Catro retos urxentes para o autogoberno

O dominio case absoluto que sobre a axenda da opinión pública galega ten Madrid acrecentou entre gran parte da sociedade galega a sensación de que o autogoberno é unha demanda política máis cercana ao simbólico ca ao palpable. A crise económica, lonxe de aumentar o debate sobre a necesidade de maior soberanía para Galicia, soterrou moita da motivación do nacionalismo baixo o retrouso falaz de que "o que lle importa á xente é ter un traballo, non se enarboramos tal ou cal bandeira". Esa estratexia de distanciar a soberanía da economía non é nada novo. Cando se estaba a deseñar o Estado das Autonomías, Manuel Fraga adoitaba proclamar: "Aos meus veciños o que lles interesa é o prezo dos garavanzos". Daquela comíase moita potaxe. Logo veu a xeración que aborreceu os legumes e mudaron os exemplos.

A crise económica, lonxe de aumentar o debate sobre a necesidade de maior soberanía para Galicia, soterrou moita da motivación do nacionalismo baixo o retrouso falaz de que "o que lle importa á xente é ter un traballo, non se enarboramos tal ou cal bandeira"

Mais o nacionalismo en Galicia ten moito que dicir no futuro inmediato. Sen políticas galeguistas, a nosa economía e o noso benestar sufrirán golpes quizais irreversibles. Por iso cómpre un novo escenario no que a loita polo autogoberno volva ao primeiro plano. Por iso cómpre fortalecer a unión entre aqueles que pensamos que só sobrevivindo como galegos teremos acceso a unha vida digna; que soberanía é sinónimo de progreso, que canto máis lonxe de nós estean os centros do poder máis se parecerá á nosa vida á dos servos.

O galeguismo foi extirpado coma unha espulla das teorías políticas do PP e (polo momento) do PSOE. Pola contra, existe gran vitalidade no campo nacionalista. Acabado o proceso de reordenación política en diferentes siglas, é hora de asumir compromisos de maior altura polo interese xeral dun país que ten retos urxentes que administrar.

 

A emigración

Sen talento, sen coñecementos, sen xente non hai futuro que construír

Aínda que nunca deixou Galicia de ter un saldo migratorio negativo, logo de comezar a crise aumentou espectacularmente o número de persoas en idade de traballar que non tiveron máis remedio que buscar o sustento fóra. Que o motor laboral dun país vaia cotizar noutras terras é un drama. Unha cousa é aproveitarmos a nova fronteira da globalidade e outra ben distinta que neste país só fique o que non ten preparación ou gañara unha praza de funcionario. Sen talento, sen coñecementos, sen xente non hai futuro que construír. O esforzo colectivo de dotármonos dunha xeración ben formada e sen medo para afrontar novos camiños non pode acabar dándolles réditos nin ao Reino Unido nin ao Brasil.

 

Centros de decisión económica

Os países pobres son aqueles que non poden decidir o seu tecido produtivo, que dependen das decisións de fóra

A crise aproveitouna o goberno español para eliminar os instrumentos financeiros propios de Galicia. A xestión das caixas galegas foi nefasta pero peor será un futuro no que un feixiño de bancos moi afastados da nosa realidade decidan en que investir. Os países pobres son aqueles que non poden decidir o seu tecido produtivo, que dependen das decisións de fóra. Xa é de máis o que gobernan desde fóra nos nosos sectores económicos. Só con capacidade propia para crear un novo deseño favorable aos nosos intereses haberá desenvolvemento. As enerxías, os recursos forestais, a alimentación sa e de calidade son potencias estudadas desde hai décadas que só esperan alento institucional e crediticio. As novas tecnoloxías fan posible que desde chan galego se faga o que se quixer no téxtil, na electrónica... Que producir e inventar en Galicia non sexa unha anécdota senón un bo costume só depende do noso nivel de autogoberno.

 

Valorización social

Unha lingua propia sempre é unha vantaxe comparativa co noso contorno. Se ademais o galego é vía directa para participarmos directamente no diálogo con centos de millóns de persoas que falan as diferentes variedades do portugués-brasileiro, quen gaña coa súa subordinación?

A desvalorización social é unha das estratexias dos facedores desta crise. Cobrarmos menos, traballarmos máis e pagar iguais impostos para ben peores servizos. A este ataque á clase traballadora, por sermos galegos súmase o ataque á nosa identidade. Aqueles valores que nos fan únicos, que fan aumentar a nosa cotización nos mercados porque só os temos nós, trípanse conscientemente. Unha lingua propia sempre é unha vantaxe comparativa co noso contorno. Se ademais o galego é vía directa para participarmos directamente no diálogo con centos de millóns de persoas que falan as diferentes variedades do portugués-brasileiro, quen gaña coa súa subordinación? En efecto, aqueles que sofren o atranco da lingua galega: os funcionarios non galegos que ven o mapa de España como unha terra de oportunidades e que se laian de que galegos, vascos e cataláns teñamos máis coñecementos obxectivos para traballarmos nas respectivas administracións autóctonas; empresas de todo tipo que desexan intimamente acabar coa diversidade lingüística para poder poñer aínda máis latinoamericanos a levar o servizo de atención a uns clientes que espreme as meninxes cada vez que ten que explicar unha incidencia na súa liña telefónica. Que lle pregunten a R como avalía e cuantifica na súa medra de cota de mercado ter o seu centro de operacións en Galicia e en galego?

 

Ence

Ninguén varre para debaixo das almofadas senón para embaixo das alfombras. Galicia non ten por que conformarse con ser a alfombra de ninguén

A nova normativa de Costas e a complicidade do Goberno Feixoo obrigarán os galegos a mobilizarse para evitar que o fedor siga abafando a ría de Pontevedra unhas poucas décadas máis. O futuro do noso ambiente, da nosa paisaxe, do noso patrimonio, pasa polo nacionalismo. Sen galeguismo non existe sensibilidade que evite a degradación das nosas costas e dos nosos montes. Ninguén varre para debaixo das almofadas senón para embaixo das alfombras. Galicia non ten por que conformarse con ser a alfombra de ninguén.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.