Carta aberta ao SXPL

Prezado Valentín: Entro con este ton confianzudo por mor da vella amizade que nos une e o desexo de non ocultala, por máis que esta carta vai amosar a miña discrepancia co Secretario Xeral.

Ben sei que herdas unha cadeira que ferve e, con ela, o moito mal que até hoxe se lle veu facendo ás posibilidades de normalización da lingua propia (aínda que lle pese ao Valedor do Pobo) de Galicia. Sei tamén o difícil que che puxeron, e van poñer, o traballo de defendela e promovela, como dita a obriga do teu cargo. Mais, ao agardo de ver como fas o teu traballo, quero falarche do contido dunhas túas declaracións a un xornal, que foron publicadas o día 4 deste mes e ano, e nas que, entre outras cousas das que tamén discrepo, dis: “[O novo decreto do uso do galego no ensino] Era unha promesa electoral e está funcionando.” Ti cres que está funcionando ou, en realidade, é que ninguén mira se está funcionando ou non? E el non será que os que teñen que se preocupar polo seu funcionamento están a ollar para outro lado? A resposta verdadeira a estas preguntas é clara: non se está a cumprir o voso decreto de plurilingüismo!

Moitos, moitísimos centros privados e concertados incumpren dun xeito clamoroso as obrigas que o Decreto contén sobre o uso do galego no ensino. Materias obrigatorias en galego danse en castelán e teñen os seus textos nesa lingua. Danse en inglés (nalgúns casos nun trampitán que algúns lle chaman inglés) materias que terían que se dar en lingua galega, sen compensar o decrecemento do galego. Mesmo me falaron (claro que son disques, pero plausíbeis) que nalgún centro, non lonxe da túa casa, se dan as clases de galego en castelán!

Ti e mais eu sabemos que isto é así porque os que teñen a obriga de controlalo, os responsábeis da Consellaría de Educación (ou como se chame agora), cunha covardía miserábel, non fan cumprir nin o que eles mesmos poñen no DOG. E compórtanse así porque non queren incomodar aos centros de ensino privados e concertados, maiormente propiedade dese amplo sector da igrexa católica que despreza o galego porque Deus non o entende. Para eses non existen obrigas, só privilexios, corda polo lombo e que anden por onde queiran; e claro, os covardes axeónllanse diante dos poderosos aínda que se lles vexa o cu. E fan desta covardía mérito dicindo que non hai conflito. Pois moito menos habería de faceren un decreto cun só artigo: cadaquén que faga o que queira que nós non imos mirar.

E baixo o mando deles, competindo en covardía e bordeando sempre a prevaricación, está a inspección educativa, que non se afana facer cumprir a lei. Inspectores que fan a vista gorda, que dan volta no camiño para non topar co problema se enfronte albiscan un incumprimento do decreto que están obrigados a facer cumprir. E se algún profesor non se prega ao desleixo tentan convencelo de que prevarique... Así, como cho conto.

Esa e non outra é a realidade da aparente ausencia de conflito nos centros con relación ao voso decreto de Plurilingüismo: a corrupción (porque corrupción é non facer cumprir as leis sabendo que se están a violar), a covardía e o proceder raposeiro do altum siletium para que pareza que hai unha pax lingüísitca, que ti deveces, pero que non existe. Así que, se algunha responsabilidade che compete na vixilancia deste decreto, mira por el, como eu penso mirar por que sexa derrogado e poidamos volver a unha situación de consenso real e de avance na defensa da nosa lingua.

Unha aperta,

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.