Cirurxías de redución

CC-BY-SA Praza Pública

O imperio, que estaba en crise, nútrese da tregua para crecer. Se tal dixeramos dun Israel so o paraugas do sionismo ianqui precipitándose en forma de mísil sobre o que queda de Palestina, nada estrañaría. Mais cando é España quen levanta paredes de formigón ou esgana as minguadas posibilidades dunha comunidade de persoas que se senten singulares no mundo, a resposta provisoria de entrada camba as cellas e leva a man á cartucheira. 

O vocabulario da burocracia reducionista produce carraxe, como mínimo, cando opera coa mesma frialdade cirúrxica dos mísiles: se atenden ben, mesmo se percibe o asubío previo ao impacto. Vexan: Se modifica la relación de provincias de examen del Anexo III de la Orden, página 75850, de modo que se suprime la siguiente: “Ámbito territorial: Galicia; Provincia de examen: ACoruña; Código de localidad: 15”. En los próximos días será objeto de publicación en BOE.  

En realidade por aquí nada é tan sinxelo que non se poida amañar sen a contundencia definitiva dun Spike. No lugar do posterior paso lento do bulldozer, a colonización avanza co ritmo máis áxil pero igualmente letal dunha prensa que se enche de denunciar outras ofensas se cadra tan graves, mais que en nada embazan a cara prístina do Imperio e, porén, silencia o que repugnaría tamén unha esmagadora maioría da poboación.

Explicamos a aparente insignificancia. Quen se vía na obriga de tragar bile cada día para poder vivir e escollía, poñamos por caso, seguir tragándoa desde un posto na administración pública, digamos na administración de xustiza (non vén ao caso agora dicir nada sobre a peregrinaxe de décadas polo Estado antes de aproximarse a casa, o gasto ou os riscos da estrada), podía intentar superar as probas de ingreso na Coruña. Viña de vello ser sede única deste tipo de probas estatais en Galicia calquera das facultades do campus de Elviña. 

Pero por orde do mesmo imperio que despeza barcos, subestiva a produción agrogandeira do país ou ignora os dinámicos e cativadores códigos de vida que desde aquí somos quen de emitir, xa ninguén poderá examinarse na Coruña. Quen queira intentar o acceso a un posto público de carácter estatal terá a obriga de pagar avión ata Canarias, ou Andalucía, ou Cataluña, ou Madrid para examinarse. Ademais de hotel, se non ten por alí quen acolla: unha irmá, un curmán ou un tío vítimas do despido libre ou doutras cirurxías semellantes. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.