Cerco a Venezuela

Manifestacións en apoio de Maduro © PSUV

No proceso de descomposición e de enormes contradicións internas en que se encontra o sistema capitalista neoliberal veremos xurdir acontecementos no planeta de signo diverso: migracións masivas, guerras neocoloniais na periferia do sistema capitalista, intervencións nos países contrarios ao sistema neoliberal, derrocamento e acoso dos gobernos de esquerda, etc. Cada episodio indicará o grado e profundidade da crise do sistema, e un deles é o que se está escenificando neste momento en Venezuela, mediante o acoso e (intento, por agora) de derribo do seu sistema democrático, imperfecto e con erros, pero inequivocamente democrático. 

Intentan presentarnos a situación como unha intervención humanitaria “dos países democráticos” ante un goberno “ditatorial e inhumano” como o de Maduro. Pero a realidade non se compadece con esa narrativa dos medios masivos de comunicación occidental. Para facernos unha idea do que ocorre só temos que fixarnos en que países e personaxes apoian o golpe contra o goberno bolivariano. Demócratas de toda a vida como o fascista Bolsonaro de Brasil, o xenófobo Trump, o “escrupuloso loitador contra a corrupción” Pablo Casado —ese xenio que aproba carreiras sen acudir ás aulas universitarias— ou esas “cándidas pombas” de VOX financiadas por unha forza terrorista islamita (MKO) —que mata xente inocente en Irán— e que aspiran a derrogar a lexislación sobre a igualdade ou eliminar o estado autonómico para volver ás degoiradas esencias “de los Principios do Movimento Nacional” franquista. Tamén temos ao demócrata Aznar (ex-presidente dun goberno que ten a todos os seus ex-ministros imputados ou condenados por baleirar as arcas do estado) recoñecendo a un tal Guaidó que se auto proclama presidente de Venezuela á marxe de calquera formalismo constitucional —só o Tribunal Supremo podería autorizar o seu nomeamento pola Asemblea Nacional en caso de baleiro de poder ou de ausencia continuada do Presidente lexítimo, circunstancias que non se dan en ningún caso. 

Outro dos eufóricos e conspicuos seguidores do “golpe en marcha” é un tal Felipe González, moi interesado, xunto cos seus amigos de negocios —a través das súas escuras vinculacións con determinados lobbies financeiros colombianos e venezolanos, como o Grupo Cisneros—, en entrar a saco nas enormes riquezas de metais, minerais e petróleo do país caribeño, ademais de facerse cos negocios de comunicación, alimentarios, inmobiliarios ou de construción con que se fixeron millonarios en tempos pasados. Toda esta constelación de fascistas, espoliadores e vividores constitúe o cerne dos aliados do golpismo contra o goberno lexítimo de Venezuela. Reparen os escépticos que Juan Guaidó só foi elixido deputado á asemblea venezolana, pero Nicolás Maduro foi elixido Presidente da República en maio do pasado ano, cumprindo con todas as normas constitucionais. Segundo os que recoñecen a Guaidó, a presidenta do parlamento español ou mesmo calquera dos seus deputados, podería auto proclamarse presidente do goberno ou dunha hipotética república española, con só obxectar que non comparte a política do goberno español. Estarían dispostos a asumir ese proceder Aznar, González, Rivera ou Casado? Claro que non. Que fixeron cando se intentou a proclamación da república catalá? Responderon co 155, a garda civil, e a cadea para os rebeldes, e iso que aquela declaración quedara inmediatamente en suspenso e sen validez. 

Pero todos sabemos que todo este circo, que xa está causando mortos e sufrimento na patria de Bolívar, non podería terse executado, nin ter a máis mínima esperanza de éxito, se non contase co apoio de Estados Unidos. O golpe contra Venezuela forma parte da estratexia das finanzas internacionais que requiren con urxencia facerse coas inmensas riquezas petrolíferas do Orinoco venezolano —as maiores reservas mundiais de petróleo pesado— e as inmensas reservas de minerais estratéxicos, diamantes e ouro da terra de Bolívar. As petroleiras americanas que apoian a Trump estarían interesadas en facerse con esa riqueza, por iso está considerando unha intervención militar en función de como evolucione a situación nas próximas horas ou días. De tomar esa crítica decisión Trump estaría facendo o contrario do que prometeu nas eleccións, pero neste momento está sometido a unha tremenda presión por parte do lobby do petróleo, e tamén polo Pentágono e a Secretaría de Estado, onde residen a maioría dos falcóns neoliberais do partido demócrata, partidarios do intervencionismo e das guerras imperialistas como sistema de control do mundo actual.

Un dos voceiros do capital financeiro internacional, o presidente francés Emmanuel Macron, apresurouse a recoñecer a Guaidó —un simple home de palla—, seguindo os desexos do seu mentor, a poderosa Casa Rothschild a pesar da falta de unanimidade dos distintos países da UE. Neste asunto, parecen coincidir tanto a facción neoliberal globalista como os partidarios de zonas de influencia rexional. Só a posición e os movementos diplomáticos e de disuasión militar de Rusia e China poden frear o golpe en marcha, xunto á imprescindible determinación e unidade do goberno bolivariano que debe combinar prudencia e moderación na resposta coa mobilización patriótica dos millóns de milicianos con que conta a revolución. Pero non vai ser nada fácil, calquera erro de cálculo pode precipitar a catástrofe. As forzas progresistas do planeta deben decatarse de que a caída de Venezuela significará un retroceso de enormes proporcións para a causa da xustiza e da liberdade en todo o mundo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.