Cazador branco, corazón negro

Queremos lembrar aquela famosa viaxe de John Huston, que culminaría na súa cinta de 1951, The African Queen. Lembramos hoxe os roteiros daquela peculiar rodaxe, que Eastwood levaría ás pantallas en 1990 baixo o suxerinte título de White Hunter, Black Heart. Na densidade selvática do Congo Belga, Katharine Hepburn e Humphrey Bogart convivían entre as intensas choivas e a forte calor africana, sen retretes nin camerinos, mentres se lles entregaban fragmentos dun guión confuso e a actriz repartía continuas crises nerviosas, obsesionada pola hixiene, a limpeza e a disentería, que terminou afectando a todo o equipo salvo a Huston e Bogart, quenes nunca bebían auga sen mesturala antes con whisky. Entre parón e parón, Huston desaparecía para cumprilo seu obsesivo e particular soño: cazar un elefante.

No continente-fortaleza europeo, así coma nos fluxos globais que o transitan e o atravesan, o pensamento segue a ser o mesmo nas cabezas dos gobernantes e nas leis aprobadas para actuar sobre os nosos corpos

Recentemente, Juan Carlos de Borbón viaxaba de novo a África, desprazándose á República de Botswana para tamén cazar, no continente negro, o seu particular trofeo branco. Non falaremos aquí da figura do monarca, nin tan sequera do patetismo dunha institución condenada a envellecer aceleradamente, pois cremos que, mesmo ás veces, non vale a pena roubalo pan das bocas da decadencia. Pola contra, diremos que no continente-fortaleza europeo, así coma nos fluxos globais que o transitan e o atravesan, o pensamento segue a ser o mesmo nas cabezas dos gobernantes e nas leis aprobadas para actuar sobre os nosos corpos: cazador branco, corazón negro.

As indignadas sabían que, en realidade, aquelas eran o faro, a ruta sinalada para camiñar cara adiante na procura dunha verdadeira democracia. Ao recoñecerse no discurso e nos corpos da praza Tahrir, estas se volvían, para as miradas dos primeiros, negras.

Coa toma da porta do Sol polo movemento 15-M hai xa case un ano, as bandeiras exipcias ondeadas en Madrid recordaban o pasado recente das denominadas “primaveras árabes”. Dun xeito ou doutro, con este acto simbólico, os que alí estabamos tamén deviñamos africanos; deviñamos mouros, mestizos, negros. Se para os ollos dos norte-europeos e dos norte-americanos as loitas árabes chegaban dende o pasado, dende rexímenes atrasados que soñaban con conquistar as liberdades brancas e occidentais, as indignadas sabían que, en realidade, aquelas eran o faro, a ruta sinalada para camiñar cara adiante na procura dunha verdadeira democracia. Ao recoñecerse no discurso e nos corpos da praza Tahrir, estas se volvían, para as miradas dos primeiros, negras.

Somos negros porque somos precarias, parados, migrantes, maricas, sucios, parias, enfermas e tamén “violentos-antisistema”

A antropoloxía tennos ensinado que a cor sempre acolle matices a través das particularidades de cada maneira de mirar, que a mirada constrúe a paisaxe e que esta é sempre unha paisaxe de significados. As connotacións que para nós teñen as cores negra ou branca – categorías clasificatorias sempre máis metafóricas ca reais– son de sobra coñecidas por todos. Mais hoxe non só resulta evidente que non fai falla ir a África para esnaquizar a beleza dos corazóns negros, senón que nós mesmos, dende este claro da selva globalizada, sabémonos, mirando por dentro da nosa pel, verdadeiramente negros. Somos negros porque o noso medio –que é o medo traducido en crise– obríganos a vivir no punto de mira. Somos negros porque somos precarias, parados, migrantes, maricas, sucios, parias, enfermas e tamén “violentos-antisistema”. Move as túas cadeiras… Black Power!

Sen dúbida que a política que vivimos é unha política sobre os corpos e dende os corpos. Neste lado do mundo, os corpos negros fai tempo que deixaron de estar afastados, mais aínda os poderes procuran –agora nos nosos barrios– mantelos a distancia. O mesmo acontece no continente, que combina unha tecnoloxía de fronteiras herméticas co fácil acceso a unha man de obra dócil e barata; primeiro se expande o perímetro exterior europeo, para logo pecharse arredor dos novos lindeiros: os fondos que van parar aos países candidatos a acceder á UE son os mesmos que serven para fortificalas novas fronteiras. E así se disciplinan os movementos dos corpos. Corpos que importan, claro, pero que son importados en base a necesidades económicas e de producción –sen importar aquí a súa cor– e exportados logo de sacarlles o rendemento correspondente. En Galicia coñecemos ben a situación, e agora nós, os negros desta crise, seguimos marchando. Falan da fuga de cerebros -eufemización do discurso! –. É migración –case sempre forzada–.

En Galicia coñecemos ben a situación, e agora nós, os negros desta crise, seguimos marchando. Falan da fuga de cerebros -eufemización do discurso! –. É migración –case sempre forzada–

A mesma obsesión pola hixiene que Hepburn amosaba na selva africana aparécese hoxe nas políticas segregatorias e na doutrina imperante do medo-ambiente; a limpeza coma cuestión de Estado. No filme de Eastwood, a costa do capricho do director, un dos nativos morría na tráxica cacería, á vez que comezaban a sonar os tambores tribais. Hoxe a tribo é global, e se repite a historia que sempre comeza do mesmo xeito: cazador branco, corazón negro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.