No meu caso, e no de moita da xente que coñezo, non acudimos á universidade para que nos entreteñan nin para pasar a tarde. Tampouco considero que a idade me reste capacidade crítica ou fame intelectual. Teño fame de coñecemento, teño criterio e teño dereito a ser respectada. Para min, non todo vale
Querida e estimada Universidade:
Moitos anos esperei por ter tempo e oportunidade para formar parte de vós e agora escríbovos desde as aulas dos estudos para maiores, ese espazo nacido cunha vocación tan necesaria como fermosa: abrir as portas do coñecemento a quen, chegados a unha etapa da vida na que por fin dispoñemos de tempo, decidimos investilo no que durante anos —por mor de ter que traballar para vivir— nos foi esquivo ou quedou adiado para moitos de nós: estudar e dedicar parte do noso tempo a aumentar os nosos coñecementos académicos.
É certo que os programas universitarios sénior cumpren, como dicides nos vosos espazos, unha valiosa función social e axudan a combater a soidade ou o illamento que, ao parecer, se asocia sempre ás persoas dunha certa idade. Mais a necesidade de compaña e as inquedanzas culturais non son exactamente a mesma cousa. E non soamente non son a mesma cousa, senón que a cultura non debería rebaixarse xamais para converterse nun mero pasatempo.
No meu caso, e no de moita da xente que coñezo, non acudimos á universidade para que nos entreteñan nin para pasar a tarde. Tampouco considero que a idade me reste capacidade crítica ou fame intelectual. Teño fame de coñecemento, teño criterio e teño dereito a ser respectada. Para min, non todo vale.
Nos estudos para maiores existe un risco sutil e profundamente inxusto: o paternalismo académico. Pregúntome se, en ocasións, se pensa que á xente maior lle abonda con calquera cousa e que unha charla superficial ou un programa sen apenas contido nin bibliografía son suficientes para cumprir o expediente.
Coido que nos estudos para maiores existe un risco sutil e profundamente inxusto: o paternalismo académico. Pregúntome se, en ocasións, se pensa que á xente maior lle abonda con calquera cousa e que unha charla superficial ou un programa sen apenas contido nin bibliografía son suficientes para cumprir o expediente.
A miña demanda refírese á escolla das materias obrigatorias e ao nivel do programa destas materias. Cuestiónome o pensamento de base de quen decide e organiza o plan de estudos —ese percorrido de catro anos con tres materias por curso do grao sénior do que falo—. O feito de que o meu propósito non sexa obter un título habilitante non significa que todo valla: agardo destes estudos, polo menos, a dignidade intelectual mínima que leva implícita a palabra Universidade. Para min, a divulgación universitaria debe ter estrutura, profundidade e respecto pola intelixencia de quen escoita.
Entendo que poida terse en conta a diversidade do alumnado ao elaborar un programa de estudos, mais non coido que se deba partir dun nivel baixo. Ao tratarse dunha institución universitaria, agardo outro rigor e pregúntome se engadir o apelido «sénior» á denominación xustifica que as expectativas sexan distintas.
Non pequedes de edadismo, non nos infantilicedes. Non nos rebaixedes o listón. Ofrecédenos o mellor do voso saber, porque nós poñemos o máis valioso que temos: o noso tempo e as nosas ganas intactas de seguir aprendendo
Querida Universidade: os maiores somos cidadáns e cidadás con experiencia vital que acudimos a vós polo voso prestixio buscando rigor, esixencia e horizonte, e tamén relacións sociais. Por que non?
Non pequedes de edadismo, non nos infantilicedes. Non nos rebaixedes o listón. Ofrecédenos o mellor do voso saber, porque nós poñemos o máis valioso que temos: o noso tempo e as nosas ganas intactas de seguir aprendendo.
Atentamente,
Unha alumna da Universidade Sénior