutal destinada a facer desaparecer esa anomalía. Observei as inxustizas á miña ao redor e constatei que moitas tiñan que ver co feito mesmo de ser galego, o feito mesmo de ser galego traíalles problemas e era algo que debían corrixir.

Ti, igual que calquera persoa que viva aquí, sabes perfectamente cales son na actualidade as regras do xogo en Galicia en relación coa identidade: un non debe parecer moi galego

Ti, igual que calquera persoa que viva aquí, sabes perfectamente cales son na actualidade as regras do xogo en Galicia en relación coa identidade: un non debe parecer moi galego. Para ser lexitimado, ascender ou ter prestixio social en Galicia un debe parecer non selo e iso faise a través do uso do idioma, que o castelán sexa a túa lingua e que o fales co menor acento galego posible e que, caso de que te deslices ao galego porque a ocasión o require, o fales sen convicción. Se isto é hoxe así, como sería hai corenta anos? Se queres podes lembralo pois xa vivías aquí. Imaxina na escola, no servizo militar, en cada oficina pública... Non pretendo xulgar a túa actuación respecto diso, non quero falar de se ti, tras tantos anos, falas ou non cando menos algunha palabra en galego, tampouco o meu pai, que veu de mozo e pasou aquí a vida, tivo que molestarse en aprendelo. Tratábase precisamente de desaprendelo para progresar e unha persoa castelán falante de natural tiña vantaxe sobre os do país. Doutra banda hai moita xente, cada vez máis, que viviu aquí toda a súa vida e non se molestou nunca en pronunciar palabra, moi ao contrario.

Teño as miñas ideas e conviccións pero non me gusta que xulguen o meu comportamento respecto diso nin nun sentido ou noutro, e non quero facelo cos demais

En todo caso ese é outro tema, se non é o mesmo, sobre o que non entro en discusións, primeiro, para non acabar a berros e, segundo, porque sei por min mesmo que cada un ten a súa vida particular e as súas razóns e motivos e non temos capacidade para entrar a opinar ou xulgar. Teño as miñas ideas e conviccións pero non me gusta que xulguen o meu comportamento respecto diso nin nun sentido ou noutro, e non quero facelo cos demais. Doutra banda, sei que a túa actitude cara aos demais é moi aberta e moi humilde, así que comprendo que simplemente é algo ao que non lle dás importancia e que tampouco che foi esixido polo traballo ou a necesidade. De feito somos amigos desde hai anos e sempre conversamos ti en castelán e eu en galego, coma se as nosas linguas fosen transparentes. Non imaxino que no futuro sexa doutra maneira e nin me importa nin pola miña banda desexo cambialo, sei que ti tampouco.

Este interrogarme fixo que os meus avós maternos me chamasen “o galeguista”, e sabían perfectamente do que falaban, daquela corrente política e cultural que estaba proscrita desde os tempos da República

Pero comprenderás que nacendo aquí e constatando o desfasamento entre a España oficial e o mundo que me rodeaba me interrogase. De modo inmediato, ofrecíaseme a evidencia de que Galicia non era España, aínda que tampouco Portugal, e de que España non estaba pensada para os intereses da poboación galega. Este interrogarme fixo que os meus avós maternos me chamasen “o galeguista”, e sabían perfectamente do que falaban, daquela corrente política e cultural que estaba proscrita desde os tempos da República. Antes de ter coñecemento daquilo que estaba prohibido recoñecinme intuitivamente naquel apelativo, preocuparme polos problemas sociais conduciume desde neno ao galeguismo e deseguido á esquerda. Creme que non considero que ter ese tipo de preocupacións lle confíra a un maior altura moral ou intelectual, case diría que en realidade me parece enfermizo e que creo que frecuentemente hai máis nobreza en persoas que non viven dese modo que noutras que fan toda unha carreira pública dos asuntos sociais. Non querería ser un Tartufo que se levanta sobre un falso pedestal moral, recoñézome como a media da xente, pero teño un verdadeiro problema e é que son dese tipo de persoas que se meten en todas as leas e pisan todos os charcos e, aínda que o tentei dúas ou tres veces na miña vida, non consigo evitalo.

O manterte ti na visión nacional e social de España que recibiches mantente nun estado de harmonía interno pero os que nacemos nun mundo de contradicións non podemos permitirnos compartir a túa visión

O manterte ti na visión nacional e social de España que recibiches mantente nun estado de harmonía interno pero os que nacemos nun mundo de contradicións non podemos permitirnos compartir a túa visión. Vémonos obrigados a enfrontar dilemas e a optar. Iso fainos máis infelices, pois optando sempre renuncias a algo, pero non podemos esquivalo, sempre optamos nun sentido ou noutro cos nosos actos e omisións. Eu fun tomando opcións e se queres seguir lendo esta carta, tento expresarme con exactitude nun tema tan delicado e espero non caer na pedantería, iso tamén cho quero contar, as miñas opcións. Creo que comprenderás que persoas como min, ese tema de España, a nación e todo iso que nos puxo Catalunya sobre a mesa, vémolo doutro xeito ao teu e que se basea no máis real, na nosa experiencia. Contareiche algo de como fun negociando cos conflitos que atopei e os meus esforzos, vans, por ser español. Iso que a ti non che custa nada.

Porque o conflito entre pertenzas é moi real por ambas as partes, non só os cataláns senten pertencer a un ente e unha identidade colectiva, tamén quen se senten españois senten o mesmo a respecto da España existente hoxe

Ou non che custaba até hai pouco, ata que empezaches a sentir esta angustia que senten hoxe tantas persoas en España. Porque o conflito entre pertenzas é moi real por ambas as partes, non só os cataláns senten pertencer a un ente e unha identidade colectiva, tamén quen se senten españois senten o mesmo a respecto da España existente hoxe. E cada un sofre por dous complexos entrelazados, quen senten que España nega a súa identidade e a súa colectividade viven o que chamaría un 'complexo de aniquilación', "España néganos e pretende a nosa destrución", e quen non aceptan que os outros poidan existir como un ente separado viven un 'complexo de amputación', “queren cortar unha perna ou un brazo do meu corpo social”. Ti, até o outro día en que fuches excedido pola angustia, sempre conservaches unha actitude moi prudente e respectuosa cara aos demais pero todos vemos como está a afectar iso a outras persoas e vemos o encono e a agresividade, o verdadeiro odio que estaba aí e está a aflorar.

Desculpa agora, teño que ir traballar, sígoche escribindo a semana próxima.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.