Carta aberta ao conselleiro de Educación

Estimado conselleiro:

Despois de ler atentamente a entrevista que este sábado publicaba un xornal, dende a ANPA do instituto de Brión queremos reflexionar en voz alta sobre  algunhas das súas opinións que, canto menos, nos sorprenderon.

Tal vez como somos un instituto do rural, escapásenos algún dos seus razoamentos . Fala vostede de “levantar o foco e ver o conxunto”. É certo, e esa debe ser a súa misión pero, ó igual que para nós, tamén poñer o foco no máis pequeno. Vostede, nas pequenas comunidades, como é este IES, e nós, nos nosos fillos.

DI que a función das familias no sistema educativo é importante. Por suposto e faltaría máis dicimos nós!. Por iso permitímonos alertalo das eivas que van a aparecer neste centro pola falta de profesorado. Problemas dos que levamos por certo advertindo dende antes do verán e que, como supoñiamos, o seu departamento condénanos a sufrir.

DI tamén que comprende as demandas e logo, supoñemos, que non están tan fóra da racionalidade como para que non se poidan discutir cos que entenden (a dirección do centro) máis aló de escudarse no mantra de “se cumpre e legalidade, logo non tedes máis que dicir e todo está ben”.

DI que a decisión de  non ampliar o cadro de profesores é “unha decisión técnica, sen interferencias políticas”. Iso esperamos, queremos supoñer que o seu departamento non toma este tipo de decisións por “motivos” políticos. Nós tampouco estamos movidos por intereses políticos.

DI que o traballo da consellería pasa por escoitar os docentes e darlles as ferramentas que posibiliten que poidan traballar coas máximas garantías. Pois ben, ós docentes deste IES deberon oílos pero non escoitalos, porque lles dixeron en varias ocasións e coas cifras na man, que co número de docentes que enviaban para este curso era imposible manter o que había (xa sabe, “virxenciña que quede como estou…) que é o mínimo que se debería facer de ano en ano.

Conformariámonos con que alguén coa súa mesma filosofía e apertura de miras nos reciba con ganas de analizar os datos concretos do noso centro e non se agoche tras a lexislación vixente

Fachendea vostede de que Galicia é unha das comunidades que mellor atende á diversidade.  Desgraciadamente temos que informarlo de que neste centro, sen a dotación de profesorado que reclamamos, un grupo de PMAR (Programa de Mellora da  Aprendizaxe e do Rendemento, xa sabe) vai desaparecer. Diga se isto é certo ou non, por favor. E para a próxima, pedímoslle que rectifique a súa euforia. Preguntámonos tamén se clases masificadas (con 30 e 31 alumnos por aula en 4º da ESO) tamén facilita a atención á diversidade.

Di tamén que “robótica” é “unha titulación de futuro que posibilita un sistema de calidade”. Estamos totalmente de acordo: pero iso debe ser para “outros”. Brión ten un IES do rural e para que quere robótica… “queredes ter un centro de élite!” (inspectora dona Carme Ares dixit. Fale con ela). Oito rapaces tiñamos este ano agardando por esa asignatura…

Entendemos que vostede está moi ocupado, senón o convidariamos a que viñese a este centro para explicarlle polo miudo a situación. Conformariámonos con que alguén coa súa mesma filosofía e apertura de miras nos reciba con ganas de analizar os datos concretos do noso centro e non se agoche tras a lexislación vixente.

De tódolos xeitos, se atopa un momento,  estamos pechados dende hai máis dunha semana no IES.

As señas son: Paseo de Pedrouzos, nº 3
15865, Brión, A Coruña.

Asdo. A directiva da Anpa PEDRA VIADA do IES DE BRIÓN.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.