Colón, ADN: a verdadeira orixe?

Imaxe da capa de 'Á demanda do berce infalíbel de Cristovo Colón' © Baía Edicións

Logo do que indaguei para o libro síntome con dereito a opinar que, se moitas das teses visitadas eran mera especulación localista propia de tabernas e patios de veciños, o audiovisual non acada ese nivel na súa argumentación e conclusións

Alá por 2010 asinaba eu Á demanda do berce infalíbel de Cristovo Colón (Baïa Edicións). Baixo aparencia de novela revistaba unhas trinta teorías sobre o lugar natal de Colón. Non buscaba probarlle unha orixe galega, máis ben denunciar a ausencia de método científico en moitas daquelas hipóteses. O libro non mereceu ningunha crítica negativa. Nin favorábel. Ningunha.

Agardei sen entusiasmo e contemplei sen atención o documental, tan anunciado, que o día 12 mostrou TVE. Logo do que indaguei para o libro síntome con dereito a opinar que, se moitas das teses visitadas eran mera especulación localista propia de tabernas e patios de veciños, o audiovisual non acada ese nivel na súa argumentación e conclusións. Acabei por revisalo máis demoradamente.

Sen probas apreciábeis propúxose algún Cristovo Colón nacido na Suíza, Irlanda, Sevilla, Noruega, Rusia, La Alcarria, Polonia, Oliva de la Frontera… América! Xulgo normal que o documental, que mencionaba 25 pretendidas orixes, non tomase estas en consideración.

Á demanda do berce infalíbel de Cristovo Colón © Baía Edicións

O que me parece anómalo é que a investigación se restrinxise ás propostas nas que se podía obter un ADN. Coñezo cando menos tres pretendidos Colombos portugueses, dous Colom cataláns, dous mallorquíns e un de Eivisa, alén dos pouco consistentes de Calvi en Córsega e Ghíos no Exeo que induciran a miña humilde investigación. O científico documental limitouse ás propostas que conviñan aos organizadores: só aquelas onde podían contar con algún cadáver. 

O que me parece anómalo é que a investigación se restrinxise ás propostas nas que se podía obter un ADN

Dentro dos finalistas ían dúas teorías galegas: o ADN rexeitou categórico a identificación co Pedro Madruga, proposta que en Galiza xa se desbotara con razóns histórico-documentais. A outra é a máis antiga, a de Celso García de la Riega, un Colón do Porto Santo que achega certos argumentos: este documental rexéitaa despótico só con declarar «en el análisis de Poio no salió ningún ADN, porque era un material que estaba muy degradado. [...] De acuerdo a estos datos [...] la teoría gallega queda descartada». Aí fica iso. Alguén imaxina conclusión máis arbitraria?

A filiación xudía do Colón non ten nada de novo: xa a propuxera Salvador de Madariaga e expandíraa o famoso caza-nazis Simon Wiesenthal. O que me emociona en xeito definitivo é o rigoroso método deses científicos para excluíren o candidato tradicional xenovés: eu coido que o reforza

Non escribo isto por vindicar o Colón galego, cousa que o meu libro non facía. Hai moito máis. 

A inxenua técnica da produción foi a da progresiva eliminación de candidatos até chegar a un the winner is… Para acadar con suspense ese final entremeten algúns ignotos (Espinosa de Henares, os agotes navarros) para desembocaren nun Colón hebreo: «rasgos compatibles con origen judío», sen outra explicación; e unha mentira manifesta: «el ADN indica que Cristóbal Colón tuvo un origen mediterráneo, en el Mediterráneo occidental». No ehpañó, faltaría máis. Seguramente de Valencia, declara no mesmo documental, oufano e gratuíto, o gañador.

Ter trazos compatíbeis en absoluto asegura identidade. A filiación xudía do Colón non ten nada de novo: xa a propuxera Salvador de Madariaga e expandíraa o famoso caza-nazis Simon Wiesenthal. Eu de ADNs nada sei. Mesmo así, vivo na seguridade de que esa proba é incapaz de determinar etnia ningunha con seguridade, ao máis unha relativa probabilidade: non existe un ADN xudeu, un de tecedor tampouco, non hai un ADN mediterráneo, moito menos mediterráneo occidental. Aí está a costa das Galias, que os astutos realizadores eliminan expeditivos con que «no existen teorías sólidas ni indicios claros de que Cristóbal Colón pudiera ser francés». O seu Cazeneuve-Coullon non ten menos méritos que os sobreditos.

Non tiñan decidido de antes un gañador que encubrise ben os països cataláns, sen se decantaren por un concreto. Non o inseriron a calzo, verdade?

Con todo, o que me emociona en xeito definitivo é o rigoroso método deses científicos para excluíren o candidato tradicional xenovés: eu coido que o reforza. Tras daren por seguro que era xudeu, o gañador do premio explícanos que en Génova los judíos fueron expulsados en pleno siglo XII, de onde o documental conclúe categórico a imposibilidade dun Colón xenovés se «en Génova no había judíos en el siglo XV». De súpeto esquecen os conversos que eles mesmos mencionan? 

Non tiñan decidido de antes un gañador que encubrise ben os països cataláns, sen se decantaren por un concreto. Non o inseriron a calzo, verdade?

'Primer desembarco de Cristóbal Colón en América', obra de Dióscoro Puebla. Dominio Público

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.