Cinco anos de voces graves. A exposición da Plataforma Pensionistas Compostela

Inauguración da exposición 'Cinco anos de voces graves', o pasado mes de abril no centro sociocultural de Cornes © Plataforma pensionistas Compostela

A exposición que comezou o seu itinerario polos Centros Socioculturais de Compostela o 25 de abril en Cornes, pasou por Santa Marta, Fontiñas, Vite e seguirá polo Ensanche, O Castiñeiriño e o Maruxa Coralia no Casco Histórico. Despois estará a disposición de calquera centro ou institución interesada en expoñela

A exposición que comezou o seu itinerario polos Centros Socioculturais de Compostela o 25 de abril en Cornes, pasou por Santa Marta, Fontiñas, Vite e seguirá polo Ensanche, O Castiñeiriño e o Maruxa Coralia no Casco Histórico. Despois estará a disposición de calquera centro ou institución interesada en expoñela.

Consta de 9 paneis con texto e fotos. O título, “CINCO ANOS DE VOCES GRAVES”, ten o carácter poético que acostuma ter a loita social e explícase así nun panel da propia exposición: “Disque cos anos as cordas vocais vanse elongando e relaxando para producir unha voz máis grave, unha voz que segundo os expertos resulta máis sedutora e xera maior confianza. Grave é tamén un adxectivo que expresa dignidade e respecto. Grave é o que denunciamos e graves as consecuencias. A nosa é, pois, unha historia de voces graves que se veñen concentrando desde marzo de 2018 no Obradoiro todos os primeiros luns de cada mes.” Máis que un relato do movemento, que en marzo cumprirá 6 anos de activismo, é tamén unha reflexión cívica e colectiva. A declaración dunha vontade. Unha resposta necesaria a tanta intoxicación.

Inauguración da exposición 'Cinco anos de voces graves', o pasado mes de abril no centro sociocultural de Cornes © Plataforma pensionistas Compostela

Máis que un relato do movemento, que en marzo cumprirá 6 anos de activismo, é tamén unha reflexión cívica e colectiva. A declaración dunha vontade. Unha resposta necesaria a tanta intoxicación

Como cantamos todos os primeiros luns de mes na Praza Obradoiro, “os dereitos son conquistas, nunca foron concesións”. Seguimos erguendo as nosas voces graves en defensa do Sistema Público de Pensións: para dicir non aos Plans de Pensións de Emprego con fondos públicos, para esixir que os case 10 millóns de persoas pensionistas estean política e socialmente representadas, que as pensións mínimas acaden os 1080 Euros, que se faga dunha vez a auditoría das contas da Seguridade Social aprobada no Congreso, que se blinden as Pensións na Constitución, que desapareza a fenda de xénero existente... Segue sendo necesario erguer a nosa voz grave, aínda que os medios de comunicación non lle dediquen a atención e o espazo que un dereito universal como as pensións merece. Resulta difícil criminalizar a un movemento de persoas maiores con voces e palabras graves, por iso optan por silencialo no posible e ir creando un estado de opinión poñendo altofalantes a economistas e organismos dependentes de entidades financeiras, cando non é o director do Banco de España é Fadea, financeiros, goberno ou organizacións sistémicas para as que os movementos sociais son molestos. Sempre voces que alarman sobre a sustentabilidade do sistema e poñen o acento no incremento de pensionistas, na lonxevidade, etc. Nunca na redistribución, no sistema impositivo ou no incremento da produtividade. Cantas veces podemos ver ou oír a voces autorizadas como Miren Etxezarreta por exemplo?. Todos os debates que se lanzan son para favorecer os intereses dos plans privados, para impulsalos. O Acordo Xeral sobre o Comercio de Servizos (AXCS) asinado en 1995, ten o obxectivo de liberalizar o comercio de servizos a escala mundial. A OMC integrada por 151 Estados, incluíndo a toda a Unión Europea, di explicitamente que o financiamento público é un elemento de distorsión do mercado. O obxectivo é a liberalización dos servizos e non cesan no empeño.

Como cantamos todos os primeiros luns de mes na Praza Obradoiro, “os dereitos son conquistas, nunca foron concesións”. Seguimos erguendo as nosas voces graves en defensa do Sistema Público de Pensións

Defender un Sistema Público de Pensións que non deixe a ningunha persoa pensionista baixo o limiar da pobreza, que ningunha persoa maior sinta preocupación ou angustia pola súa supervivencia, é unha emerxencia social.

Animo a visitar a exposición que estará este mes de outubro no Centro Sociocultural do Ensanche, a acudir ás concentracións na Praza do Obradoiro que desde hai 6 anos se veñen facendo todos os primeiros luns de mes ás 12 horas, a participar nas charlas reflexión sobre temas como: a dependencia, os coidados, a sanidade, a renda básica universal, as alternativas residenciais... e tamén ás nosas visitas guiadas por Compostela e ás actividades culturais varias.

Isto é unha loita que interpela a toda a sociedade non só ás persoas pensionistas. A Plataforma Pensionistas Compostela é transversal e quere ser un espazo de confluencia, un espazo para a alianza natural de todas as persoas e organizacións sociais que defendan a xustiza e os dereitos da cidadanía. Neste caso, un Sistema Público de Pensións xusto e solidario.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.