Casado atrapado no seu labirinto

Intervención de Pablo Casado no Congreso © PP

Poucos analistas dubidan do feito de que a convocatoria anticipada das eleccións ás Cortes de Castela e León non foi a consecuencia directa dunha crise grave de gobernabilidade nesa Comunidade Autónoma senón que foi unha decisión adoptada por Fernández Mañueco para facer realidade o dobre obxectivo estabelecido por Pablo Casado dende a rúa Xénova: amortecer o papel relevante que vén desempeñando Isabel Díaz Ayuso e alimentar a idea dun cambio de ciclo electoral que debería finalizar co desexado acceso do líder máximo do PP ao despacho da Moncloa.

Os resultados desta operación electoral non se corresponderon, finalmente, coas pretensións de Mañueco e Casado. O PP ficou atrapado nunha dependencia plena de Vox

Semellante estratexia supoñía alterar a lóxica que inspirou o nacemento e posterior funcionamento do Estado das Autonomías. As Asembleas lexislativas e os gobernos das CC. AA. teñen como función prioritaria exercer con eficacia e con eficiencia as competencias que foron asumindo ao longo das últimas décadas. Subordinar tal finalidade á consecución dunha vantaxe partidista a curto prazo non se compadece co respecto que debería existir ás regras non escritas dun sistema democrático de calidade.

Os resultados desta operación electoral non se corresponderon, finalmente, coas pretensións de  Mañueco e Casado. O PP ficou atrapado nunha dependencia plena de Vox se quere asegurar unha mínima estabilidade gobernamental. Obviamente, esta opción terá consecuencias importantes nas dinámicas da política española, supón un risco para o futuro político do actual presidente do PP e suscita explícitas inquedanzas entre os socios europeos deste partido. Os primeiros indicios apuntan a que Pablo Casado non é capaz de atopar unha saída do labirinto no que se meteu.

Alberto Núñez Feijóo e Pablo Casado nun mitin en Ourense © PP

O problema de Vox non é a súa posición contraria á Constitución vixente senón a súa filosofía excluínte a respecto dos dereitos de partes importantes da cidadanía (mulleres, inmigrantes, colectivos LGTBI...). O aliñamento internacional do partido de Abascal é revelador da súa natureza radicalmente antidemocrática

Algunhas voces están a defender a comenencia dun acordo político entre PP e PSOE que impida a presenza, directa ou indirecta, de Vox no goberno de Castela e León. Trataríase de aplicar a mesma estratexia que se vén utilizando en Alemaña e Francia durante os últimos anos (e que, por certo, non coincide coa que se practicou en Austria, Italia ou Finlandia). Ocorre que, no caso español, non se dan as condicións necesarias para facer viábel tal posibilidade. Nin o PP nin o Partido Socialista serían capaces de asumir os custes dun cambio tan importante porque os datos existentes sobre o estado de opinión actual no seo dos seus respectivos electorados non lles permitirían dispoñer da capacidade de manobra requirida para tal xiro. Circunstancias como o recente intento argallado polo PP para impedir a aprobación da reforma laboral do goberno ou o mantemento do bloqueo da renovación do CXPX ilustran sobre o clima de máxima tensión que se rexistra na relación entre ambas formacións políticas.

Diversos opinadores do universo conservador están defendendo a pertinencia dun pacto gobernamental entre PP e Vox facendo unha comparativa co que representan os acordos parlamentarios do PSOE e UP con ERC e Bildu. Cando alguén necesita botar man dunha analoxía coma esta, significa que carece de argumentos sólidos en favor de naturalizar a presenza da extrema dereita no xogo político democrático. O problema de Vox non é a súa posición contraria á Constitución vixente senón a súa filosofía excluínte a respecto dos dereitos de partes importantes da cidadanía (mulleres, inmigrantes, colectivos LGTBI...). O aliñamento internacional do partido de Abascal é revelador da súa natureza radicalmente antidemocrática. Resulta curioso que os mesmos que presumen de europeísmo, consideren “normal” que figure nunha equipa gobernamental unha organización que comparte ideario con Le Pen, Salvini, Orban, “Alianza por Alemania”...

Sexa cal sexa o desenlace final desta guerra interna -polo momento a incompatibilidade entre ambos dirixentes resulta indiscutíbel-, o PP ficará seriamente debilitado nun momento no que está vendo ameazada a súa hexemonía no espazo da dereita

Polo demais, as urnas do pasado domingo permitiron constatar dúas realidades relevantes. Por unha banda, a forza electoral demostrada por algunhas plataformas provinciais ( singularmente “Soria Ya”), confirmando que a vella estrutura  bipartidista segue padecendo unha seria fatiga de materiais. Por outra banda, as malas cifras acadadas por Unidas Podemos semellan indicar un certo esgotamento da formación cuxa aparición -fai case oito anos- alterou notabelmente o taboleiro político do Estado español. O anunciado e aínda non explicitado proxecto de Yolanda Díaz enfróntase á urxente e incerta tarefa de  refundar o que no seu día espertou grandes expectativas en amplos sectores sociais.

Antes de que pasara unha semana dende os comicios de Castela e León, estoupou unha grave crise entre Casado e Díaz Ayuso. Sexa cal sexa o desenlace final desta guerra interna -polo momento a incompatibilidade entre ambos dirixentes resulta indiscutíbel-, o PP ficará seriamente debilitado nun momento no que está vendo ameazada a súa hexemonía no espazo da dereita. Todos os escenarios están abertos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.