Catalunya e a alternativa confederal

Parece imposible que os cataláns consigan  a súa independencia  tal como está formulada de reto secesionista,  baseada únicamente nunha decisión unilateral dunha parte dos seus cidadáns co apoio político da maioría do seu parlamento autonómico, xerando un conflito na súa propia cidadanía e na outra parte do seu parlamento, desafiando ao estado ao que constitucionalmente pertencen e producindo a incomprensión e o asombro económico e político internacional.

Pero tamén parece imposible que porque nestes momentos non consigan o seu obxectivo  independentista, vaia a cesar a súa loita para acadalo. Entón teremos o enquistamento dun conflito do estado coa súa autonomía máis relevante cuxas consecuencias levarán a unha situación invivible, con continuos enfrontamentos legais, prohibicións,  desobediencias, manifestacións, odios, boicots, represión ou o que sexa, e isto, no tempo, non haberá goberno democrático que o ature, e insisto, sobre todo tratándose de Catalunya cunha enorme riqueza económica, cun bagaxe cultural excepcional, cunhas iniciativas sociais de avangarda, cunha grande  capital como Barcelona que,  de paso, é a segunda máis turística de Europa e polo tanto a máis aberta ao mundo de toda España, e incluso cunha historia de resistencia antifranquista ata o final, alguén pode dubidar  do seu poder humano?

Por iso, xa non hai volta atrás e terase que buscar unha solución que, onde chegaron as cousas, indefectiblemente debería pasar por un referéndum aceptado polas partes  coas súas consideracións tanto no caso de que saia o non como que saia o sí á independencia, que non significa illamento, autarquía, se non únicamente soberanía, simplemente que o país é soberano na toma das súas decisións fronte outros.

Pero calquera país soberano realmente democrático e solidario, o seu interese será a procura dunha relación positiva e normalizada cos demais países, e prioritariamente do seu contorno, en beneficio do conxunto e non o manter unha inimizade ou chauvinismo absurdo. Por iso falo de consideracións que posibilitasen  acordos entre as partes máis relacionadas, neste caso España e Catalunya, e nas que se puidese chegar a un sistema confederal cuxos termos decidiríanse libremente por ambas partes e que serviría para outros casos que se puidesen dar no Estado, mesmo máis aló, tendo en conta que o que define unha confederación non son as súas competencias si non ante todo a liberdade de unión ou de relación dun país ou estado independente con outro ou outros mediante un pacto federal do que sairía unha constitución federal, sempre revisable total ou parcialmente no seu complexo discurrir, na que se establezan as competencias duns e outros, competencias que nunca poden saír dunhas autonomías que non foron libres nas súas decisións, e esta é a diferenza.No estado confederal, son os países confederados quenes definen libremente as súas atribucións en función da súa soberanía e os que as ceden á federación na que se integran.

E o que vale para o sí vale para o non pois nese caso, lonxe de adoptar o estado unha actitude inhibidora ou  indolente co perdedor tamén habería que acordar cuestións que procurasen abordar e solucionar os temas máis sensibles dun país  porque, ao menos unha grande parte, sempre pulará  fortemente pola súa liberdade nacional.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.