Chemnitz. A lección: robustecermos o Estado democrático de dereito

A finais de agosto de 2018, durante as festas locais de Chemnitz, un iraquí e un sirio mataron presuntamente un alemán de raíces cubanas. Acto seguido, centos de radicais de dereitas tomaron violentamente as rúas da cidade e desataron un caos e unha barbarie que superaron a policía. Nas mobilizacións posteriores, os manifestantes, moi ben organizados por agrupacións extremistas como o Bürgerbewegung Pro Chemnitz (Movemento Cidadán a prol de Chemnitz), a AfD (Alternativa por Alemaña) e Pegida (Europeos Patriotas contra a Islamización de Occidente), xa se contaron por miles. O escenario destes feitos é a Alemaña oriental, onde a AfD é a segunda formación máis importante, e concretamente o Estado Libre da Saxonia, onde este partido, co 27% dos votos, foi o máis votado nas eleccións federais do 24 de setembro de 2017. O que sucede en Chemnitz non constitúe, polo tanto, unha verdadeira sorpresa nunha rexión que podería converterse nunha zona catastrófica da democracia.

As causas desta situación son complexas. Nos Länder da antiga República Democrática Alemá persisten os efectos dos cambios traumáticos que trouxo consigo a reunificación, entre os cales se atopan as malas condicións laborais e mais un sentimento de inferioridade verbo da Alemaña occidental. Ademais, na RDA non se fixera un traballo de memoria histórica comparábel ao da República Federal de Alemaña, cuxa cidadanía foi educada na crítica do fascismo. Outro fenómeno significativo é o medo á perda da homoxeneidade étnica. Nos últimos anos chegaron a Alemaña máis dun millón de refuxiados, que xeraron en amplos segmentos da cidadanía –non subsumíbeis xenericamente na categoría de nazis– unha sensación de ameaza que se traduce en frustración, rexeitamento e ira. Póñense en circulación argumentos peregrinos como o de que os estranxeiros aumentan a taxa de criminalidade á vez que parasitan o Estado social. Fronte á suposta inacción das autoridades aparece o argumento da Selbstjustiz, é dicir, da toma de medidas á marxe das institucións. O curioso é que, na Alemaña oriental, onde xa en tempos da RDA había moi poucos forasteiros, a porcentaxe de poboación inmigrante é sensibelmente inferior á da media nacional; e non hai estudo ningún que rexistre un aumento da criminalidade.

Cómpre tomarmos en serio o populismo e a extrema dereita. O Estado democrático, se quere que a sociedade confíe nel e o apoie, non pode xamais amosarse débil

Tamén axudan a entender os sucesos de Chemnitz a normalización do racismo grazas aos éxitos electorais e á presenza mediática da AfD, e mais o uso masivo das redes sociais como plataformas de espallamento da desinformación e de lexitimación do odio e do pensamento autoritario. Os grupos de extrema dereita están conectados en rede por toda Alemaña e son fácil e rapidamente mobilizábeis para a organización e a realización de accións. Dáse tamén, por último, unha combinación nefasta de dous elementos: por unha banda, unha diminución da reacción social, que fai que o extremismo deixe de percibirse a si mesmo como unha minoría e acabe véndose, de feito, como representante da vontade maioritaria; e, por outra banda, a ineptitude e o desleixo dos poderes públicos, incluída a policía e a xustiza, que subestiman a importancia da ultradereita e teñen fallos importantes na prevención e na represión.

Ante unha situación tan enguedellada non caben abordaxes doadas. Pero poden indicarse algunhas liñas mestras de actuación. En primeiro lugar, cómpre tomarmos en serio o populismo e o extremismo de dereitas. Non son meras arroutadas, senón a expresión articulada dunha vontade política de actuar contra determinados colectivos. En segundo lugar, necesítanse unha educación política e unha cultura do recoñecemento do outro e da solidariedade. Hai que deixar claro que a sociedade está de parte dos máis vulnerábeis. E hai que apelar á coraxe cívica. Cando a democracia está en perigo, o cidadán debe defendela na familia, no círculo social, na rúa. A pasividade dos bystanders, aínda que conformen unha “maioría silenciosa”, é fatal. Finalmente, hai que fortalecer o Estado de dereito. Alí onde é posíbel organizar pogroms como as cazarías de estranxeiros vistas en Chemnitz, o Estado de dereito deixa de estar vixente. Porén, o único responsábel da seguridade cidadá é o Estado, que ten o monopolio da violencia. É precisa unha acción decidida e contundente contra a extrema dereita. O Estado democrático, se quere que a sociedade confíe nel e o apoie –tamén en situacións de dificultade–, non pode xamais amosarse débil e debe, en consecuencia, garantir a paz e a protección material.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.