O STEG, logo de coñecer o correo que CCOO, ANPE e UGT enviaron esta semana a 31.000 docentes do ensino público galego e no que agradecen “a todas as ANPAS e organizacións que están a reclamar que se cumpra ao xeito o acordo, quere sinalar algunhas cuestións á cidadanía en xeral sobre esta cuestión e, en concreto, á comunidade educativa, para non contribuír a crear máis confusión na mesma
O STEG (Sindicato de traballadoras e traballadores do ensino de Galiza), logo de coñecer o correo que CCOO, ANPE e UGT enviaron esta semana a 31.000 docentes do ensino público galego, e no que agradecen “a todas as ANPAS e organizacións que están a reclamar que se cumpra ao xeito o acordo, sobre todo ás organizacións sindicais que non o asinaron e que incluso convocaron dúas folgas contra o seu asinamento”, onde ademais sinalan con pretendida ironía que “ […] Rectificar é, sen dúbida, de sabios”, quere sinalar algunhas cuestións á cidadanía en xeral sobre esta cuestión e, en concreto, á comunidade educativa, para non contribuír a crear máis confusión na mesma, terreo onde parece que outras/os encontraron feliz acubillo.
–O STEG, si, negouse a asinar no outubro pasado o que se deu en chamar o Acordo de Mellora e que nós chamamos Acordo da Miseria porque entendíase e enténdese que non daba resposta ás necesidades urxentes que enfronta o ensino público galego, logo de catorce anos de recortes e de deterioro do calidade do mesmo así como das condición laborais das súas traballadoras e traballadores. Negámonos, tamén, porque dito Acordo renunciaba a reivindicacións fundamentais do profesorado sobre as que até ese momento existía unanimidade entre as organización sindicais (18 e 21 horas lectivas respectivamente, entre outras, pero tamén prazos urxentes e inmediatos en materia de ratios e desdobramentos, sen entrar nas melloras salariais miserentas que, doutra banda, están lonxe dunha suba lineal e efectiva para todo o profesorado).
–O STEG lamentou daquela -e continúa a lamentar- que estas tres organizacións sindicais renunciasen a percorrer un camiño conxunto de negociación e mellora e se conformasen co primeiro que a Xunta de Rueda lles ofreceu á carreira, lonxe de exercer a tensión e esixencia que se lle presupón a organizacións sindicais que din defender o ensino público galego fronte a unha Administración hostil abandonada ao neoliberalismo máis rancio. Todo, ás portas dunhas eleccións galegas onde a Xunta buscaba -como fose- unha foto (que se lle brindou case gratuitamente). Tal e como foi, por certo.
As propias organizacións sindicais asinantes deste grande Acordo recoñecen cos seus esforzados cálculos que estas cifras están ben lonxe do que precisa o ensino público galego
–O STEG sinalou no seu momento, e volve facelo agora, que ese Acordo nacía morto, pois ademais dos escasas garantías de cumprimento, o feito de saírse do consenso sindical mínimo coas organizacións non asinantes, facilitaba tamén o seu incumprimento posterior por parte da Consellería e, pola contra, dificultaba unha resposta contundente cando isto sucedese, como así está a acontecer. Cabe recordar que a Consellería ten asinado un acordo de interinas que incumpre sistematicamente, como saben de sobra centos e centos de substitutas que cada 30 de xuño van ao paro.
–Agora, no canto de asumir a súa responsabilidade neste despropósito, estas tres organizacións dedícanse a ironizar sobre supostas rectificacións pola nosa parte. Pero non é así. Abonda cun exemplo moi sinxelo: o STEG tampouco é partidario do Decreto de Plurilingüismo (Decreto que levamos, por certo, aos tribunais) pero todo o mundo pode entender que non por iso deixariamos de defender o seu cumprimento se alguén pretendese, por caso, que o 70% das materias se impartisen en castelán, saltándose a legalidade vixente. Como defendemos que se respecte o catálogo de unidades en vigor para Educación Primaria sen que iso signifique que nos pareza abondo para as necesidades reais do ensino público galego.
Precisamos volver a acadar a unidade sindical e unir o profesorado e a comunidade educativa fronte ao desleixo do goberno galego en materia de educación. Diso depende o futuro das novas xeracións
Finalmente, o STEG manifesta a súa perplexidade polas cifras de cumprimento que, non sen certa compracencia, estas tres organizacións reflicten no seu comunicado. Así, véndese como un grande éxito:
- que logo da supresión de 107 aulas de Educación Infantil no período comprendido dende 2021 a 2024, neste curso se gañen 4.
- que logo da supresión de 133 aulas de Educación Infantil nos últimos catro anos, neste curso se gañen 5.
- que logo da perda de 314 postos de traballo nos últimos catro anos, agora se gañen 21 postos máis. Cantos a costa da precariedade laboral?
É dicir, as propias organizacións sindicais asinantes deste grande Acordo recoñecen cos seus esforzados cálculos que estas cifras están ben lonxe do que precisa o ensino público galego, máis aínda á vista dos múltiples recortes, incidencias, incumprimentos da LOMLOE e do propio Acordo no relativo a ratios e desdobramentos que, por suposto, o STEG rexeita, esixindo o seu cumprimento.
Rectificar é de sabios, si. Tamén non perder a perspectiva. Por iso, non nos distraemos: precisamos volver a acadar a unidade sindical e unir o profesorado e a comunidade educativa fronte ao desleixo do goberno galego en materia de educación. Diso depende o futuro das novas xeracións.