É o iliberalismo ó que poderíamos aspirar con esta coalición ultraconservadora. A Hungría de Orbán, Turquía ou Polonia durante o goberno do PiS, son algúns exemplos iliberais. Non obstante, os EEUU de Trump son o caso máis actual. Estes sistemas non son ditaduras coma tal, senón que preservan as súas eleccións e pretenden chamarse democráticos. É coma un parasito. Entra no corpo dun animal chamado estado e faise co control das súas institucións
Agora que vivimos nunha campaña electoral constante -nun mundo globalizado coma este somos moitos os que seguimos de cerca cada papeleta dende o Brasil ata Israel- semella que todo foi reducido a un branco e un negro. Naturalmente, esta mensaxe beneficia á mobilización con ese relato de “Pedro e o lobo”, mais tamén implica un risco importante. Coma no conto, cando o pobo escoita repetidamente a ameaza, chega un momento no que a normaliza. Podémoslle chamar “banalización do medo”. Así pois, eses cordóns sanitarios que hai non moito impedían no vello continente a proliferación de movementos de extrema dereita, hoxe fican en descomposición. É por iso que o reducionismo non pode seguir sendo unha estratexia política, e os “slogans” xa non convencen a ninguén. Porque, quizais, o desinterese xeral por isto que é a vida da polis, débese á falta de conversa real ao respecto.
Poñamos un exemplo. Para unha gran parte da poboación conservadora, a ameaza do neofascismo non é tal. Non, porque vivimos nunha democracia liberal e a posibilidade de que un goberno PP-Vox nos leve a unha ditadura soa a distopía. E iso é un erro que cometemos na esquerda. É unha hiperbolización dicir que -por moi franquistas que sexan moitos integrantes destes partidos- un goberno tal suporá volver a 1939. Así pois, a ameaza real que hai detrás disto, perde credibilidade. E cando unha ameaza perde credibilidade, a sociedade é inconsciente do risco que supón. Debemos, entón, deternos a falar. Iso tamén é un acto de resistencia democrática nun mundo sloganizado.
Se tan só afondáramos un intre, poderíamos ser precisos e dicir que é o iliberalismo ó que poderíamos aspirar con esta coalición ultraconservadora. A Hungría de Orbán, Turquía ou Polonia durante o goberno do PiS, son algúns exemplos iliberais. Non obstante, os EEUU de Trump son o caso máis actual. Estes sistemas non son ditaduras coma tal, senón que preservan as súas eleccións e pretenden chamarse democráticos. É coma un parasito. Entra no corpo dun animal chamado estado e faise co control das súas institucións, alimentándose e nutríndose do que habita nel, así ata que só se preserva a súa morfoloxía externa.
“Os medios públicos non poden mentir. Pedimos desculpas por telo feito durante moitos anos”. Podería ser perfectamente un comunicado da TVG, mais isto foi emitido pola M1 -a televisión pública húngara- en xullo do 2026, despois de que o goberno ultraconservador de Viktor Orbán fora derrocado tras 16 anos no poder
“Os medios públicos non poden mentir. Pedimos desculpas por telo feito durante moitos anos”. Podería ser perfectamente un comunicado da TVG, mais isto foi emitido pola M1 -a televisión pública húngara- en xullo do 2026, despois de que o goberno ultraconservador de Viktor Orbán fora derrocado tras 16 anos no poder. Durante o seu mandato, os servizos estatais de comunicación foran empregados sistemáticamente coma unha ferramenta de propaganda, nas que asociaba recurrentemente a delincuencia á inmigración. O Partido Popular xa instrumentalizou as cadeas autonómicas coma parte da súa estratexia política -TVG, Telemadrid, Canal Sur...- e non sería de extrañar que, en coalición, fixera o mesmo a nivel estatal. Entre outras cousas, porque xa advertiron que o fenómeno “mileinial” da motoserra non lles será suficiente.
“Polonia infrinxiu o dereito da Unión”. Así falou o Tribunal de Xustiza da Unión Europea no 2018, despois de que o goberno iliberal de Andrzej Duda aprobara unha nova lei de xubilación dos xuíces. Reducindo a idade de xubilación dos 70 aos 65 anos, esta lei permitía desfacerse dunha parte do poder xudicial e substituíla a dedo segundo a súa afinidade, unha violación clara da separación de poderes. Se ben a estrutura do noso estado é resistente a esta clase de perigos, a realidade e que nestas eleccións decídese o futuro do Tribunal Constitucional e o Consello Xeral do Poder Xudicial. O que está claro é que tamén temos precedentes do uso político xudicial para derrubar aos opoñentes de PP e Vox. É o caso “Mónica Oltra”, mais tamén outros recentes nos que o comportamento e a opacidade da xustiza foron, canto menos, cuestionables.
“Esta obra de teatro remata aquí” – Noelia Díaz Vaca, concelleira de Familia, servizos sociais e muller polo Partido Popular. Foi durante un monólogo feminista no 8M en Collado Villalba, que a propia concelleira interrompeu a obra -con todo o “dereito do mundo”, segundo ela- polo que consideraba unha “falta de respecto”. Recentemente PP e Vox cancelaron tamén unha obra teatral sobre Lorca en Valladolid, alegando “motivos loxísticos”. Sen falar, por suposto, da súa vontade de purgar as escolas de contidos relacionados co ámbito afectivo-sexual e a memoria histórica.
Ao que nos enfrontamos nestas eleccións é ao caciquismo de estado. A esa instrumentalización de todo o que poden controlar para controlalo todo. E o máis obsceno de todo, é que o farán coa democracia nos beizos
É un exercicio de verdade dicir que estar na Unión Europea é unha seguranza que nos permite saber que, no caso de que descendan os nosos dereitos e calidade democrática, existirán sancións e actuacións legais por parte un organismo superior. É por iso que a extrema dereita é contraria á UE, porque lles impide levar a cabo os seus proxectos sen represalias políticas. Non obstante esas hipotéticas actuacións, tamén nos afectarían a nós, o cal tampouco é desexable.
Ao que nos enfrontamos nestas eleccións é ao caciquismo de estado. A esa instrumentalización de todo o que poden controlar para controlalo todo. E o máis obsceno de todo, é que o farán coa democracia nos beizos.