Como o capital privado se converte no dono do público

CC-BY-SA Praza Pública

A Xunta de Galicia segue o guión neoliberal de irlle entregando ao capital privado cada vez mais servizos e activos públicos o que leva a que neste pais o capital privado se estea convertendo no “puto amo” do público e do social

Como sinalaba nun artigo anterior a Xunta de Galicia segue o guión neoliberal de irlle entregando ao capital privado cada vez mais servizos e activos públicos o que leva a que neste pais o capital privado se estea convertendo no “puto amo” do público e do social. Se nese artigo me centraba no caso da sanidade pública agora quero subliñar que esta practica se está estendendo a maioría das políticas públicas pero destacando entre elas as que teñen que ver co estado de benestar: sanidade, ensino, maiores, familia, desemprego, exclusión social...... Unha práctica que está colaborando ao despoboamento de moitas áreas do pais: un pobo sen centro médico, sen escola, sen centro de día públicos é un pobo morto.

Unha das razóns que explican o éxito inicial do neoliberalismo, que logo se convertería nunha longa crise, foi a súa capacidade para convencer as maiorías de que os fallos recorrentes do capitalismo non eran debidos ao mercado senón ao excesivo peso do público o que levou a ineficacia e ao desperdicio: “o Leviatán transformárase nun monstro”. Un dogma de infravaloración do público que non so sería adoptado polas dereitas senón tamén por moitas das esquerdas como por caso as coñecidas como “terceira vía”.

Un dogma que segue dominando a eurozona a pesares dos recorrentes fracasos recollidos. Os dirixentes comunitarios continúan mantendo que para superar esta grande recesión, ou policrise, segue sendo necesario reducir o estado “estragador” velaí, por caso, a súa teima por manter regras fiscais, que recortan o gasto público, a pesares do fracaso das anteriores. Velaí que cando xa non quedan dúbidas de que foi a débeda privada (maiormente dos bancos) quen provocou a crise última se sega defendendo que esta foi por mor da elevada débeda pública. Que se sega premendo aos estados europeos do Sur (Portugal, España, Italia, Grecia) para que reduzan o peso do público a pesares de que é moito menor que nos estados de Europa Central (Alamana, Francia...). Que se manteña unha política monetaria que favorece descaradamente os grandes bancos, fondos de investimento e empresas. Uns dogmas e unha ideoloxía que conducen a que o capital privado se vaia convertendo no puto amo do público.

Estes triunfos do capital privado que lles permiten “facerse os putos amos do público” é posible grazas a que os defensores do neoliberalismo conseguiron convencernos a inmensa maioría de que, en contra da realidade, os “mercados son perfectos” e que si son imperfectos é algo excepcional

Uns dogmas que, por caso, ocultan as razóns dos fracasos da acción pública como que estes viñeron, en moitos casos, por mor de que o estado ben actuou como unha empresa privada en sectores en crises (banca, aeronáutica, farmacia..) ben empregou estratexias equivocadas. Que tamén ocultan (como ben puxo en evidencia, de forma muy brillante, Mariana Mazzucato en: “El estado emprendedor. La oposición publico VS privado y sus mitos) que a inmensa maioría de sectores e empresas de éxito (velaí os casos paradigmáticos da industria informática, internet, industria farmacéutica, biotecnoloxía e nanotecnoloxía, tecnoloxía verde) o foron grazas a un inicial e moi forte investimento público. Claro que os defensores do privado souberon actuar para posteriormente apropiarse estes “éxitos” do sector público e facerse “os putos amos” (velaí as GAFAM e o seu dominio do sector). Un éxito privado que contou coa axuda duns estados, uns gobernos, que non souberon defender os éxitos da súa xestión. Algo que recentemente puidemos comprobar coa pandemia da COVID.19 cando a industria farmacéutica se beneficiou dos fortes investimentos públicos na produción de vacinas: o gasto o fixeron os gobernos, o “éxito” se o apuntaron as farmacéuticas.... a pesar da “intromisión do estado” segundo a propaganda daquelas.

Se os investimentos e outros gastos públicos son imprescindibles para o mantemento e desenrolo dos servizos públicos en Galicia (sanidade, ensino, maiores, familia, desemprego...) por que o Goberno galego de quenda (PPdeG) non mantén unha presencia forte nos mesmos e llos esta entregando a iniciativa privada cos resultados coñecidos?

Estes triunfos do capital privado que lles permiten “facerse os putos amos do público” é posible grazas a que os defensores do neoliberalismo conseguiron convencernos a inmensa maioría de que, en contra da realidade, os “mercados son perfectos” e que si son imperfectos é algo excepcional. Con tales argumentos tamén conseguiron convencernos de que o papel do Estado debe circunscribirse simplemente a corrixilos “fallos do mercado” (velaí o caso dos rescates bancarios) a pesar de que, ao longo da historia, o Estado foi o auténtico emprendedor sen o cal non tería sido posible o “éxito” da maioría de sectores e empresas.

A pregunta que cabe facerse diante destas evidencias históricas é a seguinte: si o Estado cos seus investimentos públicos foi decisivo para o xurdimento e o desenrolo de moitas actividades e empresas exitosas por que limitar o seu papel ao “impulso” -que é cando hai que facer investimentos fortes e as ganancias son pequenas ou negativas por que o risco é maior- e non manter posteriormente a súa presencia cando xa dan ganancias?. A resposta é moi sinxela: por que o neoliberalismo conseguiu que o Estado sexa o prisioneiro do capital privado a pesares de que este se negue a financialo.

Volvendo ao principio: si os investimentos e outros gastos públicos son imprescindibles para o mantemento e desenrolo dos servizos públicos en Galicia (sanidade, ensino, maiores, familia, desemprego...) por que o Goberno galego de quenda (PPdeG) non mantén unha presencia forte nos mesmos e llos esta entregando a iniciativa privada cos resultados coñecidos?.


 

Lecturas recomendadas

  • El estado emprendedor” Mariana Mazzucato.
  • “La gran transformación. Critica del liberalismo económico” Karl Polanyi

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.