Clientelismo na avaliación dos fondos europeos

Coñecido e observado é por todos que o investimento dos Fondos Europeos non sempre se ten realizado conforme a criterios de eficiencia económica e social. Sen embargo, dado o elevado número de actuacións que destes se derivan, concretar exactamente como sería a mellor forma de empregalos é unha tarefa de xigantesca complexidade. Para que isto fose posible, deberiamos contar como punto de partida cunhas avaliacións de programas europeos acordes coa dimensión do traballo proposto.

O obxecto do presente artigo é explicar aos lectores como funciona nas administracións públicas a avaliación de Fondos Europeos, así como expoñer por que o modelo de avaliación actual non pode funcionar correctamente.

En primeiro lugar debemos saber dar resposta á seguinte cuestión: cal é, ou debería ser, o obxectivo final desas avaliacións? Pois nin máis nin menos que lograr que as asignacións orzamentarias respondan cunha maior eficacia e eficiencia, amosando resultados económicos e sociais óptimos a medio (Díaz & Izquierdo, 2005) ou longo prazo.

Supoñamos entón que unha administración pública nacional -no sentido amplo do termo- X quere avaliar o resultado dun Fondo Europeo concreto, por exemplo o Fondo Tecnolóxico en Galicia. Para realizar esta avaliación, esa administración X decide contratar, como moitas veces acontece, un servizo de consultoría externa Z que conte en nómina con reputados e prestixiosos profesionais expertos na materia. Os motivos para recorrer a unha empresa externa para esta operación serán de diversa índole. Desde a óptica da administración e do mundo laboral privado esas razóns poderían parecer perfectamente razoables unha vez enumeradas como unha ladaíña: non contar con persoal apropiado ou libre doutras tarefas, acudir a un axente externo e teoricamente neutral, ou dinamizar a contorna empresarial poderían esgrimirse entre elas.

Reformulemos agora esta transacción na lóxica do lucro e da economía real. A consultora Z, polo medio estipulado pola administración X, consegue unha contratación para a realización dunha avaliación do Fondo Tecnolóxico en Galicia. Como toda transacción que leva a cabo esta consultora, e calquera empresa, o obxectivo será levar a cabo os traballos correctamente e, por suposto, lograr a satisfacción do cliente X.

Ata aquí todo ben. Pero, que significa lograr a satisfacción do cliente? Simplemente ofrecer uns resultados que contenten ao pagador. Cal é o problema entón? Como ben sabe o lector, a propia administración pública, neste caso X, intervén nos seus distintos niveis na planificación das políticas, no deseño de programas, na creación de liñas de axuda específicas e, en último termo, na propia xestión de subvencións do Fondo Tecnolóxico en Galicia. Ademais, no caso dos Fondos Europeos, as administracións autonómicas e incluso a estatal están parcialmente suxeitas ás decisións de Bruxelas. Por suposto esta información tamén é coñecida pola empresa de consultoría Z que realiza os traballos de avaliación. Dado que Z quere realizar os traballos correctamente, cobrar e, se pode ser, cumprir de maneira que o seu pagador –a administración pública X- valore volver contratalos no futuro, os resultados que amosen os traballos feitos por Z non poden deixar en moi mal lugar a X.

Desta maneira, lévanse facendo durante anos moitas avaliacións de programas e Fondos centrándose en cifras relativamente superficiais como: mobilizamos tantos fondos, participaron tantas empresas e fixéronse non sei cantos proxectos. Resultado de avaliación dos Fondos e da actuación da administración: sobresaliente ou notable alto, porque non hai que sacar peito en exceso da estupenda xestión, claro.

A pregunta é, xa que logo: como non se van a producir estas lóxicas se os propios programas operativos –instrumentos a través dos que se implementan os Fondos Europeos- inclúen na súa estrutura os recursos de asistencia técnica, empregados para realizar as avaliacións? O efecto clientelar está automaticamente creado desde o nacemento dos programas.

Se a correcta realización de avaliacións de Fondos Europeos (e de programas con outro tipo de recursos) é necesaria para lograr a mellora, e se esta é ademais recoñecida tanto desde o ámbito científico, como pola Comisión Europa, así como por calquera que pretenda realizar unha crítica construtiva, como é posible que sobreviva este mecanismo perverso que fagocita recursos convocatoria tras convocatoria lastrando os posibles resultados que se poderían conseguir? Perante esta situación, sobrevive a parálise producida polo medo á perda dos propios fondos nos territorios receptores, os cales de paso poden empregar os mecanismos xerados para satisfacer os seus intereses.

Que saberemos logo de como é posible optimizar eses resultados? Que descubriremos sobre como solucionar as problemáticas estruturais da economía galega? E as problemáticas de fondo do Sistema Galego de Innovación? Ou sen ir máis lonxe, que saberemos entón do impacto sobre o tecido empresarial do citado Fondo Tecnolóxico en Galicia? A resposta é sinxela: moito menos do que deberiamos saber.

Tal e como dicía o politólogo Yves Mény nun artigo que tiven a ocasión de ler recentemente (García, 2017), non crece a herba á sombra do baobab.

 

Bibliografía

Díaz, M. A., & Izquierdo, B. (2005). La Evaluación de los Fondos Estructurales en la Unión Europea: revisión y balance. Ekonomiaz, Vol. 60 , 178-211.
García, D. (2017). El clientelismo cotidiano en un departamento francés. LE MONDE diplomatique  [ref. de 01/02/2017], p. 24.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.