Colón non era galego (ou si) pero a documentación histórica proba a existencia do apelido na Pontevedra do século XV

Fragmento dun documento de 1430 no que Afonso García, abade de San Xoán de Poio, reconoce que debe 274 maravedís a Martiño González, marinero vecino de Pontevedra. Nel menciónase a 'Branqa Colón' (Branca Colón) © Col. de la Riega

Nos últimos días o debate historiográfico sobre as orixes de Cristóbal Colón cobrou máxima actualidade despois da emisión en TVE do documental Colón ADN, duramente criticado pola falta de rigor e metodoloxía científica

Nos últimos días o debate historiográfico sobre as orixes de Cristóbal Colón cobrou máxima actualidade despois da emisión en TVE do documental Colón ADN. Su verdadero origen, que amosou os resultados de traballos de análise xenética que segundo os seus autores -o forense José Antonio Lorente- acreditarían a súa orixe xudea sefardí. O documental está a recibir duras críticas non só polo formato de presentación dos resultados, senón por non ir acompañada dunha publicación nunha revista científica que debulle a metodoloxía empregada e permita a súa discusión por pares. Ademais, critícase a renuncia a acompañar esta investigación xenética dos restos de Colón da necesaria análise historiográfica.

Aínda que a maior parte dos historiadores non dubidan de que Colón naceu en Xénova, foron moitas as teorías que dende o século XIX apuntaron a outras orixes. Tamén hai tempo que se apuntara a posibilidade de que procedera dunha familia sefardí, independentemente do seu lugar de nacemento; así o fixo por exemplo o coruñés Salvador de Madariaga. 

Aínda que a maior parte dos historiadores non dubidan de que Colón naceu en Xénova, foron moitas as teorías que dende o século XIX apuntaron a outras orixes

Entre as teorías alternativas sobre o lugar de nacemento de Colón unha das que adquiriu unha maior solidez e tamén tivo un percorrido máis longo foi a que defende que o navegante era galego. En realidade, son tres teorías distintas as que apuntan ás orixes galegas de Colón, algunha con nulas bases históricas (como a que defende que foi Pedro Madruga, que mudou o seu nome) e outras con algo máis de consistencia, aínda que baseadas principalmente en probas circunstanciais e algún que outro salto de fe.

Celso García de la Riega Dominio Público

Celso García de la Riega presentou en 1898 unha orixinal teoría: Colón procedía dunha familia pontevedresa. A súa hipótese contou con importantes apoios entre a colectividade galega emigrada en América, pero en Galicia e no resto do Estado español foi duramente contestada ou ignorada 

O escritor e historiador pontevedrés Celso García de la Riega, nacido en 1844, presentou en 1898 na Sociedad Geográfica de Madrid unha orixinal teoría: Colón procedía dunha familia pontevedresa. Foi o primeiro en refutar a teoría sobre a orixe xenovesa do navegante e fíxoo apoiándose en documentación medieval á que accedera, que acreditaba a existencia na Pontevedra do século XV de persoas apelidadas Colón. Ademais, apuntaba outros argumentos, como a coincidencia entre topónimos das Rías Baixas e outros empregados nalgunhas das primeiras terras descubertas en América durante as viaxes do navegante.

A súa teoría contou con importantes apoios entre a colectividade galega emigrada en América, pero en Galicia e no resto do Estado español foi duramente contestada ou ignorada e, por exemplo, García de la Riega só puido publicala pouco antes da súa morte en 1914 e unicamente grazas ao apoio do empresario Enrique Peinador, que financiou a obra.

A comezos do século XX varios informes concluíron que a documentación na que García de la Riega baseaba a súa teoría era falsa. Porén, nos últimos anos novas análises realizadas por especialistas veñen probando a veracidade dos mesmos

De feito, foron varios os informes que aseguraron que os documentos históricos nos que se baseaba García de la Riega eran falsos. Así o asegurou Manuel Serrano y Sanz nun artigo publicado na revista Archivos y Bibliotecas e, sobre todo, o crego compostelán Eladio Oviedo Arce, membro da Real Academia de la Historia e da Real Academia Galega, e declarou que os documentos foran falsificados ou manipulados. Un posterior informe da Real Academia de Historia, en 1928, coincidiu nas conclusión de Oviedo Arce.

Porén, todo cambiou nos últimos anos. Dende a pasada década, novas análises realizadas por especialistas veñen probando a veracidade dos documentos estudados por Celso García de la Riega e nos que basea a súa teoría. Probas, en todo caso, unicamente da existencia de persoas apelidadas Colón na Pontevedra da época e pouco máis que avalase a relación do navegante con Galicia.

Mandamento outorgado polo rexemento da vila de Pontevedra a Martiño de Gabín e Fernando García para que paguen a Domingo Colón e a B. Fonterosa polo alugueiro de bestas para levar peixe a Santiago. Documento de 1437 © Museo de Pontevedra

A empresa compostelá dehistoria analizou, a petición da asociación Cristobal Colón Galego, estes documentos, descubertos e estudados a finais de do século XIX por Celso García de la Riega

A empresa compostelá dehistoria analizou, a petición da asociación Cristobal Colón Galego, estes documentos, descubertos e estudados a finais de do século XIX por Celso García de la Riega. As especialistas de dehistoria aplicaron na análise as metodoloxías da profesión e as técnicas e o coñecemento histórico actual do que carecían hai cen anos. E concluíron "a partir da metodoloxía da paleografía e a diplomática, dos coñecementos que hoxe temos sobre o galego medieval e dos sucesos daquel tempo" a autenticidade das escrituras

As especialistas sinalan que os documentos de Celso García de la Riega "son auténticos e certifican a presenza dunha familia de apelido Colón na vila de Pontevedra na segunda metade do século XV". Aínda que, iso si, "non documentan a ningún Cristovo/Cristobal polo que non é posible afirmar desde os datos dispoñibles e o seu estudo científico que os nosos Colón estean na orixe do Almirante".

As súas conclusións foron ademais publicadas en forma de comunicación no XII Congreso Internacional Historia del Papel en la Península Ibérica, celebrado en Santa Maria da Feira (Portugal) en 2017.

As especialistas sinalan que os documentos de Celso García de la Riega "son auténticos e certifican a presenza dunha familia de apelido Colón na vila de Pontevedra na segunda metade do século XV"

As especialistas de dehistoria destacan que "un dos elementos da súa autenticidade" é o feito "de estaren inseridas en libros que rexistran escrituras en orde cronolóxica". "Son algo parecido ao que hoxe chamamos actas, nas que unha noticia vai inserida a continuación doutra e antes da seguinte", comentan. Así mesmo, salientan que "os volumes que conteñen eses documentos son auténticos, pola súa tradición e custodia ininterrompida e por estaren asinados polos notarios públicos asistentes ao outorgamento dos asuntos de que se trata".

Subliñan que "as escritura, redacción e tenor documental, marcas de autenticación etc. coinciden coas que estaban en uso na Galicia e na Pontevedra do seu tempo". Ademais, explican que "nada na súa materialidade fai pensar nunha inserción ou manipulación". E aínda que si sinalan que "hai nalgunhas escrituras evidencia dunha man posterior que reescribiu letras puntualmente", empregando tinta habitual no século XIX, os informes complementarios "indican que non se corrixiu ou manipulou o texto orixinal senón que se remarcou para que resultasen mais lexibles as letras presentes".

Páxina completa na que se atopa o fragmento anterior. Trátase de notas dunha sesión do concello e rexístranse como un protocolo. Ao inicio da acta vai a data e os nomes dos presentes, logo van debullando os temas e os paragrafos importantes van pechados ao final cunha liña oblicua que impide insercións posteriores que non sexan froito do traballo da notaría © Museo de Pontevedra

"Hai elementos formais e de protocolo que nos permiten asegurar que os documentos son auténticos e tamén lingüísticos", destaca. Ademais, "hai argumentos en relación á lingua que hai un século se empregaron para dicir que os documentos eran falsos e hoxe sabemos que non, que eran usos normais da lingua", engade

Mercedes Vázquez Bertomeu, unha das especialistas de dehistoria que analizou os documentos, explica en conversa con Praza.gal que "nós o que fixemos foi ir consultar a documentación orixinal, que foi o que tamén fixera o señor De la Riega". "Hai elementos formais e de protocolo que nos permiten asegurar que os documentos son auténticos e tamén lingüísticos", destaca. Unha boa oportunidade -alén da discusión sobre as orixes de Colón- para coñecer mellor como se traballa para un mellor coñecemento da Historia co emprego das ferramentas e metodoloxías da profesión.

Vázquez Bertomeu comenta que "hai argumentos en relación á lingua que hai un século se empregaron para dicir que os documentos eran falsos e hoxe sabemos que non, que eran usos normais da lingua". Porén, engade, "na actualidade coñecemos moita máis documentación medieval galega que a que se coñecía hai un século. E coñecemos mellor aquela época e tamén a lingua que se empregaba". "Ese mellor coñecemento que temos do galego empregado no século XV permítenos recoñecer mellor os documentos que son verdadeiros e os usos lingüísticos que existían, uns usos que eran dubitativos e que variaban moito, ao non existir unha lingua uniformizada", engade. 

A especialista de dehistoria amósase crítica co documental emitido hai uns días: "no documental falouse moito do enfoque xenético, pero non había historiadores. Dicir o que se dixo e nada é o mesmo"

Hai cen anos tamén se fixo fincapé na presenza de marcas escritas sobre o texto orixinal, cunha tinta diferente á empregada no século XV, resaltando algunhas letras e palabras, entre elas por exemplo o apelido Colón cando aparece, para que se vise mellor. Porén, a análise detallada realizada por dehistoria sinala que unicamente se marcaron por riba trazos xa existentes e non engadiron nin cambiaron nada.

Á vista dos docomentos "parece claro que estas persoas apelidadas Colón son xente que leva dúas ou tres xeracións como mínimo". E engade que "todo isto sabémolo polo contexto histórico, que moitas destas teorías esquecen. Agora sabemos moito sobre como era a Pontevedra do século XV, en cambio hai un século sabíase moi pouco do tema".

Ribeira dos Peiraos de Pontevedra, entre 1910 e 1915 © Fototipia Thomas / Deputación de Pontevedra

"Nós empregamos as ferramentas de traballo dun historiador e a metodoloxía. E iso é o que non se viu no documental e en moitas destas teorías que saen por aí sobre as orixes de Colón", di Mercedes Vázquez Bertomeu

Mercedes Vázquez Bertomeu reitera que "estes documentos son verdadeiros, pero de aí a que isto probe que estes eran familiares de Colón, aí non nos metemos". Ademais, amósase crítica co documental emitido hai uns días ("no documental falouse moito do enfoque xenético, pero non había historiadores. Dicir o que se dixo e nada é o mesmo", afirma) e tamén con moitas das teorías que circulan ao redor das orixes de Colón.

A historiadora conclúe: "Nós empregamos as ferramentas de traballo dun historiador e a metodoloxía. Ti podes saber moito de historia, pero hai que empregar a metodoloxía e as ferramentas desta profesión. E iso é o que non se viu no documental e en moitas destas teorías que saen por aí sobre as orixes de Colón".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.