O perfil adoptado pola diplomacia chinesa na longa crise siria afástase dun comportamento tradicional caracterizado por eludir a confrontación directa coas teses occidentais e parapetarse na belixerancia moscovita en nome dunha neutralidade que outros cualifican de cinismo ante un réxime que masacra súa poboación. Neste caso, non é só o exercicio do poder de veto no Consello de Seguridade.
O activismo diplomático amosado nas últimas semanas semella marcar un punto de inflexión que ben puidera indicar unha reformulación da súa estratexia global no eido das relacións internacionais. O factor primixenio desta mudanza sería a crise libia na que a súa abstención foi seguida dunha clara extralimitación dos países occidentais respecto aos contidos da resolución 1973, nutrindo unha sanguenta guerra civil cun balance tan dramático como incerto. Para China supuxo a evacuación forzada de máis de 30.000 cidadáns e perdas inmediatas valoradas en miles de millóns de dólares.
Na crise siria, China non soamente opón o veto senón que mobiliza como nunca a súa diplomacia coidando ata de tender pontes coa oposición. O primeiro ministro Wen Jiabao visitou Oriente Medio en xaneiro e o representante especial para a zona, Wu Sike, cumprimentou recentemente aos diversos actores da rexión (palestinos, israelís, líderes iranianos…). Mesmo chegou a reunirse co representante do Cuarteto para a zona, o inefable Tony Blair, gran experto en vías mortas non só no seu país senón tamén aquí.
O obxectivo esencial de China consiste en arrefriar as tensións, evitar complicacións maiores (especialmente en Irán) e encamiñar a crise siria cara solucións pacíficas e negociadas descartando intervencións armadas exteriores. Nesa mesma liña, China, como Rusia, decidiu non participar no cumio de Tunisia e celebrou uns resultados que evidencian as resistencias dos países árabes para armar a oposición, optando por outras formas de presión sobre o réxime cunha efectividade que está aínda por demostrar.
Se os intereses xeopolíticos e económicos de China en Siria son relativamente escasos, non é así o conxunto da rexión que podería experimentar un efecto dominó. Principal valedora da intervención, Arabia Saudita, que abandonou desgustada e precipitadamente o cumio de Tunisia, é o seu principal abastecedor de cru (30 por cento) alongando a cooperación ao eido nuclear e as comunicacións. Irán, terceiro subministrador cun 11 por cento, é un dos poucos países que dispón de ductos que abastecen por terra a China (a través de Turkmenistán e Xinjiang) eludindo os riscos da navegación marítima. As relacións con Catar ou os Emiratos gañan peso e importancia….
Actuar sobre os problemas da rexión semella un imponderable á vista do claro empeño doutros rivais estratéxicos de utilizar a zona como parte esencial dunha política de contención da súa emerxencia baseada no control do acceso ás principais fontes de enerxía en todo o mundo. O problema sirio é parte dun puzzle no que tamén se integran as non-negociacións palestino-israelís ou a proliferación nuclear de Irán (e de Israel, habería que indicar, con duascentas cabezas sen que ninguén diga nada). E mais aló, dende o rexurdir das tensións no Mar de China meridional á reiteración de tentativas para asegurar cabezas de ponte en Asia central.
Coa diplomacia europea totalmente entregada ao atlantismo e afastada da súa tradicional posición moderadora, as novas dimensións de China, cunha proxección económica global recoñecida pero feble aínda na política global, ofrecen quizais unha oportunidade para acoutar esa lóxica do sempiterno recurso aos medios militares para resolver problemas políticos que tanto predominio gañou no mundo na última década.