A nosa estatura moral non se deduce directamente do noso status económico. Hai pobres ruíns e tamén ricos exemplares. Vostede pobre non é e goza de respecto e admiración, en parte grazas á súa imaxe de self-made man extremadamente discreto e mesmo austero. Claro que aos ricos sempre lles interesou invisibilizar o seu benestar. En todo caso, o politicamente relevante non é isto, senón o que Thomas Piketty nos conta en Le capital au XXIe siècle, quizais a obra de economía política máis importante dos últimos tempos. Malia as críticas que recibiu –desde a dereita pero tamén desde a esquerda–, demostra que o sistema leva décadas transferindo recursos masivamente dos pobres aos ricos.
A crise desencadeada en 2007 serviulles ás clases dirixentes, das cales vostede forma parte, para impulsaren a deriva antisocial da globalización neoliberal. Segundo Oxfam, vostede pertence a un grupo transnacional de menos de 10 individuos que atesouran o mesmo patrimonio que outros 3.600 millóns de persoas, a metade máis pobre da poboación mundial. En canto á distribución das rendas, o seu país, España, é o máis inxusto dos oito máis grandes da Unión Europea. E tamén en Galiza medra a desigualdade. A taxa de risco de pobreza e exclusión social supera aquí o 22%. En máis dun terzo dos fogares dos seus concidadáns galegos, os ingresos mensuais por persoa están por debaixo dos 600 euros.
Todo indica que un compañeiro seu de fortuna, Warren E. Buffett, tiña razón cando confesou que a guerra de clases si existe e que son vostedes, os ricos, quen a están a librar e a gañar. Son vostedes os beneficiarios da desigualdade extrema que xera o noso demencial sistema económico e toleran as nosas democracias enfermas e expostas ao avance dos populismos de dereitas. A desbocada concentración dos ingresos e da riqueza constitúe un perigo real, non só para a economía, senón, e sobre todo, para os nosos réximes políticos, que, gravemente distorsionados, xa non son quen de atender as necesidades dunha parte importante da poboación. Porén, se hai algo que a cidadanía ten un interese vital en impedir é precisamente a descomposición moral da sociedade e a laminación da democracia.
Así que necesitamos renovar o compromiso entre a democracia e o capitalismo. É preciso recuperarmos e desenvolvermos a capacidade redistributiva do Estado, basicamente mediante impostos progresivos sobre o ingreso e sobre o capital acordados a nivel rexional e internacional. Que vostede sexa tan obscenamente rico mentres centos de miles dos seus concidadáns viven inseguros e vulnerábeis, condenados á indixencia e á precariedade, é algo obxectivamente inxustificábel e radicalmente incompatíbel coa idea dunha comunidade virtuosa que teña sentido do ben común.
Sabemos que, como nos recordou Tony Judt en Ill Fares the Land, os ricos non queren o mesmo que os pobres. Pero cando alguén puido, en contra de toda racionalidade, amasar unha fortuna tan xigantesca como a súa, o seu compromiso público efectivo coa xustiza social e coa democracia convértese na medida da súa responsabilidade e da súa estatura moral. Pode haber pobres ruíns e ricos exemplares. Vostede pobre non é.