China está de volta

Portada do libro 'El regreso de China' ©

China xa está, aínda que sería mais correcto sinalar que volve a estar, no centro do capitalismo mundial sendo, ademais, un dos seus polos de referencia: o outro son os USA (Estados Unidos de América). A pesar diso, por razóns varias, o coñecemento que se ten deste auténtico continente (9,6 millóns de quilómetros cadrados que albergan a 1.425 millóns de persoas) é moito menor que do vello imperio. Un coñecemento que ademais chega condicionado cando non interesadamente terxiversado e falto dun mínimo de rigor científico. Velaí o interese de contar con estudios que sen eses condicionantes nos ofrezan unha visión rigorosa e ben fundamentada da China de hoxe. Velaí o interese do novo ensaio que ven de sacar a luz Albino Prada, ("El regreso de CHINA. ¿Chimérica o Telón Digital?". MUNDIEDICIONES) un dos economistas galegos mais brillantes e con meirande capacidade de análise como xa puidemos comprobar nos seus ensaios anteriores ("El despilfarro de las naciones", "Critica del hipercapitalismo digital", "Caminos de incertidumbre").

Como si dun Guadiana universal se tratara China que entre os séculos XI e XIII ocupara unha posición central na economía mundo da época -inventando, por caso, a pólvora, a búsola, o reloxo e a imprenta e vendendo tanto materias primas como produtos manufacturados- practicamente desaparece da escena internacional para non volver a aparecer deica ó última cuarto do século XX chegando, novamente, a ocupar unha posición central no capitalismo mundial. A espectacularidade e o impacto de este auténtico fenómeno histórico queda reflectido na evidencia de que "este desprazamento tan relevante ten lugar en apenas sete décadas". Un fito de dimensións históricas xigantescas pois neste curto período de tempo China pasa do estancamento e a autarquía (séculos XIV-XX), no que moito tivo que ver o illamento imposto pola dinastía Ming con decisións tales como a supresión da navegación e o comercio exterior, a apertura exterior e a integración no comercio mundial nunha posición de liderado.

Volvendo por un momento a ese longo período de illamento chinés compre facer referencia ao papel que tivo o imperialismo occidental desa época quen convertera a China nun estado subordinado. Unha situación de subordinación que se mantería hasta que no escenario chinés aparece Mao ao fronte tanto do Partido Comunista Chino (PCCH) como do Exercito Popular de Liberación (EPL) que serán as pezas claves para garantir a integridade e a independencia nacional e a creación da República Popular China. Unha República capaz de combinar tanto grandes fracasos ("O grande salto adiante", "A revolución cultural") como indiscutibles progresos económicos (industria, urbanismo, novas tecnoloxías...) e avances sociais (redución da mortalidade infantil, medre da esperanza de vida, redución da fame e a pobreza.....) que conducirán a unha meirande riqueza tanto global como individual.

Unha China que, morto Mao, da man do rehabilitado Deng Xiaoping si dará esta vez un autentico gran salto adiante marcado especialmente pola apertura ao exterior de Chimérica (unha abdución neoliberal de China que, por razón do seu tamaño deveu nunha simbiose de dependencia para o seu abdutor: os Estados Unidos). Un grande cambio tal que supón que "hoxe os chinos estean mais comprometidos co libre mercado que os estadounidenses". Unha apartación innovadora de Albino Prada sobre a actual China que moi seguramente creará polémica pero que se fundamenta na realidade empírica, en evidencias contrastadas que aparecen profusamente detalladas no citado ensaio.

Inicialmente lideradas polo citado Dan Xiaoping, auténtico cerebro da nova orientación, pero continuadas posteriormente polos líderes chinos que viñeron a continuación, se porán en marcha en China unha serie de políticas de reforma e modernización que como efecto externo mais espectacular farán que este continente asiático entre no século XXI como unha potencia mundial de primeiro orde. Unhas reformas que nada terán que ver coas políticas anteriores pero que si tiveron presente, sirva isto como referencia, as políticas públicas dos chamados tigres asiáticos -Corea do Sur, Hong Kong, Singapur e Taiwán- na segunda metade do século XX. Unhas políticas que, como é ben sabido, tiveron as súas luces e as súas sombras pero das que as autoridades chinas foron quen de sacar as ensinanzas oportunas. Ensinanzas como, por caso, os enormes riscos da liberalización do movemento de capitais, da privatización total do sistema bancario e do descontrol dos tipos de cambio.

Baixo o liderado inicial de Deng Xiaoping ("Non importa que o gato sexa branco ou negro; mentres poida cazar ratos, é un bo gato") China porá en marcha “unhas políticas de portas abertas para o comercio exterior, a tecnoloxía e os investimentos que supoñen unha oscilación do péndulo na revolución”. Políticas cuxo detalle encontramos no ensaio de Albino Prada quen nos informa de que con estas políticas “estamos diante dunha aposta china polo capitalismo global ….. que incorpora a China tanto a fronteira tecnolóxica dos países mais ricos do mundo como aos mercado globais”.

Unha incorporación favorecida por “unha acumulación de capital que se apoia nas formas tradicionais da acumulación capitalista: abundancia de man de obra, baixos salarios, vantaxes fiscais, débil protección social e ausencia de conflitividade social”. Unha incorporación ao capitalismo “que loxicamente facilitará unha grande mobilidade social a cabalo dunha crecente desigualdade social” que entre outros fenómenos favorecerá o xurdimento en China dunha nova clase de ricos e superricos. Unha incorporación guiada con man de ferro polo Partido Comunista Chino (PCCH) que “sentará as bases da China actual.....unha sociedade plutocrática de mercado, insolidaria e ultracompetitiva que moi pouco ten que ver cunha democracia social ou unha sociedade decente……unha China na que unha minoría de enxeñeiros e tecnócratas, fascinados coas maneiras de xestión capitalista gobernan o pais a-democraticamente segundo o modelo de voto desigual de accionistas ou de casta de executivos…… unha modalidade de réxime xerárquico na que uns poucos se impoñen aos moitos”. Un modelo que permite afirmar con rotundidade que, hoxe por hoxe, “en China hai certamente clases sociais e tamén loita de clases”. 

Velaí as razóns que xustifican a recomendación da lectura deste novidoso e provocador ensaio pois sen dúbidas aproximará aos seus lectores a unha maior e mellor compresión da natureza dos enormes cambios que se están a producir en China, das súas razóns e lóxicas internas e tamén dos seus efectos internos i externos. E coñecendo a lóxica que move a China actual entenderemos moito mellor a realidade mundial. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.