Cen Chaves de Sombra

Na Fundación Luís Seoane da Coruña hai unha exposición titulada Valentín Paz-Andrade, Galiza como Tarefa que se trasladará a Vigo a partir de maio. Consta de varios paneis que repasan a vida deste home cheo de enerxía e valor e, ademais, nas vitrinas pódense contemplar obxectos persoais, documentos, esculturas… e nas paredes vai pendurada parte da colección de obras de arte de pintores galegos que a súa viúva conserva con mimo nunha casiña fronte as Illas Cíes. Co gallo do Día das Letras Galegas abriuse unha web oficial, www.valentinpazandrade.es, onde atopar máis información.

Nun momento de encrucillada histórica para Galiza coñecer esta figura esencial do noso século XX faise absolutamente necesario. Foi un astuto avogado, un xornalista comprometido, un poeta apaixoado, un atarefado emprendedor, un adiantado lusitanista, un historiador contemporáneo, un experto en economía pesqueira a nivel internacional, un republicano valente, un galeguista dende o berce e un incansable defensor da autonomía galega.

“O galeguismo de conservador non tiña nada porque viña restaurar unha cousa que non había. Era un movemento de reforma social, política e cultural"

En 1930, Valentín funda o Grupo Autonomista Galego e participa no anteproxecto de Estatuto de Autonomía de Galiza que se aproba en xullo de 1936: “O galeguismo de conservador non tiña nada porque viña restaurar unha cousa que non había. Era un movemento de reforma social, política e cultural. Quería restablecer o idioma, darlle a terra a quen a traballa, restaurar a imaxe histórica de Galiza, a liberdade deste país que estaba aferrollado. Este enfoque non pode dar máis que unha definición de esquerdas”.

Polo seu compromiso, durante o franquismo, estivo preso na cadea en tres ocasións; foron tres, tamén, os lugares do seu desterro; dous falanxistas intentaron asasinalo; dous sindicalistas pegáronlle cinco tiros; e, en numerosas ocasións, sofriu serios atrancos do réxime para poder sair do país e cruzar o Atlántico nas súas misións como experto da FAO en economía pesqueira.

En plena transición democrática representa a Galiza na Comisión dos Dez. Introduce a problemática das nacionalidades históricas

En plena transición democrática representa a Galiza na Comisión dos Dez. Introduce a problemática das nacionalidades históricas; é o primeiro en poñer sobre a mesa a gravedade das desigualdades socio-económicas territoriais, esixindo unha compensación para Galiza (idea que fará súa Jordi Pujol con éxito para Catalunya); e convence a Adolfo Suárez para modificar a Lei Eleitoral para ser máis xenerosos coas circunscripcións demográficas febles como a galega. Pero advertía: “Contentámonos con pouco. Eu sempre propugnei que había que ir ao fondo das cuestións, mais algúns pensaban en restaurar a democracia como fose. E o híbrido que resultou conserva as estructuras do centralismo intactas dentro dunha fachada autonomista. Unha contradicción interna radical que co tempo pode esterilizar a acción”.

Pero, de súpeto, transformámonos en caníbales, desaparecen as caixas de aforro galegas e os medios de comunicación en galego

Froito dun grande esforzo, nace o Estatuto de Autonomía de 1981: Artigo 1. Galiza, Nacionalidade Histórica, constitúese en Comunidade Autónoma para acceder ao seu autogoberno […] e asume como tarefa principal… a defensa da identidade de Galiza e dos seus intereses… Pero, de súpeto, transformámonos en caníbales, desaparecen as caixas de aforro galegas e os medios de comunicación en galego, a cultura agoniza porque o seu alento o levan toneladas de pedra, debilitan a educación e a sanidade públicas galegas, as galescolas transfórmanse nunha galiña azul, empresas que nacen en
Galiza deixan de ser galegas en canto se fan rentables, as nosas cooperativas son obrigadas a paralizar a súa producción animal e outro tanto pasa coa pesca autóctona e, por se fose pouco, arden as Fragas do Eume… A antropofaxia é hoxe inconcebible e eu pregúntome se é legal desfacer un país no canto de construílo.

No seu fermoso poemario Cen Chaves de Sombra, Valentín escribía:

Galiza un pouco cada día morre…
Se non viramos rumbo ao navegar
Poñamos vela ao vento que hoxe corre
Ronsel abrindo cara un novo mar

Na primavera de 1987, cando nena, dinlle un bico na meixela e díxenlle adeus para sempre a aquel home de ollos intelixentes e intuitivos que albiscaban o mar, o amado mar, ese elemento que nos comunica e nos alimenta. Como ía saber eu que no seu legado estaban as cen chaves que nos sacarán da sombra.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.