Colimbos ou movellas

Gavia Stellata CC-BY-SA Pascal Aleixandre

Lendo recentemente o libro: “Delicioso suicidio en grupo” de Arto Paasilinna na tradución de Rinoceronte Editora, atopeime en dúas ocasións coa verba “colimbo”, que decontado coidei un castelanismo máis que se coara no texto, mais a miña sorpresa foi maiúscula cando comprobei que a palabra estaba admitida como correcta no dicionario da RAG

Lendo recentemente o libro: “Delicioso suicidio en grupo” de Arto Paasilinna na tradución de Rinoceronte Editora, atopeime en dúas ocasións coa verba “colimbo”, que decontado coidei un castelanismo máis que se coara no texto, mais a miña sorpresa foi maiúscula cando comprobei que a palabra estaba admitida como correcta no dicionario da RAG. Neste descríbese esta ave dun xeito moi xeral pro sen denominar ningunha especie concreta nin co seu nome vulgar nin científico, indicando que hai numerosas especies, o cal é moi esaxerado porque soamente hai cinco especies recoñecidas: Gavia adamsii (movella de bico branco ou movella biquibranca), Gavia arctica (movella ártica), Gavia immer (movella grande), Gavia pacifica (movella do Pacífico) e Gavia stellata (movella pequena); e que son propias do Ártico, afirmación que tampouco se corresponde coa verdade, pois algunhas especies crían tan ao sur como Terranova, os Grandes Lagos de Norteamérica, Escocia ou o sur de Escandinavia, así que o correcto sería describilas como propias do norte da rexión holártica.

Como se ve tódalas especies pertencen a un mesmo xénero: Gavia, encadrado nunha soa familia: Gaviidae. Polo que chama a atención que o dicionario recolla a existencia dos “Colímbidos”, que segundo o mesmo inclúe aves como os “somorgullos”, mais nada di dos “colimbos” como sería de esperar. En realidade, os somorgullos pertencen á familia dos Podicipedidae, e estas aves si se poden de cualificar como composta de numerosas especies (vinte especies vivas con seis xéneros diferentes), mais nada teñen que ver cos “colimbos” agás a súa parecida adaptación ao medio acuático. O termo “colímbidos” é obsoleto e ningún manual ou libro ornitolóxico actual o recolle, mais se cadra os lexicógrafos da RAG consultan os libros herdados dos seus avós. Dígoo porque ata o século XX “somorgullos” e “colimbos” estiveron clasificados na mesma orde dos “colimbiformes”, soamente pola súa semellanza morfolóxica causada por unha evolución converxente, mais despois quedaron separados en dúas ordes diferentes: Podicipediformes e Gaviiformes; e en 1956 a Comisión Internacional de Nomenclatura Zoolóxica suprimiu o xénero “Colymbus” e estabeleceu o “Gavia” no seu lugar.

Xa que logo, “colimbo” é o cultismo que adoptou o castelán pra denominar estas aves, tomándoo do seu antigo nome científico: colimbo < grego: kólymbos (mergullador), polo que dificilmente pode ser unha denominación patrimonial do galego, que a diferenza do castelán conta con varios nomes populares pra denominar algunhas destas especies que invernan nas nosas costas: mavea, momella, movella e patoula (Mª C. Ríos Panisse, Nomenclatura de la Flora y Fauna Marítimas de Galicia, USC, 1983), dos cales destaca “movella” como o máis empregado e, amais, coincide co nome estándar portugués: mobelha. Este nome tamén vén recollido no dicionario da RAG (“movella”) e describe de forma xeral a mesma especie que describe en “colimbo”, mais sen relacionar ámbolos termos, coma se describisen tipos de aves diferentes –outro punto prós lexicógrafos da academia–. 

As guías e manuais ornitolóxicos hai tempo que resolveron a ineptitude dos nosos lexicógrafos, denominando “movellas” (en portugués: mobelhas) as aves da familia Gaviidae e “mergullóns” (en portugués: mergulhões) ás da familia Podicipedidae

O Gran Dicionario Xerais da Lingua tamén recolle ámbalas denominacións, como tamén os desfasados “colímbido” e “colimbiforme”, asignando o xénero Gavia a “colimbo” e a especie Gavia Immer a “movella” pro sen relacionar ámbolos vocábulos. E o dicionário Estraviz dá tanto no cravo coma na ferradura: recolle “colimbo”, cunha descrición xeral da ave pro sen dar nome científico, e tamén “mobelha”, con dúas identificacións, a de Gavia immer e a de Phalacrocorax carbo; porén, tamén recolle especificamente os nomes das cinco especies de movella: “mobelha-de-bico-amarelo” (Gavia adamsii), “mobelha-de-garganta-preta” (Gavia arctica), “mobelha-do-pacífico (Gavia pacifica), “mobelha-grande” (Gavia immer) e “mobelha-pequena” (Gavia stellata), que son os mesmos do portugués. E finalmente o Dicionario Rinoceronte castelán-galego recolle como tradución principal do colimbo castelán: “colimbo”, aínda que tamén inclúe “movella” como sinónimo e traduce os nomes de tres das especies: colimbo ártico > colimbo ártico, colimbo chico > colimbo pequeno e colimbo grande > colimbo grande, mais polo menos asigna a ave ás gaviformes –no seu descargo hai que dicir que a base deste dicionario é o “dicionario castelán-galego da RAG”–.

Ende ben, as guías e manuais ornitolóxicos hai tempo que resolveron a ineptitude dos nosos lexicógrafos, denominando “movellas” (en portugués: mobelhas) as aves da familia Gaviidae e “mergullóns” (en portugués: mergulhões) ás da familia Podicipedidae. Xa no 2010 Silverio Carracedo demostrou a pertinencia de “mobella” como denominación de Gavia spp. no seu artigo: “Precisión ornitóloxica 2: mobella, non *colimbo” publicado en “Un idioma Preciso, nº142, da USC”. Por favor consulten estes, mesmo a deostada –moitas veces inxustamente– wikipedia galega, namentres os lexicógrafos da RAG sigan sen consultar as denominacións de flora e fauna con asesores científicos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.