Celta e Depor, a importancia das áreas

A última xornada deixou ben claro unha vez máis que no fútbol se gaña nas áreas. Na rival ou na contraria. E Deportivo e Celta teñen moito avanzado preto das porterías. O encontro de Balaídos volveu demostrar que o conxunto vigués ten dinamita arriba e que é, sen dúbida ningunha, o que máis recursos atacantes posúe de toda a categoría. David Rodríguez, Iago Aspas, De Lucas e Orellana, velocistas que ademais xogan moi ben ao fútbol. E Bermejo, goleador nato. Teñen moito andado.

O Deportivo tamén decide nas áreas. Na súa, onde conta cun Aranzubia que decide partidos polas súas paradas. E na contraria, cun Riki que é un bo ariete de Primeira e un espectacular dianteiro de Segunda. Aí é onde se decide o fútbol e o resto é falar por falar.

Por iso branquiazuis e celestes están onde están. Ninguén arrasa na Segunda, pero impoñerse nas áreas permite resolver os partidos que máis se complican noutras zonas. Na última xornada, o Celta estivo impoñente nas áreas, e gañou. O Deportivo fallou nas dúas e perdeu nun partido que tamén puido ter gañado. Pero as xeiras rematan. As boas e as malas. Queda moito por facer.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.