Cianuro e minería: Moitas medias verdades interesadas

Nadal 2012. Nunha de tantas sobremesas coa familia, alguén comenta “a ver que pasa co da mina de ouro”. Son de Cereo, vivo en Madrid e era a primeira vez que oía falar do tema. Non me sabían dar moitos datos, pero dixéronme a palabra clave: CIANURO.

Na industria emprégase a cantidade estritamente necesaria para o proceso, é dicir, todo o cianuro que entra, consúmese. Non hai miles, millóns de toneladas de residuos cianurados como pasa nas minas de ouro

Son química. Ás veces traballo con miligramos de cianuro sódico baixo altas medidas de seguridade; hai laboratorios nos que incluso hai que comunicarlle ó médico cando o vas manipular. Por iso cando me dicían “toneladas”, rebatíalles “imposible”. Pero, desgraciadamente, sí eran toneladas… e diarias.

De volta en Madrid, púxenme a buscar información sobre o uso do cianuro na minería. Atopei argumentos “xustificativos” por parte das empresas mineiras como “Non é tan fero o león como o pintan. O cianuro prodúceno moitas plantas, bacterias, fungos e incluso o corpo humano. Fabrícanse unhas 3 millóns de toneladas ó ano para a industria (plásticos, pegamentos, etc.) das que soamente un 18% se emprega na minería”. Menos mal que tamén deixaban caer que “é un dos velenos máis potentes que se coñecen”.

Pois si, todo iso é certo (menos o do león) pero ten letra pequena. Na industria emprégase a cantidade estritamente necesaria para o proceso, é dicir, todo o cianuro que entra, consúmese. Non hai miles, millóns de toneladas de residuos cianurados como pasa nas minas de ouro. Nestas, o cianuro emprégase para disolver o ouro, despois sepárano do metal e queda todo como residuo.

E aquí vén a parte que eu lle chamo “o timo da estampita”. “Non vos preocupedes, o cianuro descomponse de forma natural cos raios do sol. Aínda así, e para que vos quededes totalmente tranquilos, nós ímolo destruír con SO2 para convertelo en cianato que xa non é tóxico”. Isto ten tantos peros que xa non sei nin por onde empezar. Primeiro, para que o cianuro se descompoña de forma natural téñense que dar unha serie de factores que NON se cumpren nas balsas de residuos. Ademais, alguén imaxina que, se se descompoñese espontaneamente, ían gastar un céntimo en destruílo?

No proceso de lixiviación, é dicir, da extracción/disolución do ouro, fórmanse varios tipos de “compostos cianurados”. Reciben este nome precisamente porque a maioría deles non teñen o cianuro libre senón que o teñen complexado, unido, a distintos metáis

A realidade é que no proceso de lixiviación, é dicir, da extracción/disolución do ouro, fórmanse varios tipos de “compostos cianurados”. Reciben este nome precisamente porque a maioría deles non teñen o cianuro libre senón que o teñen complexado, unido, a distintos metais. No proceso de tratamento co SO2 que, dito sexa de paso, os hai moito máis eficientes pero, claro, máis caros (peróxido de Hidróxeno H2O2, ozono O3) soamente se destrúen, e de forma parcial, dous tipos de compostos cianurados: o cianuro libre (CN- e HCN) e o cianuro WAD (CNWAD, compostos cianurados que se disocian en presencia dun ácido débil) tódolos demais compostos con cianuro non se inmutan (CNSAD, complexos insolubles).

Así que aquí nos fan o truco do almendruco porque só miden a cantidade de CNWAD que queda e non o total. Ese total déixannolo en herdanza para o resto das nosas vidas, da dos nosos fillos e, moi probablemente, tamén da dos nosos netos. Como anécdota, comentar tamén que o SO2 é un gas lacrimóxeno e irritante, causante da chuvia ácida porque se convirte en ácido sulfúrico. Eles, no seu proceso INCO, engádenlle cal para neutralizar este ácido o que se traduce en máis e máis residuos. Como vedes, o cóctel é completiño. E aínda quedaría decoralo co Arsénico, sosa cáustica, ácido clorhídrico e un largo etcétera. Un groliño?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.