Sería longo e probablemente arriscado de máis explicar as razóns polas que o pensamento gramsciano non tivo moito predicamento entre nós, de quitado última e escasamente. Máis aínda se temos en conta que Gramsci foi, en sentido estrito, un nacionalista que se ocupou largamente nos seus escritos da cuestión nacional italiana, é dicir, da cuestión da unidade italiana, unha unidade que contaba escasamente vinte anos no momento de el nacer, en 1891. Garibaldi, Mazzini, Cavour, os carbonarios... todos eles si forman parte do santuario da primeira xeración nacionalista galega, a rexionalista dos Murguía, Pondal Rosalía e demais que, porén, preferían como modelo de emancipación o da Irlanda atlántica, verde, insular e de feitura venturosamente semellante á galega.
Aínda así, a rendibilidade do pensamento de Gramscis sobre a cuestión nacional resulta evidente cando, por acaso, no seu Príncipe moderno lemos o que segue: “A razón do fracaso sucesivo dos intentos de crear unha vontade colectiva nacional-popular (italiana) debe procurarse na existencia de determinados grupos sociais que se forman coa disolución da burguesía nacional, e no carácter particular doutros grupos que reflicten a función internacional de Italia como sede da Igrexa...”. Como vemos, non é dificil tirar unha analoxía co caso galego.
En efecto, os intereses da Igrexa de Roma superaban con moito os impostos polos límites xeográficos de Italia. O Papado considerábase a si mesmo a capital espiritual de todo Occidente, non só de Italia, e isto tivo unha consecuencia política práctica manifesta: a da súa longa e fera loita por conservar unha independencia política que só cederá contra o último terzo do século XIX, cando é incorporada pola forza e escasamente ao resto de Italia.
Como no caso italiano, os intereses políticos do bispado compostelán excedían con moito os marcos do Piornedo e do Miño. Isto faise patente cando observamos ao longo de toda a Idade Media, a Moderna e mesmo a Contemporánea, como todas as loitas habidas no ambito da Península Ibérica por se desfacer da súa xurisdición relixiosa tiñan por segundo obxectivo desfacerse tamén da influencia política galega.
Así, a secesión política de Portugal respecto de Galicia sería impensable sen a precedente, relixiosa, da sede episcopal de Braga respecto de Compostela e, do mesmo xeito, cando os historiadores ou, por mellor dicir, os fabuladores da ínclita escola historiográfica pelaiana española pretendían construír a posteriori o mito da Reconquista, invocaron para o caso unha intervención divina de procedencia non galaica: a Virxe de Covadonga. A pugna por se desfacer desta incómoda capitalidade relixiosa galega dos territorios hispanos esténdese ao longo dos séculos e coñece capítulos case cómicos, como cando o Conde Duque de Olivares, logo de trasladar a capital dos reinos hipanos a Valladolid, pretende substituír tamén no rango de Patrón de España o Xacobe galego por Santa Teresa de Jesús.
A historia prosegue en pleno século XX. Franco, galego de Ferrol mal que lle pesara, viviu desde 1936 ata a súa morte literalmente pegado ao suposto brazo incorrupto da monxa carmelita de Ávila. Un xeito máis ou menos consciente de purgar a súa procedencia relixiosamente galega? Non nos parece imposible a hipótese. E máis recentemente, esa tremenda cabeza política, a pesar de inimiga, que foi a de Fraga puido argallar a recuperación do Camiño de Santiago como algo máis ca unha operación para atraer os turistas e os seus capitais deica Galicia, senón tamén como unha operación destinada a restaurar o mito xacobeo en España e, coa mesma, o influxo hispano en Galicia. Pero isto non é máis ca unha especulación.
En todo caso, e para concluír, o papel histórico da igrexa compostelá como pexa na construción dunha “vontade colectiva nacional-popular” galega por resultar oposta aos seus intereses como capital relixiosa da Península seméllanos indiscutible e aínda hoxe vixente. O seu contraste co rol moi distinto xogado pola igrexa vasca no seu proceso de construción nacional, tamén.