Atrévome a dicir que se eu lle preguntara ao noventa e tantos por cento dos galegos que lle di a palabra Chimbote, penso que a ningún deles lle diría gran cousa á parte da súa resonancia un tanto exótica, e case ninguén a asociaría a unha cidade do Perú, na que ao longo dun bo tempo, non tan lonxe, un fato ben cumprido de galegos tiveron unha presencia salientable e deixaron alí a súa pegada.
Case ninguén a asociaría a unha cidade do Perú, na que ao longo dun bo tempo, non tan lonxe, un fato ben cumprido de galegos tiveron unha presencia salientable e deixaron alí a súa pegada
Pois ben, dada a miña residencia actual por motivos de traballo na capital de Colombia, Bogotá, aproveito este privilexio para ir coñecendo os diferentes países do entorno. Esta pasada Semana Santa tocoulle ao Perú, e en concreto á faixa costeira ao norte de Lima e a outras zonas do interior andino.
Logo de alugar un coche na capital, emprendemos a nosa viaxe cara ao norte, e logo dunha parada nunha das fermosas praias da sua costa xa a uns 300 km. da capital, ofrecémonos a levar connosco a unha rapaza que quería chegar a Chimbote que ficaba uns trinta quilómetros máis arriba. Non ben pronunciou ela este nome, o curruncho das miñas lembranzas infantís activouse de súpeto no meu caletre. Na miña mente apareceu o verán do ano 1965, na miña vila natal de Noia, cando o meu pai, como agasallo de remate do curso no bacharelato, e para a miña ledicia, levoume canda el Á Coruña, onde tiña que facer uns exames de mecánico naval por un par de días. Xa na cidade herculina e nun dos descansos das probas escoiteino conversar con outro dos examinados, penso que xa coñecido por el de antes, o cal lle estaba a contar que traballaba en Chimbote, no Perú, onde o negocio da pesca ía vento en popa e había unha chea de galegos aló. Aquel sonoro nome ficara na miña memoria dende aquela e agora era unha realidade diante dos meus ollos.
Xantamos nun bo lugar á beira do seu agradable malecón que ela nos aconsellara, onde puidemos gozar dos saborosos peixes e mariscos daquelas costas preparados coas típicas receitas da exquisita cociña peruana
Logo de deixar á rapaza xantamos nun bo lugar á beira do seu agradable malecón que ela nos aconsellara, onde puidemos gozar dos saborosos peixes e mariscos daquelas costas preparados coas típicas receitas da exquisita cociña peruana. Ao rematarmos deunos por dar un paseíño e contemplar a baía na que fondeaban ducias de barcos peixeiros. Ao pouco de iniciar o paseo vexo un cartel nun dos edificios que rezaba: "Casa de España”. A miña lóxica curiosidade levoume a atravesar a súa porta. Apareceu diante miña un cumprido salón restaurante ben montado con algúns seareiros rematando de xantar. A miña sorpresa foi maiúscula cando por riba da barra do restaurante vexo colgada unha bandeira galega. Non podía acreditar. Empecei a atar cabos e pensei que isto algo tiña que ver coa presencia galega naquel lugar da que eu tivera noticias había tantos anos.
Dirixinme á barra e trabei conversa co encargado do bar. Andrés -paréceme lembrar que era o seu nome- era un home por riba dos corenta e aínda que dixo ser neto de estremeño, coñecía ben aquela historia. Efectivamente foran os galegos, case na súa totalidade de Malpica e comarca, os que fundaran aquela institución no ano 1965, tal como reza nunha placa a entrada. Chegaran a ser cecais varios centos e foron os pioneiros no desenvolvemento da pesca naqueles lares. A súa pericia mariñeira serviu de escola para os actuais pescadores peruanos. A pesca da anchoveta, un peixe parecido á sardiña, polo visto, e que era utilizado para producir fariña convertérase nun bum económico para os nosos paisanos e de paso para aquela pequena cidade peruana.
Toda aquela bonanza tronzouse un fatídico día de 1970 cando un terrible terremoto abaneou sen piedade o país. Segundo o meu informante un dos resultados da catástrofe foi tamén a desbandada dos malpicáns
Toda aquela bonanza tronzouse un fatídico día de 1970 cando un terrible terremoto abaneou sen piedade o país (aínda quedan mostras do mesmo en moitos lugares do Perú). Segundo o meu informante un dos resultados da catástrofe foi tamén a desbandada dos malpicáns. Ao cabo de cinco días caseque todos eles xa tiñan abandonado para sempre Chimbote e a súa baía, deixando ao garete barcos e lanchas e demais propiedades. Preguntado se quedaba algún daqueles mariñeiros aínda, respondeume que só ficaba un, xa de moi avanzada idade en en precarias condicións de saúde.
A decoración das paredes da institución, á parte dalgunha que outra pincelada típica da España cañí e oficial, non puido más que emocionarme: estaba composta sobre todo dunha morea de fotos en branco e negro enmarcadas, xa de cor algo esleída, dos mariñeiros galegos, moitas delas en compaña de mulleres e fillos pequenos, nas súas celebracións. Era unha ledicia velos… Alá estaban cos seus traxes impecábeis, garabatas e camisas brancas a brindar coma se fora en calquera casamento, bautizo ou festa da vila, na nosa terra. Custoume conter as bágoas…
A epopea tivera o seu comezo no medio da Guerra Civil, cando un fato de mariñeiros malpicáns fuxiran do terror franquista en barco ata Francia e logo coa mediación de Pablo Neruda conseguiran chegar á América de Sul
Xa de volta en Bogotá lembreime do meu amigo Henrique Porto, malpicán, aínda que afincado no Val Miñor, e logo de buscar o seu número chameino para ver que sabía da historia. Efectivamente, el confirmoume aqueles datos. Polo visto, a epopea tivera o seu comezo no medio da Guerra Civil, cando un fato de mariñeiros malpicáns fuxiran do terror franquista en barco ata Francia e logo coa mediación de Pablo Neruda conseguiran chegar á América de Sul. Dende alí o que segue é bastante habitual dentro da historia da emigración galega: cando as cousas comezan a ir ben, uns chaman polos seus parentes, amigos… e así vai engordando a colonia.
Logo de tomar o meu café e despedirme do amábel taberneiro e informante saín de alí, medio arrastras, emocionado e algo confuso, pero había que cumprir co programa da viaxe…
Ficou en min a emoción de ter estado naquel lugar tan ligado ás vidas de moitos galegos que, como tantos outros, tiveron que abandonar á súa Terra na procura dunha vida mellor; outra historia máis da grande epopea que foi a nosa emigración
Tras percorrer grande parte da costa norte peruana, incluídas dúas incursións á zona andina (Cajamarca, Huailas), tocaba retornar cara o sur. Naqueles días non puiden abandonar a visión das fotos enmarcadas dos nosos paisanos. No meu interior algo me dicía que tiña que volver a Chimbote. Tiña que levar as fotos daqueles cadros que non fixera antes por falta de reflexos e por ter deixado a cámara no coche (só cheguei a facer dúas da nosa bandeira co móbil). Case inconscientemente fun axeitando o programa da nosa volta para facer cadrar a última parada antes de Lima naquel porto pesqueiro. E así foi, aló chegamos xa pola noitiña. Logo de buscar hotel, dirixinme de inmediato á Casa de España. Para desilusión miña estaba pechada (era Venres Santo). Pola mañá, antes de saír para a capital e coller o avión para Bogotá o día seguinte, volvín ao sitio: nada, seguía sen abrir. O meu desespero foi grande, pero tiña que seguir a nosa rota trazada.
Como remate do conto ficou en min a emoción de ter estado naquel lugar tan ligado ás vidas de moitos galegos que, como tantos outros, tiveron que abandonar á súa Terra na procura dunha vida mellor; outra historia máis da grande epopea que foi a nosa emigración, en especial por terras americanas. Un pregúntase para cando estas e tantas outras historias semellantes sairán á luz e terán o lugar que se merecen na Historia oficial do noso país.
Para colofón, o desexo de que quizais as autoridades locais de Malpica ou calquera outra entidade oficial ou privada galega puidesen, máis cedo que tarde, recuperar aquelas valiosas testemuñas
Tamén me acompaña aínda a tremenda frustración de non ter traído canda min as testemuñas gráficas que alí ficaron naquelas brancas paredes e por non ter feito nada por coñecer ao derradeiro dos galegos de Chimbote. Non descarto facelo en calquera momento.
E para colofón, o desexo de que quizais as autoridades locais de Malpica ou calquera outra entidade oficial ou privada galega puidesen, máis cedo que tarde, recuperar aquelas valiosas testemuñas e de paso reconstruír fielmente para a posteridade a historia daquela epopea, para que non fique esquecida por sempre para as vindeiras xeracións de galegos e galegas.