Catasós, quilómetro cero

Nos últimos anos, a partir do enorme éxito da campaña Vivamos como galegos do Grupo Gadis, algunhas grandes empresas acolléronse con entusiasmo á estratexia publicitaria de vender identidade de país, na procura dun achegamento afectivo á cidadanía. Tratan, en definitiva, de asociaren a súa política comercial a unha serie de valores culturais e antropolóxicos que provocan empatía nos potenciais clientes, a partir dunha exaltación dun galeguismo tépedo que lle dá un novo verniz aos vellos tópicos, mais que desemboca nunha exaltación sentimental moi arredada da problemática concreta dunha comunidade que adoita negarse a si mesma.

Levamos algunhas semanas escoitando os anuncios de Gas Natural Fenosa a presumir do seu apelido galego, como garante do seu “compromiso co medio ambiente, a cultura e o progreso de Galicia”

Neste contexto, levamos algunhas semanas escoitando os anuncios de Gas Natural Fenosa a presumir do seu apelido galego, como garante do seu “compromiso co medio ambiente, a cultura e o progreso de Galicia”. E de acompañamento a este engaiolante discurso, as imaxes que nos venden amosan unha sucesión de paisaxes naturais esplendorosas, aínda con soutos e carballeiras, e coa melodía dun piano a subliñar a tonalidade lírica dun relato tan edulcorado como unha serie de princesas da factoría Disney.

Porén, a estas alturas da película, e logo de experiencias tan traumáticas como a da crise do Prestige, pouco sorprende xa o cinismo mercantilista das grandes corporacións, adestradas para promocionaren en público xusto aqueles valores éticos que, alí onde se apagan os focos, ignoran por completo. Pois, na práctica cotiá, o modo de actuar destas empresas responde a aqueles principios que Eduardo Galeano aplicaba para definir con exactitude poética o carácter dun home de éxito:

Tanto o Concello de Lalín como a Xunta de Galicia, institucións ambas as dúas gobernadas polo Partido Popular, teñen optado claramente por defender os intereses da empresa

“Non pode mirar a lúa sen calcular a distancia. Non pode mirar unha árbore sen calcular a leña. Non pode mirar un cadro sen calcular o prezo. Non pode mirar un menú sen calcular as calorías. Non pode mirar un home sen calcular a vantaxe. Non pode mirar unha muller sen calcular o risco.”

Por iso, ao tempo que Gas Natural Fenosa bombardea as pantallas coa historia do seu idílico romance con Galicia, está a piques de iniciar a construción dunha liña de alta tensión (LAT 132 KV) desde O Irixo ata Lalín, cuxo trazado ameaza con destruír o entorno natural da Fraga das Casas Vellas, en Catasós, catalogada como solo rústico de especial protección forestal. Trátase dun ecosistema de gran valor paisaxístico, con milleiros de árbores autóctonas, castiñeiros e carballos na súa maior parte, moitos deles con máis de douscentos anos de vida (casualmente, moi semellantes no seu porte aos que Gas Natural Fenosa amosa na publicidade como símbolo dunha Galicia de catálogo turístico).

Trátase dun capítulo máis desa novela negra por entregas na cal a cobiza capitalista converte o noso patrimonio colectivo nun produto de mercado, que se vende a baixo prezo a cambio de nada

Como acontece acotío nestes casos, existe unha mobilización social na comarca de Deza que está a ofrecer á empresa alternativas razoables contra esta agresión paisaxística, (https://www.facebook.com/salvemoscatasos), e que formula como óptima solución a de soterrar un tramo da liña de alta tensión seguindo o trazado da estrada N-525, evitando así a tala de árbores e a destrución do entorno da Fraga e do Castro de Catasós. Porén, e como por desgraza adoita ser tamén habitual, tanto o Concello de Lalín como a Xunta de Galicia, institucións ambas as dúas gobernadas polo Partido Popular, teñen optado claramente por defender os intereses da empresa, gardando silencio ante as reclamacións da veciñanza, e aceptando como única opción posible a de Gas Natural Fenosa, que opta, como non podía ser doutro xeito, pola solución técnica menos custosa para a súa conta de beneficios.

O concello de Lalín quizais axiña teña que actualizar a iconografía do seu escudo municipal, substituíndo o carballo centenario dos devanceiros por un poste de alta tensión de deseño cool

Como poden ver, hoxe non lles ofrezo unha historia novidosa. Trátase dun capítulo máis desa novela negra por entregas na cal a cobiza capitalista converte o noso patrimonio colectivo nun produto de mercado, que se vende a baixo prezo a cambio de nada. Como aconteceu hai pouco coa ameaza da mina de ouro en Corcoesto ou nas terras do Irixo co proxecto de incineradora. Como sucedeu días atrás cos restos arqueolóxicos da cova de Eirós, ameazados pola actividade dunha empresa de cementos. E como ocorre nestes días grises de novembro no concello de Lalín, que quizais axiña teña que actualizar a iconografía do seu escudo municipal, substituíndo o carballo centenario dos devanceiros por un poste de alta tensión de deseño cool, máis acorde co castro tecnolóxico onde exerce o alcalde.

Porque, como diría o noso ilustrísimo Don Xosé Crespo, en Lalín comeza e remata todo o que existe, e por iso somos eternamente o quilómetro cero.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.