Círculos, espirais e Galaxias

A Mahatma –alma grande - Sucasas.

Gústanme as espirais concéntricas. Os círculos concéntricos non me van, non: demasiado fechados. Un métese dentro dun círculo a dar voltas e, por moitos lugares comuns que atope con outros círculos, sempre remata por ter a sensación de que dá voltas e voltas comezando de novo sen ir a ningures. Por se non bastase con isto, ademais, os círculos non teñen portas abertas ao descoñecido, o máximo que pode aspirar a facer un cando vai e volve e vai dentro dun circulo é petar coa liña esférica no naris e mais nada. Acabouse. Caput. The end.

As espirais concéntricas, porén, non deixan de moverse e avanzar cara o descoñecido, arraizadísimas coma estiveron sempre dende o punto no que comezan a tracexarse. As espirais concéntricas crúzanse e partillan un lugar común nun determinado tramo da súa travesía, e despois, ala, adeus, a coller a mala na procura da Itaca persoal de cadaquen.

En fin, non teño a menor dúbida, as espirais concéntricas son moito máis abertas e democráticas que os círculos concéntricos; as primeiras sempre atopan un punto de fuga cara o descoñecido e siguen camiñando, empurrándose dende o punto de partida, mais nos segundos non hai punto de fuga que valga. A área do círculo é igual ao radio ao cadrado polo número pi, e punto. A espiral, porén, canta mentras anda en círculos incompletos, e non procura ningunha verdade con garantías, nin matemática, nin lóxica. O círculo xa vai na procura de completarse a sí mesmo dende o mesmo momento en que comeza a tracexarse, digamos que xa nace con espírito de ajonías, e nin canta, nin baila, nin deixa cantar, nin deixa bailar, coma quen vive sen vivir en sí e tan alta completitude espera que morre porque non morre.

En Galicia, círculos, o que se di círculos, hai bastantes. Son o equivalente matemático dos múltilples eidos persoais que chisporrotean coma átomos nas institucions da lingua e da kultura oficial. A un lado, o señor Ramón Villares, historiador, soltando a perla de que Galicia podería existir como tal aínda que desaparecese a súa lingua; e isto, cómpre recordalo, díxoo nun Seminario que tivo lugar nas terras de Auriense sobre “A crise das humanidades e do galeguismo á Luz da xeración Nós”, ao que asistiu o que aquí escribe e do que vou falar. A outro lado, o coordinador do curso tratando de sair por peteneras nunha pregunta formulada polo que aquí escribe, cando responde que a civilización cristiá e occidental é o mellor marco axiolóxico posible para vivificar de novo ao ámbito dos estudos humanísticos na nihilista civilización tecno-cientificista e economicista do capitalismo contemporáneo.

A outro lado, o silenciosísimo silencio de dous Mestres universitarios de filoloxía, un chegado de Madrí, e o outro chegado de Barcelona, cando o que aquí escribe pregúntalles, con todo o seu aparente candor e inocencia, se existen liñas de investigación que clarifiquen e dean contido ás conexions estéticas e filosóficas de parte da obra de Vicente Risco coa cosmovisión estética e filosófica do fascismo. Asegúrolles, caros lectores, que o coordinador do curso era o máis semellante a un pimiento morrón despois de que a este fillo do demo se lle dese por formular tan precisas preguntas con tanta docta e elegante prudencia, tipo Lord inglés, pois cada contexto e cada lugar require os seus códigos lingüísticos e as súas poses.

Mais non acaba aquí o conto, non; para por a guinda ao pastel, ao que aquí escribe ocorreuselle preguntar a un profesionalísimo Antropólogo se a mirada antropolóxica podería aplicarse na historia contemporánea de Galicia para documentar o impacto real da modernización nas culturas campesiñas e populares do rural galego, así como na súa estructura demográfica e económica, e aí xa pouco lle faltou ao ilustrísima coordinador do curso para chimparse ipso facto fiestra abaixo dende a súa lustrosísima cadeira, temeroso coma estaba de que despois da pregunta do Taboada entrasen en tropel na facultade toda unha barafunda de revolucionarios desfarrapados cheirando a suor, ondeando a bandeira tricolor francesa e coreando a marsellesa, ou algo así.

E non vos quero nin contar a cara que puxo tamén esa caste de aspirante a pseudo-Deus sentado nun sillón azul cando o que aquí escribe preguntou ao entrañable Alonso Estravís se en Portugal existía algunha caste de Antropoloxía comparada das culturas ibéricas, horror!, mondieu, qué provocación!, unha cousa é ser iberista, pensaría ese home alto, repoludo e ben comido, e outra cousa é tómalo tan en serio. No more forbidden questions, this is a serious academy!.

Por certo, a resposta de Alonso Estravís foi tan honesta coma luminosa é a súa afabilidade no trato: Non o sei, respondeume. Asegúrovos, iso sí, que naquela sala había moitos cabeciñas – disque – pensantes desexando responder : Non, non existe ninguna antropoloxía comparada das linguas e culturas ibéricas e nunca xamais your eyes will see that kind of intelectual stuff. Ou falando claramente: Non, e nunca xamais verán os teus ollos esa caste de lixo intelectual. Pois vale. Moitas gracias. O saber non ocupa lugar, mais a gilipollez, polo visto, ocupa aínda máis.

Confeso que por un momento sentín como os ollos de sapo de Ramón Piñeiro me interrogaban silenciosa e inquisitorialmente dende o alén, e detrás súa, como non, toda unha caste de homes – mulleres, ninguna, qué casualidade – con corpo de ser humano e cabeza de serpe que enchían o chan todo de baba e frotaban repetidamente as súas mans mentras bisbaban obsesivamente, ao mesmo tempo que miraban cara min :

-He may be a communist, bs-bs-bssss. He may be a communist, bs-bs-bssss…

Todo isto que vos conto, aínda que pareza unha paranoia setentera causada polo consumo dun mal ácido, asegúrovos que é tan real como a vida mesma, e se non podedes crelo preguntádello á bruxa de Goiás, quen vos recomendará, ipso facto, que faledes cun tal Xosé Luís Sucasas de Cadrón -o mellor columnista do Reino de Galicia xunto con Fran P. Lorenzo, todo hai que dicilo-, preto de Lalín, a 37 kilómetros de Chantada e 56 millons de anos luz da Galaxia NGC 1365, onde acaban de descubrir hai pouco, non sei se o sabedes, un burato negro cunha masa de 2 millons de soles e un diámetro de máis de tres millons de kilómetros – oito veces a distancia da terra á lúa -, cuxa superficie xira a case á velocidade da luz. Cágate, lorito.

Así, mesmamente así de grandes son os eidos mentais neste paisiño. E este, mesmamente este, é o motivo principal dos nosos males. Como comprenderedes, caros lectores, non é maldade algunha desexar que un burato negro tan grande coma o recén descuberto na Galaxia NGC 1365 poida tragar, nun instante, tanto medo vernizado de intelectualidade. Da nada, mesmamente da nada, pode xermolar algo de lus.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.