Castelao mencionaa nunha soa ocasión na súa magnum opus, Sempre en Galiza. Un nome máis entre tantos outros que desfilan a nivel histórico cando non mítico polas páxinas dunha historia alternativa da Peninsula Ibérica, compendio de viaxe e memorias dun exiliado.
Castelao lembra a impresión que lle causara unha comunicación da poeta rumana Adrio Val, á que asistira en París en 1921
No capítulo XXII do terceiro libro de Sempre en Galiza, escrito entre febreiro de 1942 e abril de 1943, Castelao lembra a impresión que lle causara unha comunicación da poeta rumana Adrio Val, á que asistira en París en 1921:
“Deprendín que as cántigas populares de Rumania chámanse Doinas, porque son fillas da Dor (verba intraducible que non se comprende e que soio se sinte). Adrio Val díxonos que as Doinas xurden da alma rumana antes dos seus pensamentos, e que a Dor é a espresión do mesmo país, que apenas ten equivalente na Saudade dos “irmáns portugueses”. A Dor, pois, é a Saudade, ou mellor, a Morriña. N-efeito; sabemos que a Roma de Trajano levou ao Dacio moita xente da nosa Terra, que en meio d-unha feira de razas deixou na actual Rumania o cuño imborrable do noso esprito. Por eso ao cabo de tantos séculos sigue laiándose a Morriña galega no desterro das soedades balcánicas”.
Castelao achega máis lembranzas da conferencia de Adrio Val para extender a súa tese sobre a saudade e a morriña que abrangue todo o capítulo:
“A mesma conferenciante nos dixo como Elena Vacaresco, durante unha noite xiada de inverno, topou c-un vello aterecido, que murmuraba sen cesar: “Pai Trajano: Porqué nos trouxeches eiquí?”. Este testemoio permítenos afirmar que a Morriña non é un sentimento universalmente estendido, como é a nostalgia, o mal de pays, o homesick… [sic], porque estes sentimentos morren en cada individuo, antramentras que a Morriña dimana dos fondos insobornables da raza, e somentes se apagará na morte do seu derradeiro membro”.
Daquela, quen foi Adrio Val? Unha pescuda polos catálogos das bibliotecas non revela nada desta misteriosa poeta
Adrio Val achégalle a Castelao unha anécdota recuperada durante o seu exilio e que asemade representa unha das pasaxes máis encantadoras, esotéricas e enigmáticas de toda a obra. Con todo, o autor non fala máis dela. Tampouco fai referencia a ela ou a devandita conferencia no seu Diario 1921, borrador de lembranzas e impresións causadas durante a súa estancia en Francia, Bélxica e Alemaña.
Daquela, quen foi Adrio Val?
Unha pescuda polos catálogos das bibliotecas non revela nada desta misteriosa poeta. Con todo, unha obligatoria búsqueda por Google saca unha ducia de referencias, moitas emparalledas coa de Castelao, ata que nunha entrada enxergamos o termo “nome de pluma” vinculado a unha tal “Henriette Sava-Goiu”, unha suposta princesa rumana de Bucarest…
O xornal neoiorquino revela que a princesa ten 25 anos e é unha das poucas princesas europeas que teñen un oficio, neste caso a literatura, sendo ela autora de poemas e novelas baixo o seudónimo de ‘Adrio Val’
O New York Times do 21/10/1921 infórmanos de que a princesa ía chegar aquel día no transatlántico Aquitania, da liña Cunard, co obxectivo de preparar o camiño da súa amiga, a raíña Marie de Rumania. É máis, o xornal neoiorquino revela que a princesa ten 25 anos e é unha das poucas princesas europeas que teñen un oficio, neste caso a literatura, sendo ela autora de poemas e novelas baixo o seudónimo de ‘Adrio Val’.
Defende o dereito da muller a de ter control sobre a súa propia vida e eloxia a muller norteamericana como exemplo desta tendencia. Confesa que lle presta máis importancia ao seu nome de pluma có seu título aristocrático
Outros xornais norteamericanos, en diversos lugares do país, recollen a nova e aportan máis datos por medio de diversas entrevistas ofrecidas por ela na súa suite do hotel Waldorf-Astoria durante outubro e novembro . Os seus sonetos publicáronse en París, en 1921. Disque que é unha crente acérrima na teoría da transmigración das almas. Henriette irá de xira polos Estados Unidos impartindo conferencias sobre o benestar en Rumania e as obras literarias da monarca rumana. Defende o dereito da muller a de ter control sobre a súa propia vida e eloxia a muller norteamericana como exemplo desta tendencia. Confesa que lle presta máis importancia ao seu nome de pluma có seu título aristocrático. Ela só pretende ser poeta. Fala o xornal dos seus fermosos cabelos castaños ondulados, dos pés delicadamente enzapatillados, e dela, esvelta e de ollos de cor abeleira. Henriette viaxou por toda Europa, e en Francia, Italia e Romanía coñécena como poeta. Para ela, a cidade de Nova York parece o típico país de contos de fadas, onde os soños poden realizarse. Gusta dos cigarros e de bailar. Solteira, descríbese como “unha persoa de humores variados e extremos”.
En particular, Miss Sava-Goiu corrixe as imprecisións da prensa norteamericana no tocante ao propósito da súa viaxe, negando que fora representante da raíña rumana, e afirmando que o único motivo da súa visita era “viaxar e observar os costumes e institucións norteamericanas’. Sobrancea que o seu único vínculo á raíña fora o de ser a traductora de diversas obras da monarca rumana ao francés e inglés. Da súa última entrevista en novembro, aprendemos que lle dá máis importancia ao espiritísmo có ensino universitario, aínda que ela, “nova e vivaz”, asistira a tres universidades europeas e recibira a súa formación educativa en Londres.
Confesa canto adora e declara o seu amor a Nova York por ser a única cidade que lle dá medo
Parece ser que segue instalada na gran mazá, xa que sae en máis entrevistas durante 1922. Confesa canto adora e declara o seu amor a Nova York por ser a única cidade que lle dá medo. O xornal conta que escribiu tres obras de teatro en francés, e outras tres en rumano. Henriette segue a dar charlas pola cidade. De feito, a estancia nos Estados Unidos esténdese, tanto que en 1926 solicita a naturalización como cidadá norteamericana. Daquela, o seu apelido convértese en “Saxe”. Nalgún momento entre 1922 e 1926, casou cun William V. Saxe, un avogado de Nova Iork. No censo de 1930, ela semella ter 31 anos (aínda que nacera en 1897, e non 1899), e convive co marido neoiorkino que ten 38, nunha casa en Manhattan que dispón dun mordomo chinés chamado Kai Lelung. Sabemos que o seu penthouse foi o centro dun círculo intelectual estendido. O arquitecto e escritor, Claude Bragdon, por exemplo, fala das reunións no apartamento co poeta e escritor lebano, Khalil Gibran, que traducía poesía Sufi e relataba contos folclóricos da súa terra nativa. Bragdon retrátaa así: “unha romana de cabelos dourados e corazón de ouro, de vitalidade e encanto extraordinario”.
Tamén sabemos que seu pai naceu en Romania mentres que a súa nai en Francia. Durante a década dos trinta, e grazas á información proporcionada polo panfleto Shoreham Scribe, sabemos que a parella residía en Long Island e que nalgún momento ela volvera a Romanía para visitar ao seu pai, o príncipe Eduard Sava-Goiu. No censo de 1940, non aparecen nenos na ficha correspondente coa casa, pero si dúas criadas alemás.
Hai conexións entre ela e o mundo cinematográfico. Henriette levou o termo photogenique aos Estados Unidos, e visitou o plató de D.W. Griffith para aprender como facían as películas. Observa entusiasmada a rodaxe dunha película ubicada na Francia revolucionaria con esceas de guillotina e cargas de cabaleiría, e coñece ás actries Lillian e Dorothy Gish. Non pode ser casualidade que o papel interpretado por Raymond Griffith na película muda Time to Love (1927) se chamara “Alfredo Sava-Goiu”, seguramente o caso dunha broma entre amigos.
Cómpre informar sobre dous episodios máis na vida de Henriette Sava-Goiu, “Adrio Val”, episodios singulares e curiosos. Primeiro, o seu vínculo persoal a Aldous Huxley. A muller belga e bisexual do intelectual e escritor inglés, María, tiña o costume de ligar ao seu marido con amantes e manexar esas relacións. Ese foi o caso durante un cruceiro pola Asia surleste durante 1926, cando María animaba a Sava-Goiu a participar nas veleidades da paixón co seu marido, que xa sentía atracción pola princesa rumana. Os comentarios de María sobre Henriette resultan bastante críticos, cando non crueis. Expresa curiosidade pola tendencia do seu marido de sentirse atraído por “mulleres autoconfiantes e escandalosas”. Ao seu ollar, a rumana representa un exemplo menor deste perfil, aínda que é “parva”. “A boca, as pernas, as mans son horríbeis; o demais rechoncho e bastante atractivo, coma unha froita difícil de morder, aínda que perfectamente madura. Idade, 28. Non é o meu tipo, pero parece ser que el [Aldous] sabe levar os seus propios asuntos nesta ocasión”. Non sabemos se chegaron a ter relacións sexuais despois dunha cea na que se vían encantados o un coa outra. María conta nunha carta como os deixara no dormitorio de Huxley, con sono, e como esperaba que o seu marido “terá exito”. De feito, esa evidencia epistolar resulta ser a única proba escrita do costume que tiña María de emparellar ao seu marido en aventuras extramaritais.
Huxley contoulle a María a súa version da aventura, opinando que Henriette era unha version máis nova da “Princess Volupine” do poema do seu amigo, T.S. Eliot (ou sexa, unha muller moi sexual e sofisticada)
Huxley contoulle a María a súa version da aventura, opinando que Henriette era unha version máis nova da “Princess Volupine” do poema do seu amigo, T.S. Eliot (ou sexa, unha muller moi sexual e sofisticada). “Algo malévola, pero con ideais” describea Huxley, “unha quentapirolos filosófica”. Henriette, María e Aldous quedan en reunirse en Hong Kong, para viaxar xuntos a California. O San Francisco Chronicle do 5 de maio trae unha foto dos tres baixo o titular: “Chegan a California durante unha xira arredor do mundo”.
A derradeira nova que queda dispoñible sobre Henriette Sava-Goiu resulta ser outro caso curioso. Trátase dunha demanda entregada pola poeta ao Tribunal Fiscal dos Estados Unidos en febreiro de 1950. Os documentos divulgan que ela declarou unha deficiencia de $221,98 no imposto sobre a renda para 1944, baseada nunha glosa dunha dedución de $600 reivindicada pola suposta perda por roubo dun gran anel de topacio en 1944. Dispuña Sava-Goiu de tres caixóns nos que gardaba a súa xoiería, na que figuraba un número considerable de aneis grandes. Durante o verán de 1944, varios traballadores pasaron pola casa para facer obras nela, e daquela ela deuse de conta de que faltaba. Declara que quere recuperar o anel por motivos sentimentais, xa que $600, con impostos incluídos, non lle parece caro, que nunca perdera un anel antes e que sempre volvía a gardalos aneis nos caixóns. Con todo, non informou da perda do gran anel de topacio á policia, nen se fixera unha reclamación de seguro. Non houbo probas concretas de que llo roubaran antes de que ela o extraviara. O xuíz declara que Henriette non cumpre coa carga da proba, polo que non recupera os impostos pagados polo anel.
Quen sabe se Castelao chegara a dar con ela outra vez máis polas mazás e rúas de Nova York rumbo a Bos Aires, conscientemente ou non, a principios dos 40
Nada máis sabemos sobre “Adrio Val”, Henriette Sava-Goiu, princesa, poeta, viaxeira e emigrante. Quen sabe se Castelao chegara a dar con ela outra vez máis polas mazás e rúas de Nova York rumbo a Bos Aires, conscientemente ou non, a principios dos 40. El emigrou contra da súa vontade; ela, por elección propia. El viaxou a nivel internacional para escapar da morte, o cárcere e dar cun fogar adoptado; ela, por pracer, formación propia e con medios propios. Non sabemos se chegaron a conversar aquel día en París en 1921, cando un Castelao deprimido por estar lonxe de Galicia deu cunha conferencia impartida pola romanesa “Adrio Val”. Da morriña romanesa á morriña galega, o retrato do que dispoñemos de Henriette Sava-Goiu queda algo máis completo a base destes vínculos recuperados da nada durante un agosto e setembro galego e chuviñoso, 94 anos despois.