Chove en Santiago

Espertei ás 8 da mañá co ruído da chuvia na ventá. Pensei: que mala sorte que despois de tantos días sen chover xusto o faga hoxe. Non era para non esquecer levar o gorro de chuvia á mani do 25, do día da patria, imaxinaba que o traballo no lugar do accidente do Alvia que descarrilara a véspera en Angrois sería moito máis complicado. Nada era como tiña que ser. Eu, de feito, tiña que estar en Coruña, non en Vigo, o 24 á tardiña marchábamos á casa dos meus pais para que os nenos quedasen cos avós e o meu home e eu puidésemos pasar a xornada en Santiago, pero se nos estragou o coche cando íamos saír, non quixo arrancar.  Nada era como tiña que ser. No canto de concentrarme na Quintana concentreime diante do concello de Vigo para gardar 3 minutos de silencio polas vítimas do accidente. Non estaba contenta, estaba angustiada, profundamente triste.

Nada era como tiña que ser. Un tren de alta velocidade non debería atoparse cun trazado antigo, construído durante o franquismo

Nada era como tiña que ser. Un tren de alta velocidade non debería atoparse cun trazado antigo, construído durante o franquismo, no que hai unha curva cun límite de velocidade máximo de 80 km/h, cando vén circulando por un trazado de alta velocidade a 200 km/h e sen contar coas medidas de seguridade precisas para frear un tren que supere a velocidade máxima. E o cumprimento dos tempos de viaxe non debería estar condicionado economicamente.

O accidente produciuse ás 20:41h pero as canles de televisión estatais non deron información ata varias horas máis tarde, algunhas ata a 1 da mañá e moi brevemente

Nada era como tiña que ser. O accidente produciuse ás 20:41h pero as canles de televisión estatais non deron información ata varias horas máis tarde, algunhas ata a 1 da mañá e moi brevemente, porque xa non teñen delegacións territoriais, non hai xornalistas que cubran a información no noso país, como pasara, por exemplo, cando foi o desastre do Prestige. Para moitos medios de comunicación de Madrid informar sobre o descarrilamento dun tren en Galiza é como informar do descarrilamento dun tren na India e a prioridade informativa está moi lonxe da que se lle prestou á bomba que explotou durante a maratón de Boston, que si puidemos ver en directo nas nosas televisións.

Os xornalistas galegos que o deron todo para manternos informados demostrando a necesidade dunha canle de televisión pública galega

Ao final pareceume que o único que era como tiña que ser era precisamente a chuvia pero tamén respondían ás expectativas, ou as superaban, os xornalistas galegos que o deron todo para manternos informados demostrando a necesidade dunha canle de televisión pública galega, os veciños e veciñas que axudaron ás persoas accidentadas, o persoal sanitario que acudiu aos seus centros de traballo mesmo estando de vacacións, o persoal que desenvolveu os labores de rescate desconvocando folgas, as persoas que formaron enormes ringleiras para doar sangue... nada era como tiña que ser agás a chuvia e nós. De agora en diante o 25 de xullo sempre será distinto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.