Castelao: democracia e paz

Castelao Dominio Público

Fragmentos do discurso na mesa redonda titulada “Castelao: democracia e paz”. Esta celebrouse na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da Universidade de Santiago de Compostela o 11 de novembro de 2025 e foi organizada polo Consello da Cultura Galega e o Equipo de Investigacións Políticas

Fragmentos do discurso na mesa redonda titulada “Castelao: democracia e paz”. Esta celebrouse na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da Universidade de Santiago de Compostela o 11 de novembro de 2025 e foi organizada polo Consello da Cultura Galega e o Equipo de Investigacións Políticas. 
 

I. Que institucións, que regras e que pactos fan posible a dignidade?

Vivimos un tempo no que volven medrar discursos antidemocráticos e pulsións belicosas. A guerra de Ucraína, o xenocidio en Gaza ou o cruento conflito en Sudán -tan esquecido polos medios- son golpes na nosa idea de humanidade e retos directos á arquitectura da nosa democracia. Por iso volver a Castelao non é unha rutina conmemorativa: é unha decisión práctica. Porque Castelao foi artista, intelectual e político, e esa tripla mirada dálle unha capacidade rara de xuntar emoción cívica, criterio moral e deseño institucional. Dende logo, o seu pensamento tivo etapas, como ben acertaron a dicir os profesores Justo Beramendi e Ramón Máiz: unha primeira etapa conservadora pola tradición familiar, pasando polo seu compromiso galeguista -cun certo rexeitamento á modernidade- ata o período de madurez dende os anos 30 ata a súa morte. Neste última etapa, cun certo pensamento fragmentario, xa burbullaba a defensa da democracia e da paz a partir das súas accións e das súas propostas.

Cando Castelao pensa Galicia como nación e cando pensa a paz, pensa en formas de orde xusta que fagan imposible -ou polo menos máis difícil- a humillación, a dominación e a violencia. Esa é, para min, a súa actualidade: un humanismo político que non se conforma co relato (¡o famoso relato!), senón que baixa ao taller da forma política preguntándose: Que institucións, que regras e que pactos fan posible a dignidade?

De aí a hipótese central para a conversa: Castelao ensínanos que a defensa da democracia e a defensa da paz só son cribles se se encarnan en proxectos institucionais que recoñezan diferenzas, garanten dereitos e xeren confianza. Estou seguro que sería un firme defensor do multilateralismo tal e como o entendemos hoxe en día. Porque democracia e paz non son só fins; son tamén xeitos de organizar o común. Como se pode ver no Sempre en Galiza

abonde decir que a República e a Constitución morreron antes de crear as súas defensas, e por non crealas

 

II. O federalismo plurinacional como garantía da paz 

Cando Castelao pensa Galicia como nación e cando pensa a paz, pensa en formas de orde xusta que fagan máis difícil a humillación, a dominación e a violencia. Esa é, para min, a súa actualidade: un humanismo político que non se conforma co relato, senón que baixa ao taller da forma política preguntándose: Que institucións, que regras e que pactos fan posible a dignidade?

Na súa intervención Serxio María Rodríguez falará de federalismo, concordia e comunidade política, entre outras cousas, e gustaríame destacar aquí algunhas ideas para o diálogo (...) En primeiro lugar, federalismo como principio de orde e concordia. E diría máis: o federalismo ao interno do Estado, e no externo, en Europa, no mundo, volvendo á idea da existencia de regras, que a extrema dereita na actualidade está a aniquilar, como aniquilou en xullo do 36. Para Castelao, o federal non é unha “cesión” desde un centro benevolente, nin un simple reparto administrativo: é orde porque delimita competencias e garante seguridades, e é concordia porque fai sitio para que a pluralidade exista sen medo (...). De feito é moi claro. Unha estruturación que contemple o feito plurinacional do Estado é de vital importancia para falarmos de democracia. Por iso, apela unha e outra vez aos que poidan considerarse demócratas: 

Xa vai sendo hora de que os hespañoes demócratas afoguen os seus sentimentos centralistas e unitarios, porque endexamáis se poderá asentar en Hespaña un réxime democrático sen unha previa estruturación federal do Estado

En Castelao hai unha evolución decisiva, aínda que ás veces incompleta pola alongada sombra de Risco e do romanticismo alemán. A nación non quedaría pechada na identidade cultural, evoluciona nunha comunidade política de cidadáns e cidadás libres e iguais. Isto ten unha consecuencia actualísima: é necesario abrir unha institución democrática que recoñeza, protexa e potencie unha diferenza lexítima no marco dun demos compartido. Desde aí, a proposta federal é unha ética pública que insiste de forma teimuda na non dominación, na non asimilación, na non humillación; máis tamén é unha arquitectura institucional, con garantías e con co-goberno. Esta dobre dimensión é o que fai do federalismo unha política de paz: desactiva o resentimento, evita que as identidades se armen, e transforma a diversidade nunha fonte de cooperación. Sobre todo nesta Europa do 5% de gasto militar. E si, Castelo di literalmente “Confederación Ibérica para ingresar na Unión Europea”. En 1947.

 

III. O método Castelao: ver, anotar, reflexionar e crear

A proposta federal é unha ética pública que insiste de forma teimuda na non dominación, na non asimilación, na non humillación; máis tamén é unha arquitectura institucional, con garantías e con co-goberno. Esta dobre dimensión é o que fai do federalismo unha política de paz: desactiva o resentimento, evita que as identidades se armen, e transforma a diversidade nunha fonte de cooperación

Tamara Andrés Padín entrará no Castelao humanista, o ser humano que se sabe incompleto sen o outro. A mirada do outro. Da outra. E desa propia necesidade de verse no espello para estar no mundo, penso, nace a paz e a cultura da paz. Somos un pobo de emigrantes e queremos ás inmigrantes. Os delincuentes son os que exclúen. Gustaríame darvos algunhas ideas para logo preguntarlle á nosa ponente (...). 

O método Castelao é tamén, en parte, unha ética. Castelao non crea dende unha torre, senón que crea “con e para”. Nas súas viaxes e nos seus encontros sofre e padece coa dor allea, exercendo unha observación reflexiva que transforma en acción creadora, ben sexa un trazo, un relato ou unha proposta política. É tecnoloxía. Tecnoloxía cívica, por suposto, como se pode ver nas súas Cousas ou nos seus Retrincos. E esta metodoloxía (aplicada) cómpre que inspire a nosa defensa da democracia hoxe en día. Non debemos comezar opinando, senón escoitando; non debemos comezar pola proclama, senón polo dato. E é que o método Castelao está para combater o autoritarismo de hoxe en día, aquel que se alimenta da simplificación, da confrontación e da desinformación. Ante isto debemos reclamar a empatía e a política dos coidados, como se pode ver na súa denuncia na Galicia Mártir e na súa Atila en Galicia, con compaixón e denuncia (...)

IV. A arte, a paz e a europeidade: sentir o inxusto

O método Castelao é tamén, en parte, unha ética. Castelao non crea dende unha torre, senón que crea “con e para”. Nas súas viaxes e nos seus encontros sofre e padece coa dor allea, exercendo unha observación reflexiva que transforma en acción creadora, ben sexa un trazo, un relato ou unha proposta política

Iria-Friné Rivera levaranos por unha viaxe estética e histórica imprescindible: o nacemento do Castelao político na Europa convulsa de entre-guerras, o trauma da Primeira Guerra Mundial, a República de Weimar, o expresionismo, as vangardas rusas e os ballets e, xa en Galicia, o florecemento das Irmandades da Fala e a contribución concreta de Castelao en Cousas e nos carteis do Estatuto. E tamén, neste punto, gustaríame centrar o diálogo en varias ideas. A representación da paz nunca foi un tema menor: é sempre unha pedagoxía do humano. En Castelao, a liña, a composición e a escena non contan só unha historia: ensínannos a sentir o inxusto. A emoción estética dos Milicianos non substitúe a política, pero prepara a política decente. E si, fainos sensibles (...).

Tamén debemos falar do trauma europeo e da política de (ir)reconciliación. A Europa que respira Castelao (tan distinta e tan igual á vez) nace do trauma da guerra e busca formas institucionais para que non se repita. O expresionismo, coa súa intensidade ética, ou tamén as vangardas, que representan a ruptura, axudan a entender porque a paz non é un estado natural, senón un réxime de esforzo: tanto de dereitos, como de garantías, de memoria (histórica) e de límite ao poder. Un límite ao poder centralista coas Autonomías como “baluartes” que contén a tentación de tiranía (en base a Pi i Margall), e o límite a un fascismo rampante que marcaría a súa última etapa e o seu exilio, configurando a un Castelao radicalmente demócrata, si, dunha democracia xa inorgánica como se puido ver nos discursos nas Cortes, na súa defensa da Fronte Popular e ata o seu último alento no exilio (...). 

E finalmente podemos dicir que o modelo que defendía tiña a súa ética e mesmo tamén a súa estética, construíndo afectos e sentimentos de pertenza que inclúen: as bandeiras, os carteis, as festas, os relatos.. Entendemos que, aínda que sen dicilo, Castelao proxecta a paz a través de toda a súa creación.

 

V. Castelao: un pacifista e un antifascista militante

Castelao foi un pacifista e un antifascista militante. Un profundo defensor da democracia republicana

Remato como comecei: con agradecemento e co convite a escoitar. Se o facemos ben, esta mesa non será un acto de culto, senón un obradoiro de democracia e paz. Isto -creo- sería o mellor xeito de honrar a Castelao hoxe. Porque, por moitas voltas que dera, Castelao foi un pacifista e un antifascista militante. Un profundo defensor da democracia republicana.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.