Cando gobernaba Salvador Allende, os músicos de Quilapayún eran masivamente aplaudidos. O día que Pinochet asaltou o Palacio presidencial estaban en París, por iso libraron a vida. Voltaron en 1988, mais ninguén asistía aos seus concertos. Como se o pobo tivese desaparecido do país.
Un libreiro de Bos Aires díxome que os chilenos teñen orchata nas veas.
Vargas Llosa repetía, até o outro día, que Chile era un milagre económico. Alberto Fernández, presidente electo da Arxentina, di que o verdadeiro milagre era a paciencia ante a xigantesca humillación.
Aos ditadores militares chámanlles gorilas en Latinoamérica. E Pablo Neruda moscas: moscas Trujillo, moscas Batista... É unha tipoloxía de asasinos. Pinochet non forma parte dela. Franco tampouco aparecería nese formato se for americano. Eles aproxímanse aos xenocidas. O terror dos gorilas é circunstancial, aínda que dure varios anos. O deles busca o exterminio. Aplicárono con tanto método que os pobos respectivos tardaron decenios en superar a absoluta prostración. A ditadura chilena pareceuse máis a unha posguerra civil que a un réxime de gorilas. Ou de moscas. Por iso demorou tanto a revolta en Santiago.