Sabemos que o pensamento ilustrado abriu a senda do feminismo. Xa non se podía dubidar da igualdade entre os sexos, e de que isto significaba unha equivalencia socio-política no referente a dereitos e deberes.
Seguindo esta argumentación resulta unha incoherencia excluír ás mulleres da vida ou do traballo público en igualdade cos homes. Tampouco é posible deixalas fóra no desenvolvemento dunha teoría política na que a persoa individual, como ser racional, igual e libre, é a clave dunha sociedade que acaba cos estamentos e inxustiza social do Antigo Réxime.
Até aquí chegamos, e parece que así é se observamos o carné de Identidade feminino, ou o resto dos documentos, de sanidade, de conducir, etc. Igualmente comprobamos a súa individualidade á hora da propia contribución como cidadá á Facenda. Teñen conciencia as mulleres, da súa responsabilidade cívica. Ou sexa, os deberes como cidadá están claros.
E aínda fan un traballo exclusivo, perigoso, doloroso, a costa da propia saúde física e mental, que consiste en parir, criar e educar as criaturas que rexeneran as civilizacións.
Pero todo isto perde vixencia se observamos a realidade social.
Pódese comprobar que aínda tendo un carné de identidade igual aos homes, son seres pouco valoradas, dependentes, insolventes, mal consideradas en todos os aspectos, agás os dos sentimentos e as emocións, o sacrificio e abnegación que sempre se lles concede. Son os chamados valores femininos.
As clasificacións do feminino e o masculino parecen marcas indelebles nas mentes aínda que sexan discordantes coa razón, co sistema social, co Goberno e coa democracia que se presupón. Son valores totalmente arraigados e considerados o normal.
Ula a igualdade cando se nos adxudican un espazo, un sistema privado que anula a personalidade e independencia das mulleres?
A separación das esferas públicas e privadas está establecida e conforma as identidades: o masculino, na pública, e o feminino, na privada. O privado é un espazo escuro, reservado, oculto para o mundo. É xustamente iso, privado. Privado de leis, privado de ordenamentos políticos, privado de moral, privado das normas e comportamentos que rexen o Estado na esfera pública.
No privado, o dominio é masculino, do chamado pater familiae, por costume, por tradición. O dito no matrimonio: “Muller te dou” , dígase ou non, é interpretado por cada home como dogma, e que as mulleres, todas, aínda que non fixeran o Servizo Social obrigatorio, coma na ditadura fascista, saben realizar o labor do fogar, as tarefas da casa, propias do seu sexo, por sabedoría innata. E que, así mesmo, está no seu ADN, a tendencia a servir, a coidar, a respectar os homes, xa desde nenas, a aturar o control, dos mesmos, mesmo se son compañeiros no ensino.
E se ben, en ambientes máis cultos, semella que o poder masculino está xa moi debilitado, na maioría dos redutos privados non o está. A proba é que nese ambiente teñen lugar os mal tratos e os asasinatos de mulleres e criaturas que se producen, e se incrementan, ano tras ano.
Crimes que non alporizan nin descontrolan a “sus señorías” no Parlamento. A min alporízame, descontrólame e indígname unha situación na que as mulleres viven nun País cunha Constitución onde non consta nada disto; nun Estado onde as mulleres teñen unha identidade pública como os homes, pero, na realidade, a súa individualidade está disgregada, por unha subordinación ao home público na esfera privada, e pola aceptación para si mesma dos valores da “natureza” asignados. Onde está isto escrito? Como se tolera esa falacia? Como se permite contradicir a Constitución e esnaquizar a personalidade das mulleres en diferentes esferas coma se fosen pezas dun cadro cubista?
Entretidos nos asuntos públicos, “sus señorías” non tratan este asunto de máxima importancia. E non o tratan porque a ningún lle interesa cambiar a situación, nin desde o punto de vista económico nin no persoal. As mulleres que están no Parlamento non están aí como feministas, senón como mulleres que acceden ao mundo público e político como homes, para tratar os temas que preocupan na esfera pública. Aínda que algunha diga que é feminista noutro contexto.
E as feministas, que neste momento teñen o máximo poder de convocatoria, enchen as rúas pero non se lles ocorre encher o Parlamento e reivindicar o mundo público e os seus dereitos como cidadá.