Carta aberta a Eloína Núñez

Membros da Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS nunha manifestación © Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS

Recentemente, a xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela, Eloína Núñez, fixo unhas declaracións públicas no xornal La Voz de Galicia facendo balance da xestión da pandemia na área sanitaria e tirando algunhas conclusións en relación cos cambios que se van producir na xestión dos recursos sanitarios dispoñibles. Antes de nada, dicir que como pacientes non deixa de sorprendernos a súa falta de empatía cas persoas e familiares que padeceron as consecuencias da infección e con aquelas outras que sen estar afectadas viron socavado o seu dereito á atención clínica. Nin unha palabra de alento, de recoñecemento da dor compartida, ou de recordo para os falecidos. Coñecendo a súa traxectoria como xestora non agardamos que vostede faga unha reflexión autocrítica ou de recoñecemento público do que non funcionou correctamente, pero non nos parece propio dunha profesional da medicina que nin tan sequera recoñeza as graves e ostensibles carencias de medios de protección para pacientes e profesionais sanitarios que aínda hoxe seguen sendo denunciadas polo persoal da UCI de adultos.

Non nos parece propio dunha profesional da medicina que nin tan sequera recoñeza as graves e ostensibles carencias de medios de protección para pacientes e profesionais sanitarios que aínda hoxe seguen sendo denunciadas

Case ao final deste primeiro tramo da xestión da pandemia, resulta doado, ao mesmo tempo que doloroso, localizar as vítimas deste evento. Miles de pacientes falecidos, na maioría dos casos de avanzada idade; miles de familias psicoloxicamente afectadas e sen voz para poder expresar a dor por non poder estar ao carón dos seus seres queridos no momento do seu último alento; profesionais ata o límite poñendo en risco a súa saúde e a súa vida. 

Pero as vítimas non acaban aquí. Os danos colaterais son múltiples e de distinta intensidade que se van manifestando a medida que imos entrando na eufemisticamente denominada “nova normalidade”. Desde o mes de marzo, para garantir as camas UCI dos pacientes COVID-19, suspendéronse ou reprogramáronse pola xerencia do SERGAS todas as intervencións cirúrxicas previstas antes do 14 de marzo. Miles de pacientes da área sanitaria, de diversa gravidade e preferencia, estamos aínda hoxe agardando a que nos fixen a cita para a intervención e seguemos a soportar demoras que non só están afectando á deterioración do noso estado de saúde, senón que ademais poñen en risco as nosas posibilidades de curación. Vostede manifesta que practicamente está organizada o 100 por 100 a actividade cirúrxica, pero a continuación dinos que o número de intervencións vaise ver reducido. 

Noutras palabras, vanse a acumular maiores demoras e debemos recordar que toda asistencia sanitaria demorada é unha asistencia denegada. A pesar disto, a esta situación vostede chámalle “normalidade”. É dicir, maior precarización asistencial e maiores tempos de espera para ser atendidos polo sistema. Se antes da declaración do estado de alarma, os medios dispoñibles eran manifestamente insuficientes para atender a demanda de atención, agora sen mais recursos e sen un plan de urxencia para recuperar o tempo perdido polos pacientes en espera, a situación vai ser unha vuelta de tuerca á precariedade e un aumento das vítimas colaterais expresada en secuelas irreversibles e, no peor dos casos, en vidas humanas.

"Non só non dispoñemos dun sistema público de saúde preparado para afrontar eventos tan devastadores como a do COVID-19, senón que ademais contaremos a partir de agora cun sistema máis precarizado

O que vostede non di é que a xerencia e o SERGAS a través do Plan de reactivación asistencial no ámbito hospitalario en relación coa infección polo virus SARS- Cov-2, está reactivando a actividade asistencial cos mesmos medios que antes do confinamento, pero agora ostensiblemente reducidos porque é necesario reservar camas UCI, camas de hospitalización e espazos separados en urxencias para atender os pacientes infectados. Noutras palabras, non só non dispoñemos dun sistema público de saúde preparado para afrontar eventos tan devastadores como a do COVID-19, senón que ademais contaremos a partir de agora cun sistema máis precarizado, con procesos de atención máis lentos e con peores resultados en termos de de curación e calidade de vida. Detrás do Plan de reactivación asistencial hospitalaria escóndese un novo axuste pola vía dun maior racionamento dos xa escasos recursos dispoñibles, de consecuencias tan devastadoras como a propia pandemia pero máis ocultas e prolongadas no tempo. 

A situación actual non está servindo para mellorar a nosa capacidade de resposta ante sucesos de gran impacto como a COVID-19 senón que se emprega como coartada para precarizar máis o noso sistema público de saúde

Vostede anúncianos que a teleasistencia é un dos cambios mais significativos do que nos “benefeciaremos” os pacientes e profesionais, porque, a entrevista médica presencial “non achega ningún valor á consulta”.  Atrévese a afirmar que “non ten sentido mandar vir a un paciente ao hospital para darlle o resultado dunha proba, temos teléfono e incluso vídeochamadas nas que podemos realizar todo tipo de consultas”. Ante esta afirmación debemos reclamar que se diten normas que regulen este procedemento de atención, fixando claramente  os límites do seu uso. O emprego de medios telemáticos no ámbito sanitario ten o seu espazo e un uso correcto deles poden ser beneficioso para a calidade da atención e para o fortalecemento da relación médico/paciente. Pero en ningún caso, como xa está acontecendo agora,  pode servir para as primeiras consultas, para problemas de saúde non coñecidos, ou consultas que requiran unha exploración física ou unha recollida de datos que deban ser incluídos na historia clínica. Non deben ser utilizados entre pacientes e profesionais que non se coñecen, ou para consultas urxentes, nin para transmitir información que polo seu alto impacto emocional debe ser comunicada de xeito presencial. Non é humanamente tolerable que o resultado dunha proba diagnóstica da que se deduce unha doenza grave ou invalidante que vai afectar no futuro as relacións familiares, sociais e profesionais do paciente se realice mediante medios telemáticos, entre outras cousas, porque a profesión médica é unha  actividade de atención integral que non só debe curar senón que ademais debe dar a atención persoal que permita acadar unha actitude informada e emocionalmente favorable do paciente que é imprescindible para o proceso de curación. A doenza é importante pero tanto ou máis que ela é o paciente como ser complexo que require atención física e capacidade para xestionar o tránsito da enfermidade.  E isto só se acada ca cita médica presencial. Polo tanto, cando vostede, señora Eloína Núñez, seguindo o Plan de reactivación aprobado polo SERGAS considera o uso adecuado da atención telemática desde a primeira consulta, está priorizando a economía de medios e con isto unha redución na calidade asistencial e de diagnóstico. 

Para rematar, lamentamos constatar que lonxe de ter un plan de continxencias ante futuras situación de emerxencia sanitaria, a xerencia manten as UCIs nun estado deplorable, como están a denunciar o persoal sanitario, e que o grave evento que estamos padecendo non está servindo para mellorar a nosa capacidade de resposta ante sucesos de gran impacto como o COVID-19 senón que se emprega como coartada para precarizar máis o noso sistema público de saúde.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.