Choteo dos "novidosos"

Aos "novidosos", que nunca serán "novísimos".  A Xoan Hermida.

Están por todos os recunchos. Son coma unha praga de langostas e un gran no cu: molestan e fan moito dano. Son os novidosos. Seres que anceian inventar ou descubrir a pólvora sen caer na conta de que xa foi descuberta por azar hai séculos. Seres convencidos de que as palabras e os pensamentos son produtos, e non, sinxelamente, o continuum no tempo das múltiples formas colectivas da conciencia humana, coas súas múltiples concepcións do mundo.

Os superactivistas abúrrense coma unha ostra no lar privado e procuran transformar a vida pública sen volver á súa cova a reflexionar. Os novidosos abúrrense inmensamente no lar privado e procuran os falsos paraísos mentais da vida pública

Os novidosos non paran quietos, quer como emisores, quer como receptores de mensaxes. En certo modo, son moi semellantes aos super-activistas, de quen xa falei no seu tempo, mais cunha diferencia: Os superactivistas abúrrense coma unha ostra no lar privado e procuran transformar a vida pública sen volver á súa cova a reflexionar. Os novidosos abúrrense inmensamente no lar privado e procuran os falsos paraísos mentais da vida pública. Esta é, tristemente, a diferencia entre os novidosos e os super-activistas, sendo este, tristemente, o seu punto en común: o feito de que viven unha existencia que non sabe integrar o público no privado, e viceversa, nin quere reflexionar en que medida se inflúen reciprocamente.

Calquera medio é válido para os novidosos con tal de empalmar o seu share mediático, a súa popularidade, o seu poder material e simbólico. Porque diso se trata, ao fin e ao cabo, de ter poder, material e simbólico, e non influencia cultural

Hai un feixe de novidosos en Galicia - e no resto do mundo -, e saben tocar moi ben o centro das pernas dende frontes e profesións moi diversas: a política, o xornalismo, o faranduleo cultural, o curral literario, o gremio intelectual .. etc. Por se non bastase coa súa absurda paixón pola novidade, autoalcúmanse de galeguistas, dunha galeguidade tan, tan líquida que se che escapa polas mans por moito que as feches. Unha galeguidade que trata de penetrar, a golpe de marketing emocional e mediático, no florido e excelso clube de futuros aspirantes a galeguistas ilustres. Con que recursos discursivos e epistemolóxicos?. Et voilá!, rían a cachón, que comeza a función: pois desprezando con visceralidade todo, absolutamente todo o que teña que ver cos gromos da ilustración. Calquera medio é válido para os novidosos con tal de empalmar o seu share mediático, a súa popularidade, o seu poder material e simbólico. Porque diso se trata, ao fin e ao cabo, de ter poder, material e simbólico, e non influencia cultural, como reclamaban, no seu tempo, as mulleres máis honestas e honorables do feminismo politicamente organizado.

Algún novidoso pasa as 24 horas do día masticando - sen rumiar - toda a información Just in time e localizada que pode - é incapaz de mirar alén do Courel -, e canta máis, mellor. Non importa tanto a verificabilidade empírica coma a cantidade de lixo ao seu dispor para facer unha marcaxe individual ao seu político, escritor ou intelectual máis odiado - polo xeral, os de máis valía e experiencia -, cuspíndolle enriba toda clase de atributos e xuízos de valor antes de que o tempo - ese sabio cabrón - vaia mesurando un chisco a cegueira dos afectos persoais e os xuízos contemporáneos,  e polo tanto, poñendo a cada ser no lugar que lle corresponde.

Canta máis sospeita levanten de querer desmarcarse da orde discursiva que interesa á contemporaneidade dos partidos e á industria cultural, con máis populista e ignorante desprezo serán respondidos ou, sinxelamente, silenciosamente ignorados

Outros novidosos, pola súa banda, prefiren collela con eses estraños seres aos que se adoita chamar intelectuais, sexan científicos sociais, lingüistas, filósofos ou calquera compartimento estanco do pensamento, e canta máis sospeita levanten de querer desmarcarse da orde discursiva que interesa á contemporaneidade dos partidos e á industria cultural, con máis populista e ignorante desprezo serán respondidos ou, sinxelamente, silenciosamente ignorados. Non hai nada máis ofensivo, ao fin e ao cabo, que expulsar pola boca aquelo que os receptores non están desexando escoitar, nin reacción máis lóxica que responder con silencio cómplice a quen o fai.

Os novidosos, coma os super-activistas, non descansan. Teñen unha facilidade sublime para esixir e auto-esixirse novidades cun histrionismo que sobarda e decretar, por omisión, o fin da polimorfa memoria colectiva dun pobo, e tamén, dun xeito máis sutil - pois non se atreven a manifestalo claramente -, o seu desprezo pola razón e a lóxica, coa estúpida escusa de que estas son, coma toda creación humana, instrumentos limitados, e non lugares mentais absolutos - ! vaia por Deus ! -.

En fin, os novidosos - e as novidosas - sonche así. Din as malas linguas que, no Reino de Galicia, mesmo hai algunha que se enrola unha toalla na cabeça e insinúa a posibilidade de independizarse do Estado español a golpe de reintegracionismo ortográfico e teoría Queer. Tamén hai quen se enche de feminismo filoloxista e filosofía da diferencia ata emborracharse, esquecéndose de que, digan o que digan os nosos moi novidosos e radicais líderes intelectuais, os seres con polla, os seres con cona, e os seres con ámbalas dúas cousas, poden - de feito, precisan - construír estruturas cognitivas e afectivas de comunicación inter-subxectivas comúns para organizarse politicamente contra a barbarie.

Aos novidosos cústalles, polo visto, entender, que aínda partindo das múltiples estruturas concretas de dominación - económicas, lingüísticas, culturais, de clase, raciais - xustificadas co abstracto universalismo do discurso liberal, segue sendo necesario repensar e reconstruír un novo universalismo ético/moral que rache cos absolutos do positivismo xurídico

De todo hai no mundo, caro lector, e aos novidosos cústalles, polo visto, entender, que aínda partindo das múltiples estruturas concretas de dominación - económicas, lingüísticas, culturais, de clase, raciais - xustificadas co abstracto universalismo do discurso liberal, segue sendo necesario repensar e reconstruír un novo universalismo ético/moral que rache cos absolutos do positivismo xurídico, co máis retrógrado e puritano das doutrinas sociais das grandes Igrexas monoteístas... e cos non menos retrógrados e puritanos ritos de paso da traditio de moitas comunidades culturais. É certo que o ser máis afectado pola violencia material e simbólica da Lei positiva dos estados modernos, da doutrina social das grandes igrexas monoteístas, e das costumes e ritos de paso das comunidades culturais, é a muller, e discutir isto a estas alturas de milenio non merece a pena. Mais - ! Ai, Houston, témosche un serio problema ! - se as mulleres que se din revolucionarias comezan a postmodernizarse culturalmente, a función non pode nin comezarse. É máis, o comezo, o desenlace e o final da función terá sempre un clima de sarcástica traxicomedia coa que se rirán a cachón, e xustificadamente, de todos nós.

E isto último, non, témome que tampouco sería moi novidoso.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.